Branca Novoneyra: "Atopamos un sector cultural devastado, cómpre tempo para xerar ilusión nel"

Branca Novoneyra © Concello de Santiago

Branca Novoneyra é especialista en xestión cultural e dedicou boa parte da súa vida profesional ao mundo da danza tanto na faceta de coreógrafa como de bailarina. Dende hai nove meses, no entanto, a súa actividade céntrase na Concellaría de Acción Cultural de Santiago. Dende o consistorio da capital galega Novoneyra asegura estar a trazar un proxecto baseado na "participación" dos "sectores profesionais" e do asociacionismo. "Iso leva tempo e é máis difícil de facer e comunicar ao sector e á cidadanía que o dirixismo, pero estámolo facendo", di, na xornada na que vén de sacar adiante o que considera un dos seus proxectos "máis importantes", a aprobación en Xunta de Goberno Local das bases para a selección da nova dirección-xerencia do Auditorio de Galicia, "un dos puntos neurálxicos do noso programa cultural", afirma.

A cuestión da participación vén sendo algo moi repetido por parte do goberno local en xeral e na cultura en concreto. Que balance fai dese primeiro ano?
O que valoro moito deste primeiro ano, no que a comunicación da política cultural do goberno foi moi complexo pola situación comunicativa que sufrimos na cidade. Dende que entramos en xuño do pasado ano orientamos 111.000 euros do orzamento a convocatorias públicas sen políticos. Son procesos selectivos, con comisións pilotadas por técnicos da casa. En setembro lanzamos 25.000 euros para os programas didácticos do Auditorio que non só son para Santiago, senón para toda Galiza, un traballo herdado que nós continuamos. En novembro realizamos a convocatoria da Zona C con 36.000 euros, un espazo que precisaba especialización, reconectar tras anos no que o tecido cultural foi moi precarizado pola crise, cunha alta frustración por non poder desenvolver proxectos. E hai un mes sacamos adiante as axudas en concorrencia competitiva por 50.000 euros para o sector profesional da cidade, ao que crimos necesario apoiar tamén con apoios en especie, cedendo espazos e asistencia técnica municipal para poder desenvolver proxectos.

"Xerar ilusión aínda é unha materia pendente"

Ata agora a orientación estaba decidida dende os postos políticos, e o que precisamos que a través de convocatorias abertas xurdan os proxectos e nós asumamos o acompañamento. Ese é o papel da institución, crear un marco para reactivar un tecido cultural que aínda hoxe está desactivado. O Concello ten que apoiar e non dirixir, non ir por unha visión dirixista que sería, iso si, completamente inmediata. Pero eu considérome intérprete dun programa colectivo nun espazo cultural totalmente devastado e institucionalmente, moi destruído. E isto precisa tempo. En once meses non se pode apostar polo dirixismo, e a participación implica tempo. Xerar ilusión aínda é unha materia pendente, e facelo neste marco restritivo, coas regras de xogo que temos e garantía xurídica. 

A cuestión da cultura non adoita estar en primeira liña do debate político, pero en Santiago si o está nos últimos meses a respecto dunha entidade e dunha problemática que non é nova, como é a banda municipal e a súa carencia de prazas. Como analiza a súa situación?
Como unha instrumentalización política. A Banda Municipal é un espazo identitario da cidade e do propio Concello, é un departamento adscrito a Acción Cultural. A Banda Municipal tivo apoio por parte de todas as corporacións, sempre se asumiu por todos os gobernos, pola súa identidade e e pola súa pertenza á institución. Bandas profesionais en Galiza e no Estado hai moi poucas, e unha banda apoiada con 1,7 millóns de euros, cunha media de 33.000 euros por concerto, é o espazo cultural máis apoiado nunha cidade de 95.000 habitantes, que tamén ten unha Real Filharmonía apoiada polo Consorcio. É unha cidade que apostou pola música nos últimos trinta anos.

"A Banda Municipal é unha herdanza moi positiva, pero existe a Lei Montoro; agardo que se revise a instrumentalización política"

Esta é unha herdanza moi positiva, pero existe a Lei Montoro. E todos os nosos departamentos sofren xubilacións e baixas que non se cobren, nin na nosa Administración nin noutras. Hai unha taxa de reposición dun 50% para servizos prioritarios, e a interpretación da prioridade non a fai o político, senón o espazo técnico que considera prioritario cubrir un administrativo, un bombeiro, ou un policía municipal. E non consideran prioritario cubrir os postos da banda, pero dan unha orientación, que se cubran con contratos programa, como o anterior goberno. Aquí non mudou nada, agás unha instrumentalización moi negativa dun departamento contra o goberno. Eu, como concelleira, sempre asinei todas as necesidades do meu xefe de servizo, que é o director da banda.

Nós falamos coas entidades musicais da cidade, tamén cos compañeiros da Coruña e Ferrol á procura de solucións. Coñecemos tamén a situación da banda de Ourense, que está nun proceso de desmantelamento e desaparición que leva adiante o goberno do PP. Curiosamente, os nosos concelleiros do PP aquí descoñéceno. Agardo unha revisión desa visión errada, porque o goberno polo que se distingue é por unha aposta para manter ou incrementar o gasto social e cultural, e estámolo cumprindo.

Dado que indica que se trata xa dunha cuestión máis política ou partidaria ou cultural, debera o goberno local enfocala dese xeito?
Eu coido que sempre traslado esa visión, e fixen tamén un labor de interlocución cos músicos e co propio director. Non se pode dicir que unha banda municipal con 1,7 millóns de euros de orzamento propio non é un espazo apoiado por unha cidade de 95.000 habitantes. Sempre foi un departamento atendido delicadamente, malia á crise, pola súa natureza de unidade de creación artística.

Nas últimas semanas falouse na cidade tamén das achegas á Feira do Libro, igual que do libro se leva falando tamén pola participación da cidade na feira de Bos Aires. Cal debe ser o papel do libro na política cultural dun concello, toda vez que é un eido que transcende o ámbito municipal?
No noso programa electoral asumimos que a situación do sector do libro en Santiago estaba en crise, así nolo trasladaron a maioría dos libreiros e tamén a asociación de editores. A petición de non apoiar a feira do libro foi formulada por Compostela Literaria e polos propios editores de Compostela durante a campaña. Foi unha asunción que fixemos durante a campaña e en diferentes xuntanzas tras a entrada do Goberno. Nós asumimos as súas críticas á Federación de Libreiros, toda vez que a participación das librarías da cidade foi mínima, só tres.

"Asumimos as peticións da maioría do sector do libro, eu tamén considero que cómpre repensar o modelo de feira"

Os convenios nominativos supoñen un apoio pero tamén un aval a un proxecto. Coa maior parte do sector en contra nós non podiamos facelo, e nós asumimos a formulación da maioría. Penso que foi unha decisión valente a nivel político, e considero ademais que é necesario repensar ese modelo de feira do libro. Nós apoiamos as Romarías do Libro como un modelo en proceso, que aínda busca novos métodos. Tamén apoiamos cun proxecto de mapa literario a nosa participación nesa Feira do Libro de Bos Aires, un proxecto de Mapa Literario alternativo que apostaba pola literatura independente e viva xunto á literatura da memoria, que tamén é moi necesaria.

Santiago atópase no período entre as dúas festas, as do Ascensión e as do Apóstolo. Vostede asumiu esa responsabilidade tamén cunha aposta de reformulación. Que balance fai desta área, alén da meteoroloxía que condicionou parte das últimas festas?
Nós entramos en xuño e montamos nun mes un Apóstolo que foi un éxito, cun traballo moi enriba da data e grazas a un equipo humano fantástico dentro da institución. Os cambios nas festas son evidentes, se cadra é a parte de Acción Cultural na que o cambio pode ser máis directo. A liña é a diversidade das actividades, que non só son musicais. Un apoio aos espazos tradicionais das nosas festas, como os nosos cabezudos, que son os únicos que bailan. Hai que facer tamén un traballo de memoria das nosas festas para poder repensalas. Ese é un traballo máis profundo. E o espazo máis agradecido, se cadra, é o familiar, coas romarías cativas.

Esta Ascensión, efectivamente, houbo que trasladar os concertos do Toural ao Teatro Principal. Pero o importante é que o concerto suceda, aínda que chova. Cando Tom Jones saíu bailar e cantar entre un diluvio universal, a xente aplaudiu. Eu agardo que a xente tamén aplauda cando mantemos as festas aínda que chova, porque en Santiago chove. E na Praza da Quintana, por exemplo, non é posible movelos a outros espazos.

En toda a actividade cultural de Santiago está presente a Cidade da Cultura. Como cre que debe ser a súa convivencia con ela, toda vez que non cabe facer como que non existe…

"A decisión da Cidade da Cultura foi dantesca, pero existe. A liña é a comunicación e a colaboración"

Iso non sería intelixente a nivel de cidade. A Cidade da Cultura hai que conectala e nós estamos facendo ese traballo, tanto a nivel de transporte como estando continuamente en contacto cos seus responsables para coñecer as súas programacións. Tamén é necesario compartir proxectos e penso que estamos na sintonía axeitada. A orientación dos nosos equipamentos é continuamente distinta, pero hai moitos proxectos e accións que temos que conectar, non só non contraprogramando, senón colaborando. Paréceme curioso que non sucedesen cousas en común cando os dous espazos formaban parte da mesma visión política nos últimos catro anos. Penso que hai mellor sintonía, a nivel de comunicación que nos catro anos anteriores. A liña é a comunicación e o traballo transparente entre institucións nos proxectos, e non só visibilizar a Cidade da Cultura como un espazo da frustración. A decisión e o orzamento do proxecto haberá que facela durante décadas, porque foi dantesca. Pero existe. É como o feísmo; forma parte dos espazos da frustración que hai que recuperar para operar neles e reactivalos.

Branca Novoneyra © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.