É a primeira vez que o premio recoñece unha tradución poética ao galego, tras premiar en anos previos outro tipo de creacións literarias
A tradución ao galego de As iluminacións, do poeta francés Arthur Rimbaud (1854-1891), por parte de Tamara Andrés e Oriana Méndez vén de ser recoñecida co XXII Premio Plácido Castro de tradución. É a primeira vez que o premio, que leva o nome do recoñecido tradutor e galeguista falecido en 1967, recoñece unha tradución poética ao galego, tras galardoar en anos previos outro tipo de creacións literarias.
O xurado do premio, reunido en Cambados este luns, destaca "a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal". Tamén salienta que a tradución "mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais así como a sonoridade" e "ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a comprensión lectora".
O xurado destaca "a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal"
O Premio Plácido Castro de tradución está dotado de 3.000 euros e a súa entrega coincidirá co Día Internacional da Tradución, o 30 de setembro. Na nómina de premiados en edicións anteriores figuran escritores e tradutores destacados como Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto, Antía Veres ou María Alonso Seisdedos.