Atopan en Ribadeo restos dun barco que axudaba os peregrinos a cruzar a ría no século XIII

Campaña subacuática no pecio do galeón San Giacomo di Galizia en Ribadeo © Xunta

Os investigadores atoparon os restos dunha nave, duns 7 metros de lonxitude, e datada entre os séculos XI e XIII, que podía transportar ata vinte persoas e que axudaba a cruzar a ría de Ribadeo

Dende hai anos a Ría de Ribadeo é escenario de diversas investigacións que buscan afondar no coñecemento da navegación que historicamente se levou a cabo nestas augas, a través do estudo subacuático dos pecios de buques afundidos e outros restos arqueolóxicos. A máis destacada destas pescudas ten como protagonista o pecio do Galeón San Giacomo di Galizia, co que se busca avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI, dado o seu excelente estado de conservación.

Campaña subacuática no pecio do galeón San Giacomo di Galizia en Ribadeo © Xunta

Continúan, ademais, os traballos no pecio do Galeón San Giacomo di Galizia, co que se busca avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI, dado o seu excelente estado de conservación

Este verán o equipo técnico liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio, no que participan institucións coma o Institut of Nautical Archeology de Texas, o CSIC, a University of Wales e o Maritime Archaelogy Trust, coa colaboración da Xunta, regresou aos traballos co obxectivo de continuar cos estudos iniciados en 2018.

No marco desta investigación, o equipo deu con outro achado, ben anterior no tempo, e que achega unha valiosa información sobre a forma en que os peregrinos se deprazaban na Idade Media a través da Cornixa Cantábrica. Os investigadores atoparon os restos dunha nave, duns 7 metros de lonxitude, e probablemente datada entre os séculos XI e XIII, que podía transportar ata vinte persoas e que axudaba a cruzar a ría de Ribadeo, nun momento no que a ponte máis próxima se atopaba a máis de dez quilómetros de distancia.

"Queremos poñer en valor estes achádegos porque ademais da súa importancia histórica e patrimonial promocionan o nome de Ribadeo”, destaca a alcaldesa en funcións, Mónica Freire

A barca medieval de pasaxe é semellante na súa estrutura ás empregadas nese mesmo tempo para cruzar ríos de grande anchura no centro e norte de Europa. A alcaldesa en funcións, Mónica Freire, e os concelleiros de Turismo e de Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, asistiron no porto á presentación do último achádego localizado, nun acto no que participaron o arqueólogo Miguel San Claudio e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. 

A rexedora declarou que “o Concello está colaborando xa desde hai moito tempo con estes traballos de arqueoloxía. Queremos poñer en valor estes achádegos porque ademais da súa importancia histórica e patrimonial promocionan o nome de Ribadeo”.

A alcaldesa en funcións, Mónica Freire, e os concelleiros de Turismo e de Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, asistiron no porto á presentación do último achádego localizado © Concello de Ribadeo

Xa o pasado 26 de agosto tivo lugar unha charla de Miguel San Claudio para difundir os novos achádegos. Esa actividade terá continuidade este sábado 3 de setembro, cunha nova charla, seguida de inmersións para coñecer de primeira man os tesouros agochados na ría. Para poder participar é preciso contar con título de mergullo e seguro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.