O disco, que se publicará nas vindeiras semanas, está rematando a súa fase de micromecenado, na que se pode colaborar cunha compra anticipada do álbum
Carmen Penim está a presentar o seu novo disco, "Cantos de Terra e Sal", un traballo de recuperación de cantos tradicionais galegos do interior e da costa cunha reinterpretación propia. O proxecto atópase neste momento na fase de crowfounding/micromecenado. Pódese colaborar a partir de 10 euros cunha compra anticipada do álbum, que sairá a finais de novembro. Todas as persaos que sexan mecenas terán entrada libre a un concerto.
Porén, xa podemos escoitar o seu primeiro single "Canto da Seitura: A María da aira pondo a roupa a clareo", unha homenaxe á súa avoa e as mulleres que vivían no Couto Mixto, onde ela naceu.
Dende nena na casa da súa avoa paterna no Couto Mixto, Carmen Penim tivo a sorte de escoitar os vellos romances, mestura de galego e castelán, traídos polos antigos seitureiros que saían traballar a Castela
Dende nena na casa da súa avoa paterna no Couto Mixto, Carmen Penim tivo a sorte de escoitar os vellos romances, mestura de galego e castelán, traídos polos antigos seitureiros que saían traballar a Castela. As festas populares como os “fiadeiros” e as súas melodías, imprimíronse nela a lume. Aínda que sempre influenciaron a súa maneira de compoñer, son agora protagonistas no seu novo disco, no que realiza versións fusión deses antigos cantares, así como de cancións tan coñecidas como Negra sombra, Camariñas ou Lela, arranxadas por ela.
O disco, con Maurizio Polsinelli ao piano, foi gravado, mesturado e masterizado por Fernando Campos en E-disco da Estrada. E o vídeoclip do single “A María da aira pondo a roupa a clareo” foi realizado por Fon Cortizo e gravado na área recreativa do muíño do Fausto de Cangas.
"Cantos de Terra e Sal" é un traballo de recuperación de cantos tradicionais galegos do interior e da costa cunha reinterpretación propia
Carmen Penim é o nome artístico de Carmen Pérez Fernández, que ademais da súa traxectoria musical ensina desde hai máis de vinte anos en institutos de Galicia. Traballou tamén en Italia durante seis anos, onde despois de moito tempo como autodidacta atopou a ocasión de estudar canto coas mellores maestras da provincia de Turín. Alí formou o seu dúo 2naFronteira xunto ao pianista italiano Maurizio Polsinelli, que aínda hoxe a acompaña.
Despois de catro discos dedicados a musicalizar poesía, en setembro de 2017 estreou o seu ambicioso traballo Herdeiras, un libro-CD con audiovisual de Margarita Ledo no que se ocupou da coordinación, produción e composición musical e que afondou nas mulleres resistentes á represión do 36 en Galicia. Tamén destaca na súa produción o disco dedicado á revista Nós (Sons de Nós, 2015), un repertorio que nos últimos meses reactualizou coincidindo co centenario da revista.