As metrópoles nas que habita a banda deseñada

Gravación do primeiro programa de 'Metrópoles' CC-BY MD

No estudio de radio, cando gravan o primeiro Metrópoles delirantes, hai cómics sobre a mesa. Ao carón dos micros e na man da presentadora. Sempre vai ser así. No programa tan só se fala de banda deseñada. Así e todo, polo que xa estamos a ver nas súas redes sociais, non é tan só un espazo radiofónico, ademais estase a desenvolver coma un novo refuxio no que quedar cos miles de habitantes da novena arte.

"Queremos darlle pulo ao sector, espallalo, dar a coñecer tanto os autores novos como os que xa teñen un sitio na primeira liña”

Nieves Rodríguez, unha das que moldeou o proxecto e tamén condutora do programa, salienta que Metrópoles delirantes nace para informar, para que aqueles que nunca, ou en contadas ocasións leron banda deseñada se animen a facelo. "Queremos darlle pulo ao sector, espallalo, dar a coñecer tanto os autores novos como os que xa teñen un sitio na primeira liña”.

Nieves Rodríguez sempre leu comics. De Mortadelo a Jabato. De Hugo Pratt a Art Spiegelman. “Así, aos poucos, comecei a facer unha biblioteca que é a xoia da casa”, apunta. Ela e un equipo de xente levaban tempo mastigando a idea ata que decidiron poñela en marcha a finais do pasado ano. Entre eles está Pedro Rey, un dos que máis apostou pola iniciativa; Rey é un dos maiores tintinólogos do Estado e ten sección fixa no programa. Buscaban un espazo e contaron coa colaboración da radio online do proxecto CampUSCulturae da Universidade de Santiago de Compostela. Grazas a este xesto, Metrópoles delirantes pódese escoitar xa nas habituais plataformas de difusión de podcast (iTunes, Spreaker e Ivoox).

O programa pode escoitarse xa nas habituais plataformas de difusión de podcast

Rodríguez asegura que “existía a necesidade dun espazo así en Galicia”. Di que o notan na “boa acollida nas redes sociais, no bo ritmo de descargas do primeiro programa e no apoio que, dende o principio, estamos a recibir dos autores”. David Rubín, por exemplo. É un dos debuxantes galegos de máis éxito internacional, agora mesmo ocupado en escoitar as boas críticas que está a recibir a súa última obra, Beowulf.

Rubín considera que a creación dun espazo como Metrópoles delirantes é un paso “importante e necesario”. Ademais, sinala que coñece á xente que puxo en marcha o proxecto e sabe que “se fai dende o pleno coñecemento e a paixón polo medio”. 

As metrópoles nacen nunha etapa doce para a banda deseñada galega. Rubín considera que está “no mellor momento”. “Pensa que hai uns anos publicaban profesionalmente só dous ou tres autores de aquí; a día de hoxe fano unha vintena, e, ademais, tanto a nivel galego, como a nivel estatal ou internacional. Para min iso é un triunfo”, conclúe. Nieves Rodríguez pensa igual: “Galicia é agora mesmo un referente. Aí está o recente Premio Nacional para o Ardalén de Miguelanxo Prado ou o éxito de Rubín; Emma Ríos no mercado americano, Das Pastoras no francés, a escola O Garaxe Hermético de Kiko da Silva e o bo nivel dos fancines da xente que pide paso”. 

'Metrópoles delirantes' nace nunha etapa doce para a banda deseñada galega, "o mellor momento" para David Rubín

Rubín, que destaca tamén o incremento das editoras que apostan pola banda deseñada, asegura, no entanto, que aquí queda moito por facer aínda. “A día de hoxe, é moi difícil, por non dicir imposible, vivir do tebeo se só publicas no ámbito galego”. “En canto a calidade e produción estamos no bo camiño, en canto a vendas xa é outro cantar, o sector do libro anda arrefriado, mais o futuro é esperanzador”, di Nieves. Neste sentido, Rubín comenta que o seu Beowulf estase a vender “igual de ben en Galicia que en Madrid” e “iso é o que importa: poder seguir pagando o piso e as facturas facendo o que realmente me apaixoa, que é escribir e debuxar tebeos”.

No programa haberá entrevistas a xente do medio, novidades da man de Sanmi, de Alita Comics, sección fixas e reportaxes. Hai contido porque a banda deseñada dá que falar. “Cada vez que abrimos unha banda deseñada asomámonos a historias únicas, a mundos que poden ser marabillosos, hostís ou surrealistas. Non hai fronteiras, só ganas de soñar a través dunha linguaxe común”, remata Nieves Rodríguez.
Espazos coma este axudan a manter a tensión alta. As Metrópoles delirantes precisan habitantes empadroados. É necesario que o futuro da banda deseñada sexa sólido coma os glúteos, duros, da Valentina de Crepax.

Nesta ligazón pódese escoitar o primeiro programa.

Nieves Rodríguez, condutora de 'Metrópoles delirantes' © Manu Barreiro
Pedro Rey, outro dos impulsores de 'Metrópoles delirantes' © Xabier Martínez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.