Brassica Rapa, Antía Muíño e Mondra cantan pola Palestina en 'Oliveira ardendo', unha homenaxe a Berrogüetto

Brassica Rapa durante a gravación de "Oliveira ardendo" © Cuarto Pexigo Session

"Berrogüetto serviron para inspirarnos e para tomar a decisión de levar a cabo esta produción na que reivindicamos que 'desde o río ata o mar, Palestina vencerá"

'Esta é a nosa terra!', berran as nenas, cansas. Vós teredes as bombas, nós, dignidade humana. Brassica Rapa, Antía Muíño e Mondra únense para celebrar as festas e reivindicar o pobo palestino. A cancion Oliveira ardendo é tamén unha homenaxe á mítica banda Berrogüetto, da que collen o seu clásico tema Nadal de Luintra como base e lle suman os arranxos musicais de Andrea Pérez e unha adaptación da letra co selo de Mondra, Antía Muíño e María Prado.

"Non falamos suficiente do que está a acontecer en Palestina", asegura Antía Muíño, que xunto a Mondra pon a voz a esta canción, que presentan nunha versión en directo no marco das Cuarto Pexigo Session cun vídeo gravado na Praza de Abastos de Santiago de Compostela por El Membrillo. Xúntanse para "non deixar de poñer o foco no xenocidio que está sucedendo", desde a arte "e desde todos os lugares que sexa posible", afirma Mondra, que este ano publicou o seu segundo disco, De Ronda, e este verán debullou as novas cancións nunha entrevista no Vinte almorzando.

A oliveira é un do elementos principais do vídeo e entra no propio título do tema por ser a árbore emblemática da Palestina, un poderoso símbolo da súa identidade. As súas raíces representan o vínculo deste pobo coa súa terra, a pesar das guerras e do xenocidio levado a cabo polo Estado de Israel. Zeltia Iglesias encargouse do deseño da capa e dos créditos do vídeo baseándose nas creacións da artista palestina Shereen Quttaineh, quen quixo preservar no seu proxecto Forbidden Plants of Palestine as ramas da oliveira e outras árbores e plantas que forman parte da cultura do seu pobo. 

A oliveira é un do elementos principais do vídeo e entra no propio título do tema por ser a árbore emblemática da Palestina, un poderoso símbolo da súa identidade

Salientan que a homenaxe a Berrogüetto obedece ao desexo de amosar como as artistas novas se achegan desde o respecto e a admiración ás bandas que iniciaron camiño. Anxo Pintos, Guillermo Fernández, Quico Comesaña, Isaac Palacín, Santiago Cribeiro, Quim Farinha, Guadi Galego, Xabier Díaz formaron parte deste grupo que contou con múltiples músicos colaboradores e configurou un xeito de facer propio na escena galega. 

"Trátase dun grupo fundamental para o país, con músicas e cantantes que son referentes de moitas xeracións que viñemos despois. Serviron para inspirarnos e para tomar a decisión de levar a cabo esta produción na que reivindicamos que desde o río ata o mar, Palestina vencerá", indican dende Brassica Rapa, unha banda formada por rapazas que tocan instrumentos de vento metal e percusión.

Antía Muíño no proceso de gravación © Cuarto Pexigo Session

Antía Muíño, que debutou en 2022 co álbum Carta aberta e este ano publicou un EP xunto ao músico Abe Rábade, explica que está "moi feliz de aportar o meu gran de area para reinterpretar este tema, poder darlle este acertado cambio de guión e de colaborar con estes artistas". 

A partir deste venres, 19 de decembro, a canción Oliveira ardendo chegará a todas as plataformas dixitais na súa versión de estudio, gravada e mesturada por Hevi no Laboratorio Soyuz e masterizada por CEM ORAL en JAMMIN MASTERS. Ademais, o tema estará acompañado doutro vídeo producido por Cartílago, que contou coa asesoría e o acompañamento na rodaxe da palestina Maryam Lo Presti.

Mondra gravando "Oliveira ardendo" © Cuarto Pexigo Session

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.