Chegan As Revenidas, chega a festa a Vilaxoán e chega, desta vez, enchoupada en bravú e música galega. Este festival arousán, que cumpre este ano a súa undécima edición, comezou en 2003 da man dunha asociación de rapaces que querían facer algunha actividade cultural no seu pobo. Logo do bo resultado desta pequena iniciativa que acadou a aplauso de gran parte dos veciños da vila, decidiuse que para que o festival tivese continuidade facía falta constituír unha asociación. Así xurdiu a Asociación Repichoca, que se fai cargo desta iniciativa cultural ata o ano 2013 colocando As Revenidas e a Vilaxoán no mapa dos mellores festivais do verán. E abofé que é dos máis recoñecidos.
O festival bate marcas nesta edición en cato a concertos, actividades e programación
Nesta edición, As Revenidas van bater marcas en canto a concertos, actividades e programación dende que foi creado. Tras consolidarase como unha das citas máis importantes do panorama musical galego do verán, a festa contará, como non, coas sardiñas salgadas e asadas na grella que lle dan nome. Unhas revenidas que xa son identificadas con moito máis que este manxar: música, actividades e unha sardiñada popular que congrega ao redor do parque a miles de persoas para compartir da festa en familia.
Para a edición deste ano, Revenidas 2014 conta con máis de 23 actuacións musicais, que farán desde este venres e ata o domingo 24 unha "gran festa da música galega". Ademais de música tamén ten espazo para expresión artísticas como o teatro, o circo ou a maxia. Haberá preto de 20 actividades de balde, para todos os públicos, a Gala do Circo en solidariedade co pobo saharaui e a Feira Revenida, onde poder coñecer e mercar produtos cuturais e creativos.
As Revenidas contarán con máis de 23 actuacións musicais na "gran festa da música galega"
Pero como novidade, As Revenidas van máis aló e queren facer unha pequena homenaxe ao movemento bravú neste ano 2014 no que se cumpre o vinte aniversario do movemento. "A posta en valor da música galega actual, prioridade do festival, consolídase este ano coa programación de conferencias, actividades e concertos dos grupos máis significativos do bravú, que participarán e compartirán cos asistentes a programación deste festival", lembran os organizadores, que apostan por "poñer en valor a música galega, neste caso a súa historia máis recente, coa difusión de contidos relativos ao movemento".
Os Diplomáticos, Rastreros ou Heredeiros da Crus encherán Vilaxoán do mellor da música galega das últimas décadas
Así, o venres desde as 20 horas celebrarase unha conferencia sobre o XX aniversario do bravú na praza de Abastos e na que se presentará o libro Non temos medo, co seu autor, Rodri Suárez, e Xurxo Souto como protagonistas. Logo, no mesmo lugar, será tempo para Pinto d'Herbón, mentres que a partir das 22 horas, nos diversos escenarios, tocarán Skalopendra, Os Diplomáticos de Monte Alto e Irmandades do Falo, finalista e segundo posto no concurso de grupos emerxentes, que actuarán en substitución de Biribirlocke, gañadores que non poden cumprir co seu soño por mor de motivos de disponibilidade. Tamén estarán os Ultraquäns, Heredeiros da Crus, Collón de Lola, Dz Selectors, Rastreros ou DJ Crebinsky na noite homenaxe ao movemento bravú.
Xa o sábado, Os Terribles de Arousa animará a sardiñada popular ata as 16 horas, para logo seguir con Trío Bombo Tambor, Don Gelati, Fanfarriataquikardia, a gala de circo das Revenidas polo Sáhara ou Noite Fechada, entre outras moitas sorpresas. Máis adiante, será a hora de Sés, Dakidarría, Liviao do Marrao, Nao, Am Sound System ou Terbutalina
Para o domingo queda o aberto de billarda, Peter Punk, O Leo i Arremecághona e outras moitas sorpresas que se poden consultar completas na páxina web do festival.
Os concertos do venres e do sábado son de pago. Para os días 22 e 23 de agosto os bonos custarán 18 euros en venda anticipada e 22 euros en taquilla. O prezo por día será de 10 euros en venda anticipada e 15 en taquilla .O resto de actividades que terán lugar durante as tardes dos tres días serán de balde, incluídos os concertos do día 24.
O festival ten acondicionadas dúas zonas de acampada, con capacidade para 800 persoas, que dispoñen de baños, duchas e servizo de limpeza. Preto das tendas está a praia e a menos de 15 minutos camiñando atópase o centro de Vilagarcía de Arousa.