As Luzes de xaneiro amosan o home que venceu a Franco

Capa do número 2 de Luzes © Luzes

A revista Luzes sae do forno tras as festas do Nadal camiño xa das casas dos subscritores e dos seus puntos de venda habitual. Logo do seu exitoso primeiro número, a publicación que dirixen Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro agasállanos despois de Reis cunha capa na que sobresae a mirada digna de Darío Rivas, "o home que venceu a Franco".

A historia deste galego afincado en Arxentina que, superados os 90 anos, impulsou a querela contra os crimes da ditadura fascista no país austral é un dos temas principais que Luzes achega neste novo ano. Un número dous que trae tamén a crónica de Bieito Iglesias sobre unha "Compostela criminal", protagonista nos medios pola Pokémon, o accidente de Angrois, o caso Asunta ou o roubo do Códice Calixtino, ou a entrevista ao catedrático de Dereito Penal, Carlos Martínez-Buján, sobre a sentenza do Prestige e todas as súas eivas.

Unha revista que nos regala un Suso de Toro inédito, conversas con Fernández-Savater ou Anxos Sumai, unha viaxe pola cidade da chatarra máis grande de Marsella ou o debate entre David Rodríguez e David Peón sobre a saída (ou non) do euro. Son só algúns dos contidos cos que Luzes volve alumear neste comezo de ano e no que inclúen tamén o seu manifesto mensual, que se reproduce íntegro a continuación:

Os depósitos de esperanza

«Deixade pasar as ondas do mar!»
Esa foi a consigna primeira da manifestación que percorreu as rúas da Coruña no luscofusco do pasado 21 de decembro. Convocaba In Nave Civitas, un grupo que festexa cada ano a obra de Urbano Lugrís —tamén coñecido por Ulyses Fingal, o pintor submarino— ao tempo que vindica o goce e a protección do patrimonio artístico público.
«Menos derrotismo e máis surrealismo!»
Alí por onde pasou, ese andar performativo transformaba a xeografía urbana e producía unha revolución óptica. O pestanexar inquieto das olladas no dilema de aprender ou non a ver de novo.
Os paraugas pintados, abríndose ao xeito de artefactos vivos, buliron no ar como bandeiras vangardistas. 
A transgresión iconográfica, o arrincar a tradición da gaiola do conformismo, foi un dos grandes achados do Nunca Máis. As cruces inzando a praia coma un cemiterio insurxente, as maletas de emigrante como portadoras de esperanza, os paraugas como bandada de gansos salvaxes.
Velaí esa ironía icónica de novo en acción. Chea de humor, marabilla e rebeldía.
A deste Nadal, foi a convocatoria que máis xente xuntou o Ulyses Fingal. Algo quere dicir: moito.
Nestes tempos ruíns, nun mundo, o noso, que semella ter aceptado «a súa caída» (La terre du future, Yannick Dahan), resignado a que se espalle o baleiro e se encha de pesadelo, é imperativa a procura de depósitos de esperanza. Esa laboriosa procura contra a estupidez é o que merece ser chamado cultura. E xornalismo.
Ou mellor dito ao revés: a cultura e o xornalismo que pagan a pena son os exercen a laboriosa tarefa de loitar contra a estupidez.
Facemos nosos os paraugas surrealistas. 
LUZES é parte dun universo alternativo que non aspira ao inalcanzábel senón a configurarse como existencia.

Capa do número 2 de Luzes © Luzes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.