As Letras 2015, "camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía"

Xuntanza mantida o xoves en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

O pasado xoves unha ducia de entidades sociais e culturais reuníronse en Compostela para explorar e debater vías alternativas de celebración do Día das Letras Galegas en 2015, tras a polémica elección de Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado por parte da Real Academia Galega. Desa xuntanza saíu un primeiro documento de traballo, que nos últimos días foi valorado por cada entidade, e que fai un chamamento á sociedade civil a celebrar o Día das Letras Galegas do vindeiro ano nunha "camiñada conxunta e partillada", fronte aos actos dedicados a Filgueira Valverde, unha figura "que non pode unir ninguén", segundo denuncia o propio texto.

Fai un chamamento á sociedade civil a celebrar o Día das Letras Galegas do vindeiro ano nunha "camiñada conxunta e partillada", fronte aos actos dedicados a Filgueira Valverde

O documento, ao que se pode adherir calquera entidade ou colectivo, está asinado por A Mesa pola Normalización Lingüística, Associaçom Galega da Língua (AGAL), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Comités, CIG-Ensino, Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística (CTNL), Federación de Asociacións Culturais Galegas- Galiza Cultura e Liga Estudantil Galega. O obxectivo é que ao longo do verán se realicen propostas de celebración da Letras, para que en setembro poida haber un proxecto máis definido para ser debatido e consensuado.

O obxectivo é que ao longo do verán se realicen propostas de celebración da Letras, para que en setembro poida haber un proxecto máis definido para ser debatido e consensuado

O documento marca apenas o obxectivo, deixando aberta a súa concreción: "Queremos que o Día das Letras Galegas siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece. Queremos que siga a manter o carácter integrador e de unión que sempre tivo, e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade". E tamén realiza unha lectura moi crítica da elección de Filgueira Valverde como homenaxeado: "Filgueira Valverde non pode unir ninguén. O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser exemplo á sociedade galega”.

Xuntanza mantida o xoves en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.