O Ministerio da Presidencia, ao amparo da Lei de Memoria Democrática, vén de declarar ilegal o tribunal que condenou o histórico galeguista pola súa actividade política
Plácido Castro foi soterrado o 18 de xullo de 1967, un día despois de morrer en Cambados, onde acabou os seus días como profesor de instituto tras anos de exilio e represión pola súa actividade política como alto cargo do Partido Galeguista, do que foi o seu máximo responsable internacional. Este 18 de xullo, 56 anos despois da súa morte e 87 anos despois do golpe de Estado que en 1936 truncaría a súa vida, a fundación que vela polo seu legado recibiu unha comunicación formal do Ministerio da Presidencia.
A anulación oficial da súa condena polo franquismo e a "declaración de recoñecemento e reparación persoal" contempladas na Lei de Memoria Democrática aprobada o pasado ano polo Goberno de España.
A reparación oficial de Plácido Castro, tras unha petición formal da súa fundación, chega nunha data que o seu director, Xulio Ríos, considera "simbólica en todos os sentidos". Tamén a presidenta da fundación, Susi Castro, filla do galeguista, celebra que a resolución oficial "por fin, fai xustiza". Ríos salienta tamén que esta declaración foi posible "con este goberno en España", e apela a "poñer fin ás consecuencias da ditadura fascista tamén a través de mecanismos simbólicos e reparadores como este que son expresión dun proceso necesario de normalización democrática".
Xulio Ríos, director da Fundación Plácido Castro, que instou a declaración, salienta que foi posible "con este goberno" e defende estes "mecanismos simbólicos e reparadores" como necesarios para a "normalización democrática"
Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 25-1-1902 – Cambados, 17-7-1967) foi máximo responsable internacional do Partido Galeguista, co que logrou en 1933 o recoñecemento de Galicia como nación no Congreso de Nacionalidades Europeas da Sociedade de Nacións. Tamén foi xornalista (impulsou o programa en galego da BBC), escritor e tradutor ao galego de obras destacadas da literatura mundial.
Tras o golpe de Estado foi condenado a 15 anos de inhabilitación absoluta, 8 anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e a unha multa de 25.000 pesetas. Iso levouno a instalarse inicialmente en Vigo, pero despois exiliouse en Portugal e Londres. Regresaría a Galicia en 1956, para instalarse como profesor en Arousa.
Tras a aprobación o pasado ano da Lei de Memoria Democrática, que contempla a anulación dos xuízos franquistas, a Fundación Plácido Castro instouno formalmente. E agora, nunha resolución asinada o 4 de xullo polo propio ministro de Presidencia, Félix Bolaños, e recibida este 18 de xullo na sede da fundación en Cambados, o Estado repara formalmente o dano que causou ao galeguista.
O ministerio constata que Castro "padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a ditadura franquista" e anula a súa condena e declara "ilegal e ilexítimo" o tribunal que o condenou
Tras comprobar a documentación facilitada pola fundación, o ministerio considera acreditado que Plácido Castro "padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a ditadura franquista". Considera que polo tanto "ten dereito ao recoñecemento e a obter a reparación moral e a recuperación da súa memoria persoal, familiar e colectiva", como contempla a lei.
Por iso, o ministerio declara "ilegal e ilexítimo o tribunal que xulgou a D. Plácido Ramón Castro del Río, así como os xurados e calquera outros órganos penais ou administrativos que, a partir do Golpe de Estado de 1936, se constituísen para impoñerlle, por motivos políticos, ideolóxicos, de conciencia ou crenza relixiosa, condenas ou sancións de carácter persoal, así como a ilexitimidade e nulidade das súas resolucións".