Cans quenta motores este xoves para as súas dúas xornadas centrais

Jesusa, Milagros, María, Ramón e Sandra forman este ano o 'Xurados d@s veciñ@s' © Festival de Cans

Este mércores botou a andar a 14ª edición do Festival de Cans. O mércores é decote a xornada máis caseira, o Día dos Veciños e das Veciñas, con actividades protagonizadas e dirixidas á xente da parroquia, uns momentos para recoñecer e homenaxear as persoas que, ano tras ano, fan posible este pequeno milagre. "O Festival de Cans non sería posible sen o papel que cada ano xogan os seus veciños e veciñas. Dende os máis novos que se converten nos Guías dos camiños ata os máis veteranos que levan anos prestando as súas propiedades e poñendo o seu traballo a disposición de todo o mundo", destaca a organización. "A xente de Cans é ademais protagonista activa no festival, participando en producións audiovisuais e actuacións musicais, recibindo premios e homenaxes, traballando na equipa organizadora, ou decidindo que curtas merecen o recoñecemento da veciñanza", engaden.

O xoves, o festival vai quentando motores para as súas dúas xornadas centrais (venres e sábado). Iso non significa que sexa unha xornada menor e, de feito, este ano quíxose dotar este día de maior dimensión e programación. Neste día convivirán o audiovisual, a música, a gastronomía, a literatura e as artes plásticas con actividade dende a mañá ata a noite. E con tres citas destacadas, por riba de todo: ás 19.30 comezará a tradicional procesión de chimpíns desde a Praza do Concello ata a sede do Círculo Recreativo Cultural (CRC). O local acollerá ás 20 horas a estrea mundial de A historia dun satélite, unha longametraxe dirixida polas irmás Sonia e Miriam Albert-Sobrino, coñecidas como as Also Sisters. Trátase do filme debut destas irmás xemelgas, producido pola Universidade de Utah -na que agora son docentes-. Ás 22 horas dará comezo na Praza do Concello o concurso de videoclips do Festival de Cans, presentado por Marta Gómez (Zig-Zag, TVG).

 

Venres e sábado

A 14ª edición do Festival de Cans ofrecerá ata a noite do sábado moito cine, moita música, pero abríndose a outros temas e formatos, dende debates a coloquios, pasando pola gastronomía, as artes plásticas ou a literatura. A conmemoración neste ano do 15 aniversario da catástrofe do Prestige centrará parte da programación. En canto á competición oficial de curtametraxes, destaca a paridade total entre pezas realizadas por mulleres e homes, un vello obxectivo do festival. O tradicional Coloquio na Leira nesta ocasión terá como protagonista ao cineasta Montxo Armendáriz. A música un ano máis será protagonista, coas actuacións de León Benavente, Eladio y los Seres Queridos, Edu Romero, Nico Pastoriza, Corizonas, Adrián Costa & The Criers, Familia Caamagno ou Terbutalina.

 

Jesusa, Milagros, María, Ramón e Sandra forman este ano o 'Xurados d@s veciñ@s' © Festival de Cans
Este xoves ás 19.30 terá lugar a tradicional procesión de chimpíns © Festival de Cans
Unha das sesións de proxección © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.