Cans nº 13: Meigas fóra!

Presentación da programación, hai unhas semanas © Festival de Cans

Este mércores arrinca a XIII edición do Festival de Cans na que, dende o 18 ao 21 de maio, a parroquia porriñesa se convertirá no epicentro do noso audiovisual. Serán catro días de celebración arredor da música e o cine na edición máis multidisciplinar do certame, que este ano incorpora á súa programación danza contemporánea, videocreación, literatura ou gastronomía. 

A primeira xornada será, un ano máis, o Día dos Veciños e Veciñas, con actividades protagonizadas e dirixidas á xente de Cans

A primeira xornada será, un ano máis, o Día dos Veciños e Veciñas, con actividades protagonizadas e dirixidas á xente de Cans. Tamén arrinca mañá Cans do Futuro, a actividade do festival ideada para os escolares. Ademais, este mércores pola noite será a estrea de Ponme a última!, unha curtametraxe documental que fai un percorrido pola memoria dos bares pechados de Cans e que foi realizada por un grupo de veciños e veciñas da parroquia. Durante todos os sábados do mes de febreiro, dez persoas de entre os 12 e oa 60 anos, asistiron a un curso de técnicas de gravación, edición e montaxe impartido polo realizador porriñés Juanma LoDo. Tras o curso, os veciños e veciñas continuaron co desenvolvemento de todas as fases de traballo do proxecto ata chegar á grabación e á montaxe. 

En total, o festival contará con 18 curtametraxes e 18 videoclips a concurso, e nas súas catro xornadas reunirá a 160 músicos e 90 obras audiovisuais. Entre elas destacan a estrea de Psiconautas de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, as habituais seccións Fill@s de Cans e A que andas? coas últimas novidades e propostas do sector ou a inauguración da sección Retratos de familia, que recolle as obras dunha serie de directores e directoras novos que afondan no entorno familiar para crear unha cinematografía diferente. Poderanse ver: “Losada”, de Ximena Losada e Marcos Nine; “Imaxes secretas”, de Diana Toucedo, “Vai chover”, de Santiago D. Risco, “Extraño”, de Iria Silvosa e “Cuna”, de Lucía Estévez. No apartado musical, destaca a celebración dos 25 anos da Arroutada Pangalaica dos Diplomáticos de Montealto, así coma os concertos de Iván Ferreiro, Novedades Carminha e Delafé.

En total, o festival contará con 18 curtametraxes e 18 videoclips a concurso, e nas súas catro xornadas reunirá a 160 músicos e 90 obras audiovisuais

Nesta edición, ademais, varios dos seus espazos emblemáticos medran en contidos e funcionalidades: a Leira de Alicia pasa a ter programación continua nos dous días centrais do festival e acolle o Espazo Mahou con diferentes actuacións musicais vinculadas aos contidos audiovisuais do Jalpón de Alicia, encontros de cineastas e o habitual coloquio na leira. O festival tamén inaugurará o Jaliñeiro Arena cun espectáculo exclusivo de Janet Novás e Mercedes Peón fusionando danza contemporánea e música de dúas das nosas artistas máis internacionais. 

No apartado musical, destaca a celebración dos 25 anos da Arroutada Pangalaica dos Diplomáticos de Montealto, así coma os concertos de Iván Ferreiro, Novedades Carminha e Delafé

Os nenos e nenas cobran cada vez máis protagonismo en Cans, que reforza a programación infantil, que segue medrando con proxeccións, actuacións musicais, monicreques e obradoiros. Os máis pequenos terán actividades no Cuberto do Pato, no Baixo de Carlos e o parque do río, con zona de xogos tradicionais e menús infantís. Nestas localizacións poderán gozar da Caixa de Mistos, dun obradoiro de filmes de MrMisto no que xogarán a ser cineastas ou da proxección de Maimiño.

Presentación da programación, hai unhas semanas © Festival de Cans
Imaxe do teaser de 'Ponme a última' © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.