Carballo aposta polas webseries co seu primeiro festival do xénero

Dominio Público Praza Pública

Carballo pretende sitaurse entre as vilas vangarda do audiovisual. E farao ca primeira edición do Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP),  un certame que repartirá 5.000 euros na súa aposta "por  un xénero en plena eclosión". Converterase así a localidade bergantiñá nun dos primeiros lugares do Estado, xunto a Madrid, onde se celebre un festival deste tipo.

Carballo será, xunto a Madrid, un dos lugares do Estado onde se celebren festivais de webseries

Con este CIP, Carballo pretende seguir así o ronsel do éxito de webseries galegas como Angelica e Roberta ou outras feitas na propia localidade como Un sitio distinto. Como o xénero non contaba cun festival propio, máis aló de sección nalgún certame, o Concello decidiuse a organizar un festival que, segundo aclara o goberno local, pretende "apostar pola creatividade, a cultura e o desenvolvemento das industrias culturais" e para dar a coñecer a zona apoiándose "no caldo creativo que ferve na rede".

O festival de Carballo Interplay proxectará as webseries e celebrará obradoiros, charlas, master class, mesas redondas e concertos

Será entre o 24 e o 27 de abril deste ano cando se celebre un CIP que proxectará as webseries que entren en concurso, pero que celebrará tamén obradoiros, charlas, master class, mesas redondas e mesmo concertos. Con anterioridade ao festival, organizarase un obradoiro de webseries con mozos e mozas de Carballo, cuxo resultado proxectarase tamén no festival.

No certame poden participar todas aquelas webseries producidas entre os anos 2012 e 2014 en calquera punto do  Estado que teñan ao menos tres capítulos emitidos no momento de presentarse ao festival, de calquera duración, temática ou xénero, tanto de imaxe real como de animación. As bases poden consultarse na páxina web do CIP e haberá diversos premios.

Haberá premios económicos á mellor webserie de imaxe real, a mellor de animación e a mellor galega

O festival premiará a mellor webserie de imaxe real con 1.500 euros, a mellor webserie de animación con outros 1.500 e a mellor webserie galega con 1.000 euros. Haberá tamén un Premio do Público dotado con 1.000 euros e dous galardóns sen dotación económica para a mellor actriz e o mellor actor.

O Concello de Carballo aclara que este festival promociona o poder de internet, "un escaparate en momentos complexos para o audiovisual polas axudas e o recorte de axudas" e que "permite poder chegar de modo rápido e eficaz á audiencia e sen necesidade dunha televisión que aposte polo teu produto para emitilo". "Os creadores, as creadoras, poden controlar así o proceso de difusión, abarátanse os custos e dáselle entrada, ademais, a novos modos de produción, como o crowdfunding, o financiamento en función das achegas particulares de todas aquelas persoas que queiran apoiar o proxecto", aclara o goberno local.

A webserie carballesa 'Un sitio distinto' © turismocarballo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.