Ateneo Ferrolán, 40 anos como "lugar aberto" para a cultura

1ª Asamblea de socios e socias do Ateneo e nomeamento da primeira Xunta Directiva en 1976 © Ateneo Ferrolán

"Nunha cidade en crise a cultura ten tamén un papel importante, pois dende a cultura tamén se pode axudar na súa recuperación, nun aspecto moral ou de reafirmación dunha sociedade que está viva. Iso nótase no Ateneo: se segue en marcha e con moita actividade, é porque por debaixo hai unha sociedade dinámica". Falamos co historiador Eliseo Fernández que recentemente deixou de ser presidente do Ateneo Ferrolán, un posto que ocupou durante os últimos dous anos, pode que os máis duros na historia recente da entidade, por mor do bloqueo ao que o anterior goberno municipal someteu a esta institución cultural. O Ateneo está dirixido na actualidade por unha Xunta Xestora, elixida por unanimidade formada polos socios Francisco Iglesias, María Soledad Fontenla e Luis Calvo.

O Ateneo está de celebración. Estes días conmemora o 40 aniversario da súa refundación (a comezos de 1976), momento en que -trala morte de Franco- se recuperou unha entidade que fora fundada en 1879 baixo o nome de Ateneo Artístico Científico e Literario de Ferrol. O propio Eliseo Fernández e Bernardo Máiz ofrecerán este xoves ás 19 horas unha charla baixo o título "Situando o Ateneo no seu contexto Histórico", no que realizarán un percorrido pola vida da entidade e a súa importancia na vida da cidade naval.

A sociedade cultural viviu épocas mellores e peores nas súas primeiras décadas de vida, nas que foi varias veces refundado, existindo mesmo un Ateneo Obrero Sindicalista que en 1915 convocou en Ferrol un Congreso Internacional da Paz coa intención de deter a I Guerra Mundial. A Guerra Civil e a ditadura puxeron fin aos ateneos da cidade, un proxecto que só se recuperou a comezos de 1976 cando un grupo de persoas que xa viñan desenvolvendo actividades culturais aproveitando ao máximo a Lei de Asociacións franquista, a través da Asociación Ferrolana de Cine-Club ou de Antigos Alumnos do Instituto, decide refundar a sociedade, que dende entón mantén unha actividade ininterrompida.

En 2011, o novo Goberno municipal, en mans do PP, desenténdese do compromiso adquirido polo anterior executivo, que acordara facerse cargo dos gastos de almacenaxe dos fondos do Ateneo, mentres se levaban a cabo obras de rehabilitación nas súas instalacións. Unha débeda de 19 mil euros cunha empresa de mudanzas (que chegou a ser de máis de 40 mil co paso do tempo) mantén unha parte fundamental do patrimonio da urbe (libros únicos, xornais centenarios, importantes obras pictóricas...) nun almacén nun polígono industrial. O Goberno local saído das urnas o pasado mes de maio (formado por Ferrol en Común e PSOE) mantén o compromiso de facerse cargo da débeda, e está a espera de que o Consello Consultivo emita un ditame que aconselle a mellor fórmula legal para facelo. Así mesmo, o Concello vai asinar un convenio anual co Ateneo por importe de 15 mil euros e vaille devolver á entidade a totalidade do edificio, ocupado dende o 2011 por outras entidades sociais, que serán realoxadas noutras dependencias municipais.

 

40 anos dun "lugar aberto"

A refundación de 1976 produciuse nun clima de efervescencia democrática e política, sendo nomeado presidente Fernando Álvarez Bouza, tras consensuarse unha candidatura “neutra” para evitar confrontacións ou protagonismos dos partidos políticos emerxentes. Natalia Lamas, Xaime Quintanilla e Ángel Teijeiro sucedérono como presidente nos anos seguintes. Nese tempo o Ateneo leva a cabo unha intensa e vizosa actividade, convértese nun dos núcleos fundamentais da cultura da cidade e nun espazo de debate fundamental, chegando a acadar os 1.200 socios e socias. En 1986 inaugura a súa actual sede, un fermoso edificio de 1762 situado no barrio da Magdalena.

"Neste espazo confluíu moitísima xente, de tendencias moi variadas. Foi por iso que o Ateneo chegou a ter máis de mil socios e socias. Era un espazo no que había que estar, porque o debate que estaba na política e na rúa, tamén estaba na cultura"

"Na Transición había un grupo moi amplo de persoas en Ferrol con inquedanzas e ganas de debate e crearon este espazo, no que confluíu moitísima xente, de tendencias moi variadas. Foi por iso que o Ateneo chegou a ter máis de mil socios e socias. Era un espazo no que había que estar, porque o debate que estaba na política e na rúa, tamén estaba na cultura", destaca Eliseo Fernández. "Sempre percibín o Ateneo como un lugar aberto, dende que comecei a utilizar estas instalacións, e dende a directiva tentamos manter esa liña nestes anos", di. "Foi, creo, unha liña produtiva, porque nestas épocas difíciles o Ateneo recibiu moito apoio do tecido social en boa parte porque ese tecido fora sempre moi ben acollido no Ateneo", subliña.

"Sempre percibín o Ateneo como un lugar aberto, e dende a directiva tentamos manter esa liña nestes anos"

Fernández destaca que o Ateneo, dende a súa fundación en 1879, "sempre mantivo ese perfil de entidade de debate". "Nos Anuarios do Ateneo correspondentes ás primeiras décadas do século XX vese como unha charla era seguida nos días e semanas seguintes por réplicas: había ese contraste de ideas", explica. "O Ateneo é tamén dende o comezo un símbolo dun cambio que se vai producindo na sociedade nesas décadas: pásase dunha cultura elitista, de clases medias-altas ilustradas, a unha cultura popular, e cada vez máis se ían misturando esas expresións culturais máis académicas con outras expresións menos formais. Creo que hoxe se mantén esa liña, de unir eses dous ámbitos", comenta.

 

O futuro

Ollando cara o futuro, Fernández apunta que "sería importante que o Ateneo puidese acadar unha maior estabilidade, comezando polo uso completo do edificio e pola recuperación do seu patrimonio. Nos anos anteriores producírase unha ruptura do que é unha tradición de respecto e de colaboración por parte das institucións". "Por parte do Ateneo a liña debería ser a mesma: seguir sendo ese local aberto, pero agora con máis espazos e cun edificio reformado. É unha grande oportunidade", salienta. De igual xeito, explica que as persoas que xestionaron a sociedade nos últimos anos "decidimos non presentamos á reelección para que viñese xente con novas ideas e houbese unha renovación e tamén máis participación".

"Nunha cidade en crise a cultura ten tamén un papel importante, pois dende a cultura tamén se pode axudar na súa recuperación, nun aspecto de reafirmación dunha sociedade que está viva"

"O Ateneo non debe ser unha sociedade de directivos, debe ser unha sociedade na que cada socia e socio participase directamente, para entre todas e todos xuntos conseguir facer un Ateneo que sexa importante para a cidade", di. "Nunha cidade en crise a cultura ten tamén un papel importante, pois dende a cultura tamén se pode axudar na súa recuperación, nun aspecto moral ou de reafirmación dunha sociedade que está viva. Iso nótase no Ateneo: se segue en marcha e con moita actividade, é porque por debaixo hai unha sociedade dinámica", conclúe.

 

Edificio do Ateneo Ferrolán © Turgalicia
Cartel de finais dos anos setenta © Ateneo Ferrolán
1ª Asamblea de socios e socias do Ateneo e nomeamento da primeira Xunta Directiva en 1976 © Ateneo Ferrolán
Conferencia a finais dos setenta. Isaac Díaz Pardo, Ricardo Carvalho Calero e Ramón Piñeiro, entre outros © Ateneo Ferrolán
Eliseo Fernández, á esquerda, na biblioteca do Ateneo © Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.