Unha mostra aberta ata o 24 de xullo e un seminario na tarde deste martes 25 de xuño analizan as relacións do histórico galeguista coas illas e o celtismo
“Un galego séntese aquí máis perto da súa Terra ca en moitas rexións que só distan de Galicia uns centos de quilómetros”. Así resumía Plácido Castro a súa viaxe ás irlandesas illas Blasket a finais dos anos 20 do pasado século, con só 26 anos, na compaña do doutor Flower, a máxima eminencia en cuestións célticas do British Museum. Daquela experiencia nas illas Blasket quedan seis crónicas xornalísticas e un álbum fotográfico que a familia Castro garda como ouro en pano. Pero aquelas imaxes son só unha parte, xunto con documentos ou artigos, da mostra sobre a relación de Plácido Castro con Irlanda e a súa biografía en xeral que se pode ver ata o 24 de xullo na sala municipal de exposicións Antón Rivas Briones de Vilagarcía. Ademais, este martes 24 de xuño un seminario analizará a relación de Castro coas illas e o celtismo.
“Quen un lustro mais adiante sería confirmado como primeiro secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista tiña daquela conformada xa boa parte da súa arquitectura intelectual onde o celtismo (como a saudade) ocupaba un lugar de relevancia como expresión desa busca e recuperación dunha identidade que nos situara no mundo con voz propia, unha teima que consideraba esencial para podermos progresar con bases tan autónomas como sólidas”, salientan desde a Fundación Plácido Castro, que impulsada por Xulio Ríos e a familia do galeguista traballa desde hai anos por dar a coñecer a súa vida e obra.

Plácido Castro foi o único da súa xeración de galeguistas que chegou a visitar Irlanda, que tanta admiración espertaba en todos eles
“A xeración galeguista do tempo de Plácido Castro sentía unha fonda admiración por Irlanda e as súas arelas soberanistas; non obstante, de todos os grandes nomes que a integraron só Plácido chegou a pisala naqueles anos de tantas esperanzas”, salientan desde a fundación. “Hai dous tempos na abordaxe a propósito de Irlanda, como en dous tempos viuse partida a súa propia vida: antes e despois da guerra civil. Ese tráxico ecuador determinou os temas a tratar, máis comprometidos primeiro e máis literarios despois”, din sobre a relación do autor coa cultura irlandesa.
Estas e outras cuestións serán analizadas na tarde deste martes 25 de xuño, a partir das 16.00 horas, nun seminario no que participarán David Clark, Keith Payne, Uxío Breogán Diéguez-Cequiel ou Manuela Palacios. Pola súa banda, a mostra, inaugurada o pasado venres, pode visitarse ata o 24 de xullo de luns a sábado (de 10,30 a 13,30 e de 18 a 21 horas) e os domingos (de 11 a 14 horas). As iniciativas contan co apoio da Irish Embassy In Madrid, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello Vilagarcía de Arousa.