A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) organizará nas vindeiras semanas en Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense encontros entre profesionais das catro provincias galegas, co obxectivo de para buscar modelos de boas prácticas no eido cultural local. Nestes encontros traballarase "con dinámicas áxiles e obxectivos concretos, a partir de proxectos, persoas e entidades de referencia", buscando "definir valores, modelos, estratexias e procedementos" que poidan servir de guía aos profesionais do sector.
As citas son o luns 23 de febreiro en Lugo, o martes 24 de febreiro na Coruña, o luns 2 de marzo en Vigo e o martes 3 de marzo en Ourense, sempre en horario de 16.30 a 20 horas. A inscrición é gratuíta e as prazas son limitadas, tendo prioridade os membros da AGPXC.
O debate frutifica agora nunha serie de recursos que queren ser de utilidade para os profesionais do sector e para as formacións políticas que vaian a ter responsabilidades nas políticas culturais locais
Este traballo de creación colectiva dunha guía de recursos e boas prácticas da xestión cultural de proximidade -eido no que traballan a maioría dos profesionais, tanto do sector público como do privado- forma parte dun intenso proceso de debate impulsado pola AGPXC e no que xa participaron centos de profesionais da cultura ao longo dos últimos anos. O debate frutifica agora nunha serie de recursos que queren ser de utilidade para os profesionais do sector e para as formacións políticas que vaian a ter responsabilidades nas políticas culturais locais a partir das eleccións do mes de maio.
O proxecto toma como referencia o traballo previo da Comisión de Cultura da FEMP (2009) sobre a Axenda 21 da Cultura. Os recursos que se elaboren articularanse arredor de catro puntos: Participación cidadá e acceso á cultura. Públicos e tecido cultural local; Ferramentas e mecanismos de bo goberno na acción cultural local: Recursos, avaliación, rendición de contas, transparencia; A cultura como factor de desenvolvemento local: social, económico e territorial; e Xestión do patrimonio cultural material e inmaterial.
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural constituíuse en maio de 2008 como un espazo de encontro e reflexión e tamén como unha plataforma de representación profesional. Forma parte da Federación Estatal de Asociaciones de Gestores Culturales (FEAGC)