As xornadas de Escena Galega reivindican o teatro como servizo público

Cartaz das xornadas © Escena Galega

"Estamos a atravesar un ciclo perturbador de economía abafante, na que os  servizos  públicos  (conquistas  democráticas)  que  até  o  de  agora  fomos  gozando -sanidade,  educación  cultura,  servizos  sociais...-  están  a  ser  cernados  cando  non desaparecen de vez. No que ás artes escénicas respecta, xa vai para tres anos que desde o  sector  comezamos  a  cualificar  a  situación  de  desmantelamento  cultural:  a desaparición da Feira das Artes Escénicas, supresión de programacións como os Camiños da Cultura, a febleza da Rede de Teatros... dan proba do que estamos a falar, ficando cada vez máis lonxe a posibilidade de acceso da cidadanía a gozar dos bens culturais, dese aporte de lecer e ximnasia intelectual, dese garante de democracia".

"As artes escénicas teñen que estar no cerne da construción dun sistema social acorde coa cidadanía, mais a política económica abafante dos últimos anos só contribuíu a mutilar os servizos sociais e mesmo a facelos desaparecer de vez"

Deste xeito presenta Escena Galega a terceira edición da súas Xornadas das Artes escénicas, centradas nesta ocasión na reivindicación do teatro como servizo público. Terán lugar o vindeiro luns 29 de outubro no Consello da Cultura Galega e están dirixidas a profesionais das artes escénicas, como directores, produtores, actores ou programadores, ademais de estudantes e público xeral. O prazo de inscrición remata este xoves.

Escena Galega quere situar na primeira liña de debate a promoción cultural como un deber fundamental das administracións públicas: "as artes escénicas teñen que estar no cerne da construción dun sistema social acorde coa cidadanía, mais a política económica abafante dos últimos anos só contribuíu a mutilar os servizos sociais e mesmo a facelos desaparecer de vez". De igual xeito Escena Galega considera que "as políticas dos últimos tres anos conduciron a un desmantelamento cultural, en particular das artes escénicas".

As xornadas contarán coa participación de persoas relacionadas coa cultura, pero que non pertencen directamente ao sector teatral. O obxectivo é, como explica o presidente da asociación, Salvador del Río, "ter unha visión diferente á dos profesionais do propio sector para analizar a relación do teatro coa sociedade e o contexto seu cultural. Trátase de valorar se a sociedade o considera necesario, se existe demanda".

"As políticas dos últimos tres anos conduciron a un desmantelamento cultural, en particular das artes escénicas"

Así nas distintas mesas previstas participarán Pilar García Negro, María Xosé Porteiro, Miguel Martín Fernández, ex director de Agadic, ou Inma López Silva, crítica teatral e profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Outro dos debates previstos centrarase na comunicación e a distribución da man de Xosé Manuel Pazos Varela, autor, tradutor e dramaturgo, Manuel Xestoso González, xornalista, editor, tradutor e crítico literario e teatral e Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega.

Cartaz das xornadas © Escena Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.