As valgas feras: lermos catalán en galego

Capa do libro © Hugin e Munin

Malia as vedraias relacións que irmandaron sempre as literaturas catalá e galega, o certo é que non son tan abondosos como sería de desexar os libros que verteron á lingua do Finisterrae a escrita dos fillos de Ausiàs March. Por iso, todo volume que anose textos referenciais daquela literatura coido que debe ser ben recibido, pois mitiga o noso descoñecemento dunha tan brillante coma secular cultura ao tempo que nos brinda a oportunidade de gozar de obras que, doutra maneira, se nos farían máis opacas no seu idioma orixinal.

As valgadas bravas foi publicada por vez primeira en 1901 co título orixinal de El sots feréstecs e nela comparecen xa algúns dos trazos máis característicos deste modernismo catalán

Nese imprescindible camiño de achegamento avanza o selo santiagués Hugin e Munin coa publicación da novela As valgadas bravas, un dos libros maiores do Modernismo catalán e obra mestra do crítico e historiador da Arte Raimon Casellas (Barcelona, 1855-Sant Joan de las Abadesses, 1910), quen asinou tamén algúns dos mellores libros de relatos deste período, do que a novela agora traducida representa xustamente os seus inicios. As valgadas bravas foi publicada por vez primeira en 1901 co título orixinal de El sots feréstecs e nela comparecen xa algúns dos trazos máis característicos deste modernismo catalán, como a ambientación rural antiidealista ou a contraposición entre a implacable orde natural e o proceso de socialización comunitario.

Hai, polo tanto, toda unha estrutura de xogos antitéticos ou polos de oposición binaria: dunha parte, mossèn Llàtzer, ministro de Deus; doutra, a veciñanza dada á incuria, un moito incivilizada, que refuga o que o crego pretende; dun lado, a domesticación e humanización da paisaxe; doutra banda, a fereza orográfica e climática na que malviven, máis que viven, as xentes daquelas terras.

Narrada cun estilo preciosista, pleno de simbolismos e lexicalmente moi coidado, As valgadas bravas é, en non poucos treitos, un vistoso exercicio de malabar verbal

Narrada cun estilo preciosista, pleno de simbolismos e lexicalmente moi coidado, As valgadas bravas é, en non poucos treitos, un vistoso exercicio de malabar verbal que resolveu con meritoria eficacia Eduard del Castillo Velasco, o responsable desta lograda tradución ao galego.

A narración é tamén unha mostra acabada dese antibucolismo modernista catalán que, dende a escrita dos autores urbanos, quixo acabar co tópico idílico do rural como espazo apracible e inzado de virtudes naturais para devolvernos unha ollada reveladora da ignorancia fera e o salvaxismo fanático e atávico que historicamente foi pexa de non poucos labregos. Esa paisanaxe hostil, estulta e renarte chega por veces ao demoníaco, como acontece co personaxe da moinante pecadora que encarna a tentación da carne nesta novela, toda ela tramada dunha cosmovisión relixiosa na que conceptos como os de pecado, redención, penitencia ou condena abrollan por toda parte.

O virtuosismo estilístico de Casellas sería decisivo á hora da conformación do estándar lingüístico que daquela andaba a potenciar o Institut de Estudis Catalans con Pompeu Fabra á cabeza

Casellas deixou aquí —como fixera tamén nos contos de Les multituds (1906) ou no Llibre d’històries (1909)— un herdo na recreación dun mundo rural de tinturas ben escuras que logo desenvolverían outros mestres da prosa como Caterina Albert (que asinou os seus textos co pseudónimo de Victor Català), autora de Solitud (1905), o gran poema en prosa do Modernismo catalán. Do mesmo xeito, o virtuosismo estilístico de Casellas sería decisivo á hora da conformación do estándar lingüístico que daquela andaba a potenciar o Institut de Estudis Catalans con Pompeu Fabra á cabeza, que non tería asentado con tanta firmeza as súas propostas se non fosen secundadas e elevadas a categoría artística por escritores como Casellas, o espello no que logo se miraron autores cruciais no idiomático como o xironés Joaquim Ruyra.

As valgadas bravas é novela para ler en voz alta, deixando que entre polos oídos a súa prosa brunida e faiscante, chea de harmonías descritivas e personaxes arrebatados que se fan difíciles de esquecer. Unha sutil melodía literaria que cómpre agradecer ao fino oído de Alejandro Tobar, director editorial de Hugin e Munin, e ao perito oficio de Eduard del Castillo Velasco, responsables últimos de que esta xoia da literatura catalá circule polas nosas librerías.

Capa do libro © Hugin e Munin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.