Ricardo Carvalho Calero ou Antón Fraguas. A Real Academia Galega decidirá o sábado 7 de xullo a persoa que será homenaxeada no vindeiro Día das Letras Galegas. As únicas propostas rexistradas foron as do ferrolán e a do cotobadés, que serán sometidas a votación no pleno que a institución celebrará ese día na súa sede da Rúa Tabernas.
A Academia decidirá o sábado 7 de xullo a persoa que será homenaxeada
Ricardo Carvalho Calero, primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas, ingresou na Real Academia galega o 17 de maio de 1958 a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Xesús Ferro Couselo e fíxoo cun discurso titulado "Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía", aínda que anos despois abandonou a institución. Estivo en varias ocasións (2008, 2010, 2013, 2015, 2016 e 2017) entre os nomes finalistas para ser homenaxeado. Porén, malia o importante apoio recibido entre un gran número de entidades sociais e culturais de todo o país (e pola unanimidade do pleno municipal ferrolán), nunca foi escollido.
As únicas propostas rexistradas foron as do ferrolán e a do cotobadés
Antón Fraguas ingresou na Real Academia Galega o 8 de maio de 1956 a proposta de Salustiano Portela Pazos, Ramón Otero Pedrayo e Luís Iglesias Iglesias, cun discurso titulado "Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade". Historiador e antropólogo, en 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago, que a partir de 1977 se transformou no Museo do Pobo Galego, do que foi director dende 1989. O seu nome xa estivo entre as propostas os pasado ano.