As mensaxes de amor secretas entre trobadores e nobres nas cantigas galego-portuguesas, ao descuberto

O 'Pergamiño Vindel' Dominio Público

O estudo afonda nas estratexias de comunicación cifrada empregadas nas cantigas galego-portuguesas a través das que os trobadores declaraban o seu amor a mulleres da nobreza

"D’ este mund(o) outro ben non querria/ por quantas coitas me Deus faz soffrer/ que mia senhor do mui bon parecer/ que soubess’ eu ben que entendia/ como og’ eu moir’, e non lh’ o dizer eu/ nen outre por min, mais ela de seu/ [sen] o entender como seria"

Xabier Ron Fernández, doutor en Filoloxía Románica e membro do Grupo de Investigación de Románicas da USC, vén de publicar A oralidade na ficción amorosa dos trobadores galego-portugueses ou como salvar o itinerarium ad dominam, un estudo centrado na influencia da oralidade nos relatos amorosos que afonda nas estratexias de comunicación cifrada empregadas nas cantigas galego-portuguesas a través das que os trobadores declaraban o seu amor a mulleres da nobreza, coma o fragmento que introduce este texto.

Miniatura das Cantigas de Santa María © CCG

As diferenzas de clases leváronos a fixar unha cláusula de silencio e unha serie de códigos para non poñer en perigo o segredo dese sentimento

As diferenzas de clases leváronos a fixar unha cláusula de silencio e unha serie de códigos para non poñer en perigo o segredo dese sentimento. “Ante a imposibilidade do trobador de declararlle o seu amor en público, esta relación tiña que ser confidencial, polo que nas súas cancións debe calar moitas cousas, encubrir, disimular, protexer a súa amada mediante unha serie de xogos poéticos. Ademais, establecíanse entre eles uns códigos descoñecidos para o resto como olladas, acenos, xestos… porque esta declaración de amor ocorre en público, ante un auditorio, que, por motivos sociais, non pode decatarse de quen é a verdadeira destinataria”, di o investigador da USC.

Na obra, o autor destaca "o paradoxo que representa crear unha cantiga que se encamiña a unha señor pero asumindo na súa textualidade a incapacidade para cantarlla (metus praecludit vocem)"  e, igualmente, o "estrés que orixina a existencia dun límite concedido pola señor na aceptación do servizo e o desexo do trobador de superalo". Un estrés, engade, "que desemboca na creación dun código de entendemento entre señor e servidor quen de salvar a distancia que establece a dona para manter a integridade do segredo" e que "provoca a negación da relación e outras estratexias de preservación do segredo". 

O autor destaca "o paradoxo que representa crear unha cantiga que se encamiña a unha señor pero asumindo na súa textualidade a incapacidade para cantarlla" e, igualmente, o "estrés que orixina a existencia dun límite concedido pola señor na aceptación do servizo e o desexo do trobador de superalo"

Ron explica que a comunicación na Idade Media era esencialmente oral, o que determinaba a maneira de compoñer, de contar a historia e de divulgar as cancións por parte dos trobadores. “Os trobadores tiñan que realizar unha especie de peregrinación (coñecida como itinerarium ad Dominam) a través da cal debían amosar os seus valores corteses para ser dignos de recibir a aceptación da dona. Por iso, facer unha cantiga era entregarlle un don á señor, un don que se divulgaba de xeito oral, con acompañamento da música”, sinala.

Xabier Ron analizou un total de 1197 cantigas de amor da lírica galego-portuguesa, das que finalmente seleccionou 471 textos de 101 trobadores diferentes para incorporar a este traballo. O estudo afonda nas prácticas comunicativas empregadas para salvar o itinerarium ad Dominam, é dicir, para lograr a aceptación da dona de xeito confidencial e non poñer en perigo o segredo de amor.

Monumento dedicado aos poetas, cantores e trobadores da Ría de Vigo, Martín Codax, Pero Meogo, Mendiño e Paio Gómez Chariño, obra de Xaime Quessada, no Paseo de Afonso XII de Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

Ron analizou un total de 1197 cantigas de amor da lírica galego-portuguesa, das que finalmente seleccionou 471 textos de 101 trobadores diferentes para incorporar a este traballo

O autor comenta que “algunha destas prácticas adquire unha forma moi interesante, como a decisión da señor de consentir ou non que o servidor dea un paso adiante co seu trobar e permitirlle non só chamala ‘senhor’, senón tolerar que el lle diga que ‘quere ben’ dela. Este consentimento convértese nun don moi prezado que recompensa o servizo de amor pero aparece oculto mediante o emprego de estratexias de comunicación cifrada nunha gran cantidade de cantigas de amor e mesmo de amigo”.

Detalla, igualmente, que nestas cantigas hai unha serie de "motivos poéticos” esenciais, como a forza dos rumores (positivos e negativos) ou a imposibilidade de confesar o amor á señor ou a relevancia do mandado (unha mensaxe que se enviaba a través dun mandadeiro que transmite oralmente que o namorado e servidor chegará axiña para atoparse coa namorada e señor).

"Diversos estudos permiten vigorizar o rol de muller e liberala da resignada submisión e das catro paredes do fogar” na Idade Media

O investigador salienta, finalmente, que na Idade Media a muller era protagonista e epicentro da relación feudovasalática e que "diversos estudos permiten vigorizar o rol de muller e liberala da resignada submisión e das catro paredes do fogar”. Así mesmo, as nais aparecen como protectoras non só das súas fillas, senón tamén da liñaxe á que pertencen.

O libro foi editado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Cuberta da obra de Xabier Ron © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.