Atopado un exemplar "único e extraordinario" do 'Cantares gallegos' de Rosalía

Exemplar inédito de 'Cantares gallegos' © Fundación Rosalía

Un achádego "extraordinario". O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o director xeral da Fundación Barrié, Javier López; e o comisario da exposición, Xosé Barro, presentaron este venres unha peza recentemente descuberta e de importantísimo valor que se incorpora xa á mostra No principio foi o verso. Rosalía de Castro, aberta ao público na sede de Vigo da Fundación Barrié.

Tal e como explicaron os protagonistas, trátase dun exemplar "único" dunha primeira edición de Cantares gallegos que inclúe unha fotografía orixinal non coñecida até o momento de Rosalía e un autógrafo cos dezaseis primeiros versos do poema inicial desta obra asinado pola autora. Ademais, nas últimas páxinas inclúese un texto manuscrito titulado “Fernán Caballero á Rosalia Castro”: unha carta datada en “Enero 25 de 1864” e copiada da orixinal, tal e como aclara o autor anónimo do texto.

A peza aparece logo de que o seu propitario acudise á mostra e se decatase da importancia do libriño

A peza, "de extraordinario valor", aparece grazas á propia exposición, logo de que o propietario -da zona de Vigo- acode á mostra e se decata da importancia do libriño que el mesmo ten na súa biblioteca. De seguido, establece contacto co presidente da Fundación Rosalía e chega a un acordo de venda en cuestión de semanas.

Logo do peche da exposición, que se amplía até o 15 de setembro, o exemplar será exposto na Casa-Museo de Rosalía despois de se acometeren as obras de renovación museográfica prevista para finais deste ano. Tanto a adquisición do libro como a súa instalación na exposición e a ampliación da mesma foron financiadas pola Fundación Barrié.

O exemplar será exposto na Casa-Museo de Rosalía cando remate a mostra de Vigo

Fernán Caballero é o pseudónimo da escritora española Cecilia Böhl de Faber y Larrea (1796-1877), a quen Rosalía lle dedica Cantares gallegos: “Señora: Por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a usted este pequeño libro (…)”.

E 150 anos despois atópase a resposta de Fernán Caballero a esta dedicatoria grazas á copia de Ramón Segade, o máis que probable propietario inicial do libriño, segundo o estudo1 de Anxo Angueira. Nesta carta, a escritora española chámalle a Rosalía “ruiseñor de Galicia” e gaba os seus poemas, aínda que tamén a reprende por non entender algunhas palabras e por queixarse tanto do trato aos galegos, críticas ás que Rosalía reacciona nunha carta a Murguía: “Fernán Caballero se porta efectivamente como una plebeya, pero se lo perdono (…)”. Logo continuarían a relación epistolar, pois Rosalía envíalle tamén un exemplar da súa novela El caballero de las botas azules, envío que tamén responde Fernán Caballero.

 

Unha fotografía descoñecida

En canto á fotografía incluída no libro, era descoñecida até o momento e amosa a Rosalía arredor do ano 1863, na época da publicación de Cantares gallegos. Segundo os estudosos, debeu ser tirada na mesma sesión que a coñecida imaxe de María Cardarelly e achega unha perspectiva diferente da autora que nos permite observar uns riscos faciais na nosa autora veciños cos retratados por Brocos bastantes anos despois.

Por outra banda, é de destacar que hai moi poucos poemas autógrafos de Rosalía, e este é o único de Cantares. Son os 16 primeiros versos do poema inicial desta obra asinados por ela mesma, probablemente como un agasallo para o propietario do libro. Precisamente, e sobre esta propiedade, no estudo que publica Anxo Angueira sobre o achado conclúe que é moi probable que o propietario inicial do libro fora Ramón Segade Campoamor, un escritor e novelista galego amigo da infancia de Manuel Murguía e que tamén tiña unha estreita relación coa propia Rosalía, especialmente nestes anos de 1863-1864.

Fotografía inédita de Rosalía de Castro © Fundación Rosalía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.