Betanzos Capital: oito vídeos para afondar na historia da vila que foi centro dunha das provincias históricas

A alcaldesa María Barral e o historiador Ángel Arcay presentan o proxecto 'Betanzos Capital' © Concello de Betanzos

Betanzos Capital: os segredos do Betanzos Medieval, é un proxecto audiovisual que a través do formato de vídeo explica oito segredos ou anécdotas relevantes que axudan a entender o simbolismo do patrimonio, a transformación que sufriu a cidade e os fitos que converteron a Betanzos nunha das capitais do Reino de Galicia ata 1833

A vila de Betanzos, creada en 1219 polo rei Afonso IX, foi capital dunha das sete provincias galegas históricas entre os séculos XVI e XVIII. O concello brigantino atesoura, polo tanto, unha rica historia -visible nas rúas e edificacións góticas do seu centro, declarado conxunto histórico-artísitico. Para dar a coñecer o esplendoroso pasado da localidade hai uns días presentouse o proxecto audiovisual Betanzos Capital, unha serie de vídeos que buscan poñer en valor o pasado histórico da cidade durante o Reino de Galicia.

O proxecto divulgativo, realizado por Marma S. Coop. foi un dos gañadores de II Certame de Fondos de proxectos culturais Reino de Galicia que promove a Deputación da Coruña. O proxecto realizouse co asesoramento e colaboración de Ángel Arcay, director do Arquivo de Betanzos e Museo das Mariñas xunto cunha nova xeración de historiadores da cidade coma Andrea Rivera, José Ángel Paz, Sara Fraga, Antonio González, Elena Carro e América Díaz. Todos eles ademáis de participar no desenvolvemento dos contidos, protagonizan cada un dos vídeos.

Ademais os vídeos promoven unha ruta histórica para animar o público tanto local como visitante a percorrer a cidade

Betanzos Capital: os segredos do Betanzos Medieval é un proxecto audiovisual que a través do formato de vídeo explica oito "segredos" ou anécdotas relevantes que axudan a entender o simbolismo do patrimonio, a transformación que sufriu a cidade e os fitos que converteron a Betanzos nunha das capitais do Reino de Galicia ata 1833.

Ademais os vídeos promoven unha ruta histórica para animar o público tanto local como visitante a percorrer a cidade. Para iso, e coa colaboración do Concello, creáronse uns trípticos con acceso QR aos vídeos e un mapa no que se sitúan os lugares de interese. Como curiosidade, o mapa elexido é unha adaptación creada a partir da pintura de Antonio Vázquez do ano 1616, onde se recoñece a disposición amurallada da cidade.

Nun dos primeiros vídeos, o historiador Ángel Arcay conta cales foron os motivos polos que a cidade de Betanzos non sempre estivo no mesmo lugar. O traslado produciuse no ano 1219 e de ahí a explicación da existencia de Betanzos o Vello e da Vila Nova de Betanzos

A iniciativa, que xa fora anticipada na última edición de Fitur, foi presentada o pasado 20 de marzo no cine Alfonsetti da localidade, nun acto no que os seus promotores destacaron que “a historia pode ser apaixonante se unha vez que a coñeces, sabes transmitila”.

Nun dos primeiros vídeos, o historiador Ángel Arcay conta cales foron os motivos polos que a cidade de Betanzos non sempre estivo no mesmo lugar. O traslado produciuse no ano 1219 e de ahí a explicación da existencia de Betanzos o Vello e da Vila Nova de Betanzos.

Noutras entregas afóndase no momento en que a vila acadou o estatus de capital de provincia

Noutras entregas afóndase no momento en que a vila acadou o estatus de capital de provincia, concedida polos Reis Católicos en 1480. E tamén na historia do edificio Arquivo, popularmente coñecido como Liceo, que ademais de ter unha construción moi particular, foi construido para o seu uso como arquivo, función que nunca chegou a cumprir.

Igualmente, afóndase en personaxes como Fernán Pérez de Andrade, cuxo sepulcro se atopa na igrexa de San Francisco

Tamén se repasa a importancia do seu porto, tal e como o conta a historiadora América Díaz Pampín. Ou os segredos dos túneles subterráneos existentes na vila. Igualmente, afóndase en personaxes como Fernán Pérez de Andrade, cuxo sepulcro se atopa na igrexa de San Francisco. E, así mesmo, nas revoltas Irmandiñas, a través das figuras de Afonso de Carvallido e de Clara Sanches, cuxos sepulcros foron atopados nos anos 80 do pasado século.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.