Todo comezou cun tuit, ou iso di Paco León. Preguntoulles aos seus 550.000 followers se lles soaban Filmin ou calquera outra plataforma de descargas legais de películas en Internet, e foron poucas as respostas afirmativas. A seguir preguntou quen pagaría 1,90 por ver o seu filme, Carmina o Revienta, no seu ordenador se se estrease á vez que nas salas. E as respostas chegaron por milleiros. Ese é o experiemento, e ese é o reto deste filme de cen mil euros de orzamento, dirixido polo coñecido actor, que obtivo o recoñecemento do público do Festival del Málaga, e que se estrea este xoves, ao mesmo tempo, nas salas comerciais, en DVD e na rede, a través de Filmin, iTunes, Google Play ou PlayStation 3.
O prezo nas salas será o habitual (por riba dos seis euros), a edición en DVD terá un custe semellante, mentres que nas distintas plataformas de distribución de contidos online terá un custe de 1'95
O prezo nas salas será o habitual (por riba dos seis euros), a edición en DVD terá un custe semellante, mentres que nas distintas plataformas de distribución de contidos online terá un custe de 1'95 (nos primeiros quince días, despois pasará a 2,95) e de 3 euros en itunes. Non foi fácil para Paco León chegar até aquí. Finalmente Carmina o Revienta estrearase en vinte salas de toda España, entre elas Vigo, pero o actor denuncia presións e boicots por parte das distribuidoras contra o filme, e mesmo contra el mesmo, pois segundo denuncia as presións teríanse dirixido ás produtoras, para que non o contratasen.
Paco León di que "había unha necesidade social que a distribución en salas non cubría. Que a xente quere ver as películas cando as promocionas, e non tres ou catro meses despois". Asegura que Alta, a distribuidora máis importante de cinema español, lle ofreceu unha estrea ao nivel dunha superprodución, pero que el preferiu arriscar, e seguir adiante co experimento. Conta co apoio de Filmin, plataforma online especializada na distribución de filmes independentes. Aseguran que isto "non é unha acción antisistema; é unha acción nova. E sería desexable que servise a toda a industria para tomar nota, para aprender, para que corrixamos se fai falla, para que nos posicionemos".
Conta co apoio de Filmin, plataforma online especializada na distribución de filmes independentes. Aseguran que isto "non é unha acción antisistema; é unha acción nova. E sería desexable que servise a toda a industria para tomar nota"
E conta coas críticas das salas, temerosas de perder os beneficios que lle outorga a exclusividade desa fiestra de estrea, esas semanas nas que un filme só se pode ver de forma legal sentados nas butacas. A FECE (Federación de Cinemas de España), a asociación maioritaria dos empresarios de cine, defenden que "a estrea en sala serve de plataforma de lanzamento para as películas". Esta semana verase como responden os internautas, aqueles aos que vai dirixido este movemento. Se se deciden a pagar por ver este filme (e outros no futuro) a uns prezos moito máis baixos ca nas salas, e cunha calidade e cunha comodidade moi superiores ás que ofrecen as descargas.