As músicas galegas e portuguesas (re)coñécense no Encontro Minho-Galiza

Sés e Pedro Abrunhosa, no Encontro Minho-Galiza Dominio Público Universidade do Minho

Unha identidade cultural "transfronteiriza" cunha lingua que a "afirma". A Universidade do Minho vén de celebrar en Tomiño o seu terceiro Encontro Minho-Galiza, un espazo de irmandamento das dúas beiras da raia que desta volta tivo na música un dos centros das súas sesións. Unha delas, un debate a respecto da creación musical, derivou nunha actuación improvisada e compartida polo portuense Pedro Abrunhosa xunto á galega Sés.

Sés, explican dende a organización do encontro, "non tiña previsto actuar", pero Abrunhousa convidouna a "acompañalo nalgunhas frases melódicas" dos seus temas, un "desafío" artístico do artista portugués "e do público" que a galega atendeu. Esta interpretación improvisada e conxunta foi a culminación dun debate no que, resaltan, "os artistas confesaron descoñecer a produción musical un do outro" e, en boa medida, "a do outro lado da fronteira".

Cómpre, ao xuízo de ambos, "que se discutan as razóns políticas, sociais e culturais" que poden "explicar" este descoñecemento. Trátase, din, dunha "realidade pautada pola insuficiencia de promoción do intercambio musical entre a Galiza e o Minho". Así, por exemplo, subliñou a cantante galega, sería máis doado espallar a produción musical do país en Portugal. "Son unha resistente social", sinalou Sés ao explicar que a súa música eo galego van ligadas porque esa é a "única forma de expresar" a súa "visión do mundo" e o seu "pensamento".

Sés e o portugués Pedro Abrunhosa abordaron as razóns "políticas, sociais e culturais" do "descoñecemento" da produción musical entre ambos territorios

O intercambio de ideas e músicas entre Pedro Abrunhosa e Sés foi un dos puntos fortes dun encontro no que tamén estivo presente a música popular e tradicional. Así, nunha mesa redonda con representantes da Universidade do Minho, da banda municipal de Monção e mais da radio municipal de Tui abordouse tamén o debate sobre as "razóns da falta de interacción cultural" entre músicos galegos e minhotos. 

Para a organización do Encontro estas xornadas en Tomiño foron "inesquecíbeis, con momentos únicos e irrepetíbeis". O vindeiro ano volverase celebrar o encontro, de novo impulsado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho e cunha "conxugación de vontades" entre o Instituto de Letras e Ciências Humanas e mais o Instituto de Ciências Sociais da entidade académica con sede en Braga.

Sés e Pedro Abrunhosa, no Encontro Minho-Galiza Dominio Público Universidade do Minho

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.