O Ministerio de Cultura terá que pronunciarse sobre a “perigosa” cesión do control do Patrimonio aprobada pola Xunta

Imaxe de arquivo de traballos arqueolóxicos nas salinas romanas da Guarda © Concello da Guarda

A Plataforma de Profesionales de la Arqueología solicita que a Dirección General de Patrimonio Cultural y Bellas Artes do Ministerio de Cultura inicie un procedemento de expolio por omisión contra o Goberno galego pola modificación da Lei de Patrimonio Cultural, que vén de aprobar aproveitando o trámite dos Orzamentos de 2026, coa que deixa en mans dos concellos as competencias de protección do Patrimonio

Jaime Almansa, arqueólogo e membro desta plataforma estatal, explica a Praza.gal que a figura do expolio por omisión é "case o único instrumento que hai para que actúe o Ministerio" porque a maioría das competencias están transferidas ás Comunidades Autónomas, pero Cultura se reserva a de asegurar que os gobernos autonómicos actúen baixo o marco regulador estatal, que neste caso é a lei do Patrimonio histórico español.

Dolmen de Axeitos, na parroquia de Oleiros do Concello de Ribeira CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

En concreto, o Ministerio deberá revisar a modificación da normativa galega que suprime a autorización previa da Consellería de Cultura para a intervención en bens catalogados con protección estrutural e ambiental, nos contornos de protección ou nas zonas de amortecemento. As autorizacións que seguirán dependendo da Xunta son as que afectan aos bens de interese cultural (BIC) ou con protección integral.

"Con esta nova fórmula unha construtora poderá chegar a un edificio protexido e cunha declaración responsable que diga que vai facer a reforma en condicións, ninguén lle vai preguntar máis", explica o arqueólogo Jaime Almansa

Na solicitude ao departamento liderado por Ernest Urtasun fan referencia ás "circunstancias" nas que se produce este cambio lexislativo, que xa é efectivo ao quedar aprobada a lei de acompañamento dos Orzamentos de 2026 da Xunta no Parlamento. "Tal e como está formulado, pode ser perigoso", advirte a Plataforma de Profesionales de la Arqueología, que teme que outros gobernos "copien" esta maneira de actuar. "Descentralizar non é unha mala idea, a cuestión é facelo desta forma tan opaca, sen que a cidadanía se entere", defende Almansa.

"A Xunta é a responsable de protexer o Patrimonio histórico de Galicia. É unha situación de desamparo porque haberá municipios preparados, como pode ser o caso de Santiago, que ten un equipo de profesionais capaz de xestionar estas tarefas, pero a maioría dos concellos non contan co persoal especializado nin cos recursos necesarios para protexer o Patrimonio. Se xa non teñen recursos para os servizos básicos do día a día, que de pronto lles metan a xestión duns bens patrimoniais que en moitos casos non son conscientes de que teñen... Incluso aqueles concellos que teñan vontade de coidar destes bens, non o poderán asumir e dificultarán máis as cousas", razoa Jaime Almansa.

Peregrinos no Camiño de Santiago CC-BY-SA LAE Madrid

A preocupación entre os defensores do Patrimonio é maiúscula. "É que un dos principais perigos que houbo historicamente contra o Patrimonio foron os propios concellos cando tratan de aprobar modificacións de plans urbanísticos, novas construcións ou licenzas, que se saltan precisamente as proteccións de determinados edificios e espazos catalogados como bens culturais. Dalgunha maneira, isto é como poñer o lobo a coidar das galiñas sen que haxa ninguén polo medio que poida frear o que seguramente vai suceder", debulla Jaime Almansa. 

"Con esta nova fórmula unha construtora poderá chegar a un edificio protexido e cunha declaración responsable que diga que vai facer a reforma en condicións, ninguén lle vai preguntar máis", critica o arqueólogo. "Porque ademais non hai capacidade para inspeccionar, e se cadra tampouco hai vontade: non é unha prioridade", engade.

A Plataforma de Profesionales de la Arqueología reclama que se informe á UNESCO da situación porque tamén afecta ao Camiño de Santiago

Esta plataforma estatal de arqueólogos moveuse alertada tamén polo informe do Consello da Cultura Galega, que critica que se promova esta modificación lexislativa sen avaliar a capacidade dos concellos de asumila, nin o custo que suporá. Tendo, ademais, o catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia sen actualizar.

Por outra banda, este colectivo reclama que se informe á UNESCO da situación porque tamén afecta ao Camiño de Santiago. A reforma impulsada polo Executivo de Alfonso Rueda, e aprobada pola maioría absoluta do PP no Parlamento, deixa en mans dos concellos de máis de 50.000 habitantes as actuacións que afecten aos camiños de Santiago en solo urbano

Un extremo que consideran un "risco" e que Jaime Almansa describe cun exemplo: nun punto do Milladoiro hai unha placa que lembra que desde alí se podían ver as torres da catedral de Santiago, que agora non se ven pola construción de edificios de maior altura. "Aquí entramos no debate de se o que ves dende o Camiño está protexido ou non, pero está claro que hai modificacións que mudan a identidade dos lugares", sinala. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.