Plácido Castro, o home que non quería comprendernos

Plácido Castro durante o seu tempo como locutor da BBC © Fundación Plácido Castro

Liberal e progresista, internacionalista e nacionalista, anglófilo e irlandófilo: unha biografía afonda nunha figura esencial para a proxección internacional do galeguismo

Como tentar comprender, e despois transmitir, a vida dun home que non se quería comprender a si mesmo? As biografías xa son de por si relatos arriscados, pero como facela de alguén para quen a complexidade era unha forma de estar no mundo? Iso é o que intentan coa biografía Plácido Castro, nós mesmos no mundo a súa filla, Susi Castro, e Xulio Ríos, quen leva anos empeñado, entre outras moitas cousas, na recuperación dunha figura histórica do galeguismo máis alá dos seus fitos máis significativos.

Plácido Castro, arriba ao fondo, con lentes, nun acto con Castelao, situado diante súa © Fundación Plácido Castro

Plácido Castro (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967) foi o responsable internacional do Partido Galeguista, con máis votos dentro da formación que o propio Catelao. El foi quen logrou en 1933 que Galicia fose recoñecida como nación no Congreso de Nacionalidades Europeas da Sociedade de Nacións. El foi unha das voces que no exilio levou o galego á BBC. E foi un destacado tradutor que verteu ao galego obras significativas da literatura universal. 

Esas poden ser algunhas das facetas máis coñecidas de Plácido Castro, grazas en parte ao labor de divulgación que vén facendo a fundación que leva o seu nome. Pero na vida de Castro hai máis, non todo recollido en anteriores biografías (hai 25 anos da primeira) ou estudos sectoriais da súa actividade. 

Esa complexidade é o que agora tenta transmitir, polo 120 aniversario do nacemento de Castro, este novo libro, unha sorte de actualización do estado da cuestión arredor da vida e a obra do galeguista editado pola súa fundación co apoio dos seus principais padroeiros, os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). 

Plácido Castro con Francisco Fernández del Riego e Darío e Emilio Álvarez Blázquez © Fundación Plácido Castro

Nas preto de duascentas páxinas de texto, imaxes e documentos do libro queda claro que Plácido Castro era un liberal. E un progresista. Era un nacionalista e un internacionalista. Era un anglófilo e un irlandófilo. Era un xornalista apegado aos feitos e case que un filósofo analista das esencias galegas.

"As persoas e os pobos que se comprenden a si mesmos deben ter moi pouco que comprender”

Nesa última faceta deixou unha notable reflexión arredor da saudade como feito diferencial dos galegos. Ou non. Porque dela dixo que era mellor limitarse a sentila e “cáseque debemos alegrarnos de non comprendela porque as persoas e os pobos que se comprenden a si mesmos deben ter moi pouco que comprender”. Comprender a ese home que non quería comprenderse nin comprendernos é o reto da súa nova biografía.

[A Fundación Plácido Castro facilita de xeito gratuíto un exemplar da biografía a quen o solicite na súa web previo pago de 5 euros por gastos de envío]

Última fotografía de Plácido Castro, con Álvaro Cunqueiro © Fundación Plácido Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.