“Ata tempos moi recentes, considerábase que o único papel das mulleres na emigración era o de acompañante de pais, irmáns ou fillos”

Carmen V. Valiña, investigadora sobre a emigración feminina © Ana Ordóñez

A investigadora Carmen V. Valiña vén de publicar ‘Elas, as emigrantes. Mulheres da Terra de Soneira na Suíça’ (ATravés), no que analiza a realidade existente tras as historias que cada verán chegaban á súa comarca desde terras helvéticas

Conta a investigadora Carmen V. Valiña que en Baio, a aldea na que naceu, na Terra de Soneira, a emigración a Suíza non era cousa dos libros escolares, senón unha realidade moi presente: nos coches que chegaban de Berna e Zurich cada verán, no discurso dos emigrantes que afirmaban que vivían entre luxos… Mais foi cando medrou, ao coñecer os estudos de xénero e o feminismo, cando comezou a preguntarse polas mulleres que foran tamén protagonistas dese fenómeno, a emigración a Suiza, que ela vivira desde crianza. Un dos resultados desta inquedanza é o libro ‘Elas, as emigrantes. Mulheres da Terra de Soneira na Suíça’, que vén de publicar ATravés. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.

Este trabalho que agora apresento é uma homenagem a todas essas mulheres, que ficaram a miúde ocultas dentro do genérico facto migratório galego, mas que têm histórias próprias e realidades específicas que contar”, di o libro. En concreto, como nace a idea de facer esta investigación?

A investigación é o resultado dunha bolsa en temas de xénero concedida pola Deputación da Coruña. Estou especializada neste tipo de cuestións dende hai case dez anos, e á hora de pensar nun tema de estudo reflexionei sobre a carencia de obras existentes sobre unha realidade que para min, como nada na Costa da Morte, tiven moi presente durante toda a miña vida: a emigración das mulleres cara Suíza.

“São muito escassas as obras que têm como tema central de trabalho o protagonismo da mulher galega nas correntes migratórias”, dis, precisamente, no limiar. Por que pensas que acontece isto e en que medida foi unha limitación para a túa investigación?

“Ata tempos moi recentes, considerábase que o único papel das mulleres na emigración era o de acompañante de pais, irmáns ou fillos”

Esta circunstancia débese fundamentalmente ao feito de que, ata tempos moi recentes, considerábase que o único papel das mulleres na emigración era o de acompañante de pais, irmáns ou fillos. Non se consideraba que puidesen ter un proxecto migratorio propio. Iso obviamente dificultou a posible localización de obras dende un punto de vista de xénero específico, que seguen sendo bastante escasas no caso galego, a pesares de nosa longa tradición migratoria.

Debido a esa razón vin claro que debía completar a aproximación bibliográfica co recurso ás fontes orais, dando voz ás propias mulleres para que me explicasen as súas motivacións de partida e a súa experiencia en Suíza. En definitiva, para que narrasen o seu traxecto migratorio con voz propia.

A túa análise abrangue case sesenta anos, centrándose nos anos sesenta e setenta e no período que vai de 2008 á actualidade. Por que decides comparar esas distintas xeracións de emigrantes galegas? Cales eran as túas hipóteses de partida ao respecto?

“Partía da hipótese de que as emigrantes máis novas viaxarían nunha maior porcentaxe en soidade e probablemente se insertarían no mercado de traballo suízo en postos máis cualificados”

Decidín comparar ambos períodos por tratarse das dúas grandes vagas migratorias cara Suíza dos últimos tempos: unha coincidindo coa segunda posguerra mundial ata a crise do petróleo dos anos 70, e outra marcada pola crise económica mundial, que empurrou a moitas mozas e non tan mozas a retomar as vellas cadeas migratorias. Partía da hipótese de que as emigrantes máis novas viaxarían nunha maior porcentaxe en soidade e probablemente se insertarían no mercado de traballo suízo en postos máis cualificados que as súas antecesoras, habida conta do incremento do nivel formativo feminino en España durante as últimas décadas.

 

Elas, as emigrantes. Mulheres da Terra de Soneira na Suíça’ (ATravés), de Carmen V. Valiña © ATravés

O obxectivo é facer unha aproximación moi introdutoria e xeral para “colocar sobre a mesa” a cuestión da emigración feminina a Suíza. É, de feito, un traballo cualitativo feito con oito entrevistas. Tes intención de continuala? Pensas que debería facerse unha investigación similar (se cadra con instrumentos cuantitativos tamén) a nivel do país?

“Sen o testemuño das mulleres hai unha parte vital da nosa historia como emigrantes que perdemos”

Teño moitos máis contactos establecidos que quen sabe se no futuro poderán dar lugar a sucesivas investigacións… En todo caso, sería interesantísimo que este tipo de estudos con perspectiva de xénero adquirisen unha maior amplitude e se estendesen a toda Galicia, pois penso que sen o testemuño das mulleres hai unha parte vital da nosa historia como emigrantes que nos perdemos.

As mulleres emigraron menos e máis tardiamente ca os homes, apuntas. Mais iso non debe levarnos a subestimar as diferenzas de padróns migratorios que ambos os sexos presentan. Por que “os modelos de análise das migrações masculinas não servem para as mulheres”?

“Empregar os patróns masculinos para analizar as migracións femininas deixa fóra moitos elementos que non pertencen ao ámbito puramente económico pero que, sen embargo, teñen unha enorme influencia para debuxar a experiencia migratoria das mulleres dende tódalas súas perspectivas”

Fundamentalmente porque son modelos que se centran no aspecto económico e de produtividade e deixan fóra da análise elementos que as emigrantes recollen constantemente nas súas entrevistas: o desgarro ao deixar os fillos en Galicia, as dificultades para a conciliación no caso de que viaxasen con elas, a xeración de novos roles de xénero e unha maior independencia no caso suízo, a diferenza entre a experiencia feminina na España franquista e a que viviron nunha Europa do norte moito máis aberta a nivel sexual ou de dereitos…

En definitiva, empregar os patróns masculinos para analizar as migracións femininas deixa fóra moitos elementos que non pertencen ao ámbito puramente económico pero que, sen embargo, teñen unha enorme influencia para debuxar a experiencia migratoria das mulleres dende tódalas súas perspectivas.

Nas décadas dos 60 e 70, dis, as emigrantes galegas foron discriminadas até tres veces: fronte aos homes e mulleres suízas e fronte aos homes galegos, que recibían maiores salarios e eran utilizadas en sectores máis valorados socialmente. Podes explicar isto?

“Fronte aos homes galegos, eran percibidas dende os seus contextos de orixe con certa suspicacia nos casos nos que decidían viaxar soas, e cando o facían cos seus homes, polo menos nun inicio eran consideradas un apoio cara eles antes que emigrantes por dereito propio”

Esta afirmación baséase nas dificultades específicas que por seren mulleres e estranxeiras as galegas atoparon nos seus traxectos migratorios: fronte á poboación suíza, tiveron nun inicio a barreira do idioma e en ocasións tiveron que enfrontarse a certas situacións de discriminación; fronte aos homes galegos, eran percibidas dende os seus contextos de orixe con certa suspicacia nos casos nos que decidían viaxar soas, e cando o facían cos seus homes, polo menos nun inicio eran consideradas un apoio cara eles antes que emigrantes por dereito propio.

Ademais, percibían menores salarios e tiñan que desenvolver traballos con longas xornadas. Iso non quita que a emigración a Suíza, sobre todo durante o período franquista, lles abrise numerosas posibilidades e un recoñecemento laboral quen non terían acadado en España, de aí que as entrevistadas valoren moi positivamente a súa experiencia no país helvético.

Segundo as cifras do Goberno suízo, entre 2011 e 2015 case a metade da emigración procedente de España estaba composta por mulleres. No 2009, a metade eran solteiras -o seu proxecto non está subordinado ao seu compañeiro-. Como están a mudar os patróns de migración a respecto diso? 

“Estou segura de que o cambio dos roles femininos na sociedade española dos últimos anos indubidablemente ten que ter motivado proxectos migratorios máis autónomos, no que a mellora profesional tería sido clave”

Estas cifras xerais, curiosamente, non se repiten no caso das mozas que eu entrevistei. Habería que afondar máis na cuestión, pero polo que se refire á Terra de Soneira, semella que a emigración en parella segue sendo a opción máis frecuente: as entrevistadas marcharon tralos seus mozos ou maridos e atoparon traballo nas cidades nas que eles estaban empregados con anterioridade, polo tanto, dun xeito subordinado á emigración masculina.

Habería que verificar, pero iso xa sería obxecto doutro estudo, ata que punto o feito de que as emigrantes teñan un maior nivel educativo ou carezan de parella inflúa no seu proxecto migratorio, pois estou segura de que o cambio dos roles femininos na sociedade española dos últimos anos indubidablemente ten que ter motivado proxectos migratorios máis autónomos, no que a mellora profesional tería sido clave.

Unha das diferenzas que encontras entre a xeración dos 60-70 e a dos 2000 é que a segunda, ás evidentes motivacións económicas, engade a vontade de novas experiencias, a oportunidade de enriquecemento persoal… Que influencia pode ter nisto o maior acceso á información sobre Suíza, a través das novas tecnoloxías, como a posibilidade de migrar e ao mesmo tempo manter facilmente o contacto co país? 

“Non queren repetir os “erros” dos que marcharon antes: non desexan vivir separadas das parellas ou dos fillos”

Todas as entrevistadas salientaban como un aspecto moi positivo as opcións que as novas tecnoloxías e a redución dos prezos dos voos ofrecen á hora de manter o contacto coa familia e os amigos, de xeito que a partida non resulta tan “radical” como para as súas predecesoras, que dificilmente podían visitar Galicia máis dunha vez por ano. Internet, as becas Erasmus ou mesmo a propia experiencia de veciños e familiares que xa partiran con anterioridade a Suíza tamén facilitou que visen este país como unha opción factible cando empeorou a situación económica en España.

“Máis aló da arela aforrativa que predominaba nos anos 60 e 70, desexan tamén aproveitar a experiencia para viaxar, coñecer xente nova, aprender un idioma…”

Son tamén conscientes, grazas a esas experiencias previas, de que non queren repetir os “erros” dos que marcharon antes: non desexan vivir separadas das parellas ou dos fillos e, máis aló da arela aforrativa que predominaba nos anos 60 e 70, desexan tamén aproveitar a experiencia para viaxar, coñecer xente nova, aprender un idioma… A emigración para elas, en definitiva, é unha experiencia de desenvolvemento económico pero tamén persoal.

Sobre todo para as maiores, a emigración implica ter un traballo remunerado, mais non unha mudanza dos papeis de xénero máis tradicionais, en canto a emprego. Por que se produce esa continuidade dos roles de xénero tradicionais? Como se relacionan coa precariedade?

“Hai que entender que unha vez que se volve a Galicia, a presión do entorno por un lado e, en xeral, as opcións laborais ben remuneradas que os homes atopan por outro volven relegar ás mulleres ao rol de nais e amas de casa”

Si se produce a miúdo unha mudanza dos papeis de xénero no periodo suízo: as parellas, tamén por un afán aforrativo, acostuman pasar máis tempo xuntos na casa ou con matrimonios amigos, de xeito que o ocio non está tan separado como o podía estar na Galicia rural dos anos 60 e 70, cos homes no bar e as mulleres na casa, por simplificar moito a ecuación. O feito de que as mulleres traballasen tamén lles daba un maior peso dentro da parella, que podían en ocasións aproveitar para negociar certos cambios de roles.

Non obstante, semella que eses cambios desapareceron co retorno. Hai que entender que unha vez que se volve a Galicia, a presión do entorno por un lado e, en xeral, as opcións laborais ben remuneradas que os homes atopan por outro volven relegar ás mulleres ao rol de nais e amas de casa. Cando algunhas delas tentan retomar en Galicia un traballo, en xeral, debido á súa idade ou á maternidade, resúltalles difícil atopar opcións ben pagadas, o que sen dúbida lles xerou tamén unha certa incertidume a nivel psicolóxico e unha nova dependencia e precariedade respecto aos seus homes.

Carmen V. Valiña, autora de ‘Elas, as emigrantes. Mulheres da Terra de Soneira na Suíça’ (ATravés) © Brahim Salimi

Foram os melhores anos da nossa vida. Sabendo o que sabemos agora, não regressaríamos”, di unha das mulleres. En xeral, como valoran a súa experiencia migratoria?

“Suíza foi para elas un terreo de oportunidades tanto laborais como persoais e que, pese ao mito do retorno, en moitas ocasións a súa volta a Galicia resultou complexa e traumática”

De xeito moi positivo. Creo que esa frase resume á perfección que Suíza foi para elas un terreo de oportunidades tanto laborais como persoais e que, pese ao mito do retorno, en moitas ocasións a súa volta a Galicia resultou complexa e traumática: non eran nin suízas en Suíza nin xa enteiramente galegas en Galicia. Sen dúbida iso tivo que significar unha profunda reflexión sobre a súa identidade e o seu papel nunha terra de orixe que cambiara fondamente nos anos nos que elas estiveron fóra.

Algo mais que queiras dicir?

Gustaríame que puideses destacar que son a directora de www.perifericas.es, Escola de feminismos alternativos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.