Blanca Cendán: "Non podemos permitir que os políticos de turno desmantelen todo"

Cendán, antes da rolda de prensa na que explicou o seu cesamento CC-BY-SA Alberto Ramos

"Esta mañá fun ás dez da mañá á sede da Agadic, xunto o meu xefe de produción Fran Veiga, para unha reunión rutineira con Fasero. Ía presentar as contas do Centro Dramático. Pero fixéronme pasar ao despacho de Fasero a min soa. O que me atopei foi unha carta de despedimento. Non tiven tempo nin de explicar as contas." Así relatou Blanca Cendán, a xa ex directora do Centro Dramático Galego (CDG), a súa destitución nunha improvisada rolda de prensa nunha terraza de Compostela. Nesa carta, asinada polo conselleiro de Cultura e Educación, non se especifica -segundo Cendán- o motivo da destitución, polo cal a ex directora esixiu explicacións.

"Pedinlle a Fasero que me contara as razóns da destitución e díxome que o día 27 de marzo ía haber un acto reivindicativo do teatro e que eu cedera o Salón Teatro para iso. Díxome que non debería cedelo. Non entendo a explicación. É o Día do Teatro e  a xente do teatro ten que estar no teatro, non podía dicir que non. A explicación é improcedente", afirmou Cendán, quen evitou empregar a palabra "represaliada" cando foi preguntada polos xornalistas se sentía como tal. "Síntome pouco informada. Non me parece normal. Fun traballar como calquera outro día. Era unha xuntanza normal con Fasero e atopeime coa carta de despedimento. Alá eles", respondeu.

A destitución de Cendán prodúcese poucos días despois de que anunciase no Salón Teatro, na compaña de Anxo Lorenzo e o propio Fasero, a nova produción  do Centro Dramático, As furias, que estaba previsto que dirixise Andrés Lima. "Mañá viaxo a Madrid e falarei con Andrés. Direille que non hai trazas de que se vaia facer. É unha tomadura de pelo, xa se atrasara a produción varias veces. Pero quen sabe, se cadra seguirán adiante sen min. Falarei co señor xerente da Agadic, para ver se queren continuar coa obra", explicou Cendán, que aproveitou a súa despedida para criticar con dureza os recortes nos orzamentos do CDG e a xestión da Agadic. "O Centro Dramático galego leva 25 anos e ten que ter un orzamento mínimo imprescindible para traballar. Ten que ter, polo menos, unha produción ao ano. É unha unidade de produción. Se non se fai como mínimo unha ao ano, que sentido ten o Centro Dramático Galego? Estes non foron tempos doados, os recortes foron chegando. No ano 2010, os recortes foron de 200.000 euros, no 2011 caeron un 60% e agora andabamos nuns 400.000 euros", sinalou Cendán, que lembrou que unha produción mínima precisa duns "250.000 euros".

"Fasero díxome que o día 27 ía haber un acto reivindicativo do teatro, que eu cedera o Salón Teatro para iso e non debería facelo"

Cendán tamén aproveitou para repasar a súa xestión e defendela nestes momentos de crise. "Estou orgullosa de ter feito A ópera dos tres reás, fixemos dúas producións, mantivemos programas de formación e a programación nestes tempos. Traballei con coherencia.  Fixemos a Ópera, que foi a obra máis vista da historia do Centro Dramático e de súpeto estou despedida e véxome castigada", lamentou a actriz, quen explicou que no CDG traballan 20 persoas "en situación de medo", que non saben "se van ser despedidas" ou se "pecha" o centro. Ante a posibilidade de que o Centro Dramático bote o peche, Cendán apostou pola súa necesaria continuidade. "Ten que seguir aí, o Centro Dramático ten que continuar cun orzamento mínimo para traballar. Temos que respectar os convenios cos actores e un mínimo para funcionar. Non se pode reducir por caprichos", retrucou a xa ex directora.

"Ataque á cultura"

A explicación que lle deu Fasero sobre o acto do Día do Teatro resulta "improcedente" e supón un novo agravio para o sector, segundo Cendán. "É un ataque á cultura. Levo 25 anos  no teatro e non podemos permitir que os políticos de turno desmantelen todo. A xente do teatro merecemos un respecto" afirmou antes de engadir que a administración da que formou parte até hoxe "non facilita e mesmo impide que os proxectos saian adiante".

"Roberto Varela sempre foi un gran apoio, sentín moito a súa marcha, non tiña a mesma comunicación con esta xente nova"

Blanca Cendán, quen chegará ao cargo mediante un concurso público, tamén tivo palabras dirixidas para os vellos e os novos responsables de Cultura. "Cando marchou Varela, houbo unha reunión de presentación. Despois outra con Anxo Lorenzo. Non obstante,  hei de dicir que Varela foi sempre un gran apoio. Sentín moito a súa marcha. Non tiña a mesma comunicación con esta xente nova  [Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez] que con el. Intentamos manter un diálogo, pero non foi un diálogo fluído. Si, hai un resentimento", confesa. Preguntada sobre o trato que mantiña con Fasero, Cendán simplemente recoñeceu que "tiña unha relación máis fluída con Varela que con Fasero". "Era máis doado con Varela", rematou.

A actriz non poderá participar no acto do Día do Teatro do próximo día 27, xa que estará en Madrid para asistir a unha rolda de prensa para presentar unha coprodución do CDG e do Centro Dramático Andaluz sobre Valle-Inclán. "Non poderei ir, pero quizais mande unha carta de adhesión. Irei a esa rolda a falar xa como ex directora", explicou Cendán, que en todo momento amosou alegría por volver á escena. "Son libre, volvo ao teatro", recoñeceu.

Blanca Cendán, na rolda de prensa na que explicou o seu cesamento CC-BY-SA Alberto Ramos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.