Así foi o Indie Lisboa 2012

Nana Dominio Público Praza Pública

Tal e como acontece coa ópera, co ciclismo ou cos deportes de neve, tamén a temporada cinematográfica organízase cada ano en función dunha serie de datas clave e citas ineludibles, que se repiten ciclicamente. O pistoletazo de saída dáse en maio, en Cannes, e o circuíto reiníciase doce meses máis tarde de novo en La Croisette. Logo da ansiada cita francesa, é a quenda de Venecia, Toronto e San Sebastián en setembro, Mar del Plata en novembro e Berlín en febreiro. Tampouco podemos esquecer Karlovy Vary (xullo), Locarno (agosto), Las Palmas (marzo) ou o Bafici (abril).

Neste calendario, un festival como o Indie Lisboa adquire un interesante valor estratéxico para críticos de medios modestos ou programadores de festivais menores, ademais dun notable atractivo para a cinefilia en xeral. O feito de que o certame lisboeta se celebre só un par de semanas antes de Cannes, propicia que a súa programación inclúa, en gran parte, unha boa escolma da colleita que está a piques de concluír. Deste xeito, moitos dos filmes que forman parte das súas diversas seccións chegan á capital lusa logo de pasar por algún (ou varios) dos festivais anteriormente mencionados.

A selección de longas na Competición Internacional, por exemplo, incluía apenas dúas estreas mundiais (a belga Berlin Telegraph e a alemá Formentera), e nutríase principalmente de películas programadas e mesmo premiadas en Locarno ou, sobre todo, Rotterdam

A selección de longas na Competición Internacional, por exemplo, incluía apenas dúas estreas mundiais (a belga Berlin Telegraph e a alemá Formentera), e nutríase principalmente de películas programadas e mesmo premiadas en Locarno ou, sobre todo, Rotterdam. Un dato significativo nesta sección foi a baixa idade media dos seus directores, a maioría deles nacidos na segunda metade dos anos setenta e mesmo nos oitenta. É o caso da chilena Dominga Sotomayor, de vinte e seis anos de idade, e vencedora do Gran Premio Cidade de Lisboa á mellor película con De jueves a domingo, unha admirable road movie que narra, mediante unha notable economía en recursos de narración, realización e produción, a ruptura dunha parella vista a través da ollada da súa filla cativa.

A excelente planificación da posta en escena, que aproveita excepcionalmente os numerosos encadres no interior do vehículo familiar, e a eficacia da súa sintética trama, que ten a virtude de suxerir moito máis do que explicita, son as dúas grandes fortalezas desta cinta, sinxela só en aparencia (unha análise pormenorizada dos filmes máis destacados do festival estará dispoñible n'A Cuarta Parede ao longo das próximas semanas).

Na sección Observatorio atopamos pesos pesados da envergadura de Abel Ferrara, que presentaba a íntima e espiritual 4:44 Last day on Earth, Todd Solondz (Dark house), Andrea Arnold (Cumbres borrascosas) e o mestre Werner Herzog

En contraste coa categoría anterior, na sección Observatorio atopamos pesos pesados da envergadura de Abel Ferrara, que presentaba a íntima e espiritual 4:44 Last day on Earth, Todd Solondz (Dark house), Andrea Arnold (Cumbres borrascosas) e o mestre Werner Herzog, de quen se presentou en Lisboa, logo do seu paso por Toronto, IDFA e Tesalónica, o estremecedor documental Into the abyss. O infatigábel cineasta muniqués reflexiona neste filme sobre o asasinato e a pena de morte a través dun arrepiante e incomprensible homicidio múltiple. Ademais de valerse de documentos audiovisuais do caso, que inclúe vídeos reais da escena do crime filmados pola propia policía, Herzog entrevista, coa súa teimosía e tenacidade características, a todos os implicados no crime, incluíndo ao mozo Michael Perry, condenado como co-autor do crime, poucos días antes de ser executado. Este filme ten a súa continuación no proxecto Death Row, no que o director alemán penetra nunha prisión de máxima seguridade de Texas para entrevistar a condenados a morte.

A carón destes reputados cineastas, atopamos tamén na sección Observatorio os últimos traballos de directores consagrados como Lucas Belvaux e Michael Glawogger, así como do ascendente Denis Côté, cuxa sublime obra Bestiaire foi sen dúbida un dos grandes filmes desta edición do Indie Lisboa.

A sección Cinema Emerxente deu boa conta das principais tendencias do  panorama cinematográfico actual, cun bo feixe de títulos que veñen de triunfar en prestixiosos festivais internacionais, como Alps (premiado en Venecia), do grego Giorgos Lanthimos; El estudiante (premiado en Xixón), do arxentino Santiago Mitre; The loneliest planet (premiado en Las Palmas), da estadounidense de orixe ruso Julia Loktev; Michael (premiado na Viennale), do austríaco Markus Schleinzer; ou Take shelter (premiado en Cannes), do estadounidense Jeff Nichols. Tamén nesta sección foron programadas a extraordinaria e abraiante Nana, de Valérie Massadian, vencedora do premio á mellor Opera Prima en Locarno; e o documental Jesus por um dia, de Helena Inverno e Verónica Castro, gañadora do premio á mellor longametraxe portuguesa desta edición do Indie Lisboa.

Completaron o palmarés deste ano Whores' Glory, de Michael Glawogger (Premio do Público); L'estate di Giacomo, de Alessandro Comodin (Premio de distribución TVCine); Meet the Fokkens, de Gabriëlle Provaas e Rob Schröder (Premio Pulsar do Mundo)

Completaron o palmarés deste ano Whores' Glory, de Michael Glawogger (Premio do Público); L'estate di Giacomo, de Alessandro Comodin (Premio de distribución TVCine); Meet the Fokkens, de Gabriëlle Provaas e Rob Schröder (Premio Pulsar do Mundo); e as curtametraxes Juku, de Kiro Russo, e Cama de Gato, de Filipa Reis e João Miller Guerra. De baleiro marchou, porén, a que segundo a miña opinión foi a mellor peza de todo o festival: O que arde cura, dirixida por João Rui Guerra da Mata e protagonizada polo cineasta João Pedro Rodrigues.

Indie Lisboa dedicou tamén este ano senllas seccións especiais á Viennale, que cumpriu en 2012 a súa quincuaxésima edición, e ao cinema suízo actual, representado por unha selección de filmes do chamado colectivo Bande À Part Films do país helvético.

De jueves a domingo Dominio Público Praza Pública
Nana Dominio Público Praza Pública
O que arde cura Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.