O cantareiro e bailador vén de publicar o seu segundo traballo, 'De ronda', integrado por once temas con cadanseu videoclip, que son, ao tempo, “estados do corpo” que se poden dar nunha noite de troula
O cantareiro e bailador vén de publicar o seu segundo traballo, De ronda, integrado por once temas con cadanseu videoclip, que son, ao tempo, “estados do corpo” que se poden dar nunha noite de troula. Un traballo no que Mondra propón un disco máis persoal pero sempre irreverente e atravesado pola sexualidade, o amor propio, a comunidade ou os valores da mocidade e cunha manchea de elementos propios da tradición oral galega.
De ronda é un álbum no que Mondra presenta un novo son, máis orgánico e fresco, da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz). Neste disco, o artista aborda “a sedución, seducir ou ser seducido” a través de once cancións ou “estados do corpo” que se poden dar nunha noite de ronda. Desde o desexo ou o impulso sexual até a aceptación ou mesmo da ruptura. Mondra presenta así unha escolma moi persoal de pezas que soan contemporáneas, mais que son traídas e interpretadas a través de elementos que tamén son doutro tempo. Ás xa coñecidas vale “Máis un canciño”, “Teño caldo quente”, “Por te ver” ou “Férveme o cú”, agora súmanse novos temas que completan o relato musical.
O novo disco arranca con “Ata que enrouqueza”, que aborda as noites sen medida; para continuar con “Por te ver” -sinxelo publicado o 10 de abril- e “Achar con quen casar”, que se mofa do casamento e aborda os xuízos sociais. O impulso sexual faise explícito con “Férveme o cu”, para dar paso á aceptación e ao amor propio con “Se queres”; que serve de preámbulo a “Púxenme guapo”, que transita amablemente por todas as sensacións que se viven nunha noite ata o regreso á casa.
'De ronda' despídese co tema “Ventilar o cuarto”, que conta coa colaboración de Antía Ameixeiras, e que fala da ruptura e de deixar ir
O sétimo estado do corpo é a evocadora e retranqueira “Teño caldo quente”, o segundo avance do disco; mentres que “Viva viva” pon en valor o carácter comunitario da propia ronda. Neste punto chega “Vale máis un canciño”, a reflexión anticapitalista coa que Mondra anunciou a saída do álbum; e “Como se colea”, que aborda a loita entre o desexo e a toxicidade, coma se fose “un peixe que atrae a, á vez, atrapa”. Finalmente, De ronda despídese co tema “Ventilar o cuarto”, que conta coa colaboración de Antía Ameixeiras, e que fala da ruptura e de deixar ir.
Mondra fará unha dobre presentación pública de 'De ronda' a próxima fin de semana na Sala Capitol nun espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez
O traballo complétase con once pezas audiovisuais -que corresponden a cada un dos temas do disco-, producidas polo propio artista e polo estudio Elmembrillo baixo a dirección creativa de Zeltia Iglesias.
Dobre presentación na Capitol
Logo deste lanzamento, Mondra fará unha dobre presentación pública de De ronda a próxima fin de semana na Sala Capitol nun espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez. Aínda que inicialmente estaba previsto un único concerto para o sábado 10, tras esgotar todas as entradas, o cantareiro anunciou nas redes sociais unha segunda data no mesmo recinto: a noite anterior.
Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza. Nas dúas sesións, ademais, haberá artistas convidadas.