Catro obras de arte visual galega para agasallar no Nadal

Dominio Público Praza Pública

A carreira por escoller agasallos de Nadal entra na súa recta final. A data límite pode variar algo en función da tradición vixente en cada familia.  Sexa a do Apalpador -que baixa das montañas en Noiteboa, pero tamén pode facelo en Aninovo- a de Papá Noel ou a dos Reis Magos, o certo é que todos eles están a piques de petar na porta e esixen subministracións urxentemente. Velaquí catro suxestións para evitar sucumbirmos no rebumbio de compras de última hora no centro comercial e rematar cun presente insulso. Catro agasallos propostos dende a sección de publicacións d'Afundación para o público interesado na cultura galega, con descontos e lotes especiais polo Nadal.

Contido patrocinado

O pobo galego a través da mirada de Ruth Matilda Anderson

As  fotos que a norteamericana tomou en Galicia entre 1924 e 1926 configuran parte fundamental da imaxe que moitos galegos temos sobre as nosas raíces, malia que retratan un mundo xa desaparecido. A lente de Anderson, enfocada na vida cotiá de vilas, aldeas e lugares, na poboación traballadora humilde, por ser o ámbito que daquela non era obxecto de interese para a fotografía, soubo captar con respecto a esencia dun pobo traballador que mira á cámara orgulloso dos seus costumes, ritos, oficios e xeitos propios.

Dende a súa primeira edición en 2009, o libro Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia converteuse nun éxito. O volume esgotou varias tiradas debido, entre outros factores, á calidade da edición e ao exhaustivo da escolma de imaxes do arquivo Anderson.

Así, recolle non só máis de 450 fotografías das dúas viaxes de investigación realizadas por encargo da The Hispanic Society of America. Incorpora tamén anotacións orixinais da propia fotógrafa, describindo tanto os lugares e as xentes, como todos os retos do seu traballo cotián, cartas escritas desde aquí polo seu pai (quen a acompañou na primeira das campañas) para a familia nos Estados Unidos e mais algunhas substanciosas páxinas do diario de viaxe deste. Unha peza imprescindible para a etnografía e a historia da fotografía do país, que inclúe ensaios de Ramón Villares, Miguel Anxo Seixas e Patrick Lenaghan.

As fotos pódense ver na exposición de Afundación que está a viaxar por diferentes vilas do país. A nova edición do libro, de gran formato e 520 páxinas, é unha delicia que acaba de gañar o Premio Paraugas 2017 ao Mellor libro de arte, outorgado polo Clúster da Comunicación Gráfica. Aqueles que prefiran algo máis decorativo, e económico, teñen a opción de facerse con algún dos pósters ou cun xogo de postais das imaxes máis coñecidas.

O testamento pictórico de Maside

Carlos Maside é unha das figuras claves na cultura galega, cuxa traxectoria sintetiza a evolución da pintura na primeira metade do século XX. Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre reúne a obra do artista dende os seus inicios máis costumistas - por exemplo, en Nena con galo- até o seu achegamento ás correntes de vangarda e  internacionalistas, pero sempre coa cerna en Galicia -Paisaxe de Compostela ou Tenda, entre outras. A obra recollida neste catálogo era considerada polo pintor como un todo indivisible e representativo da súa produción, o seu legado.

Novecentista e costumista con posturas universalistas, Maside foi capaz de estender unha nova filosofía de optimismo a respecto dos cambios sociais e da transformación política que que estaba a ter lugar na súa época e que el presentía como inevitable. Esa perspectiva persoal estabelecía relacións vinculantes entre territorio, tradición, modernidade, autonomía, universalidade e cultura, xunto a unha visión europeísta e democrática que el ansiaba para a súa terra. O catálogo, de 77 páxinas, conta ademais con textos de Antón Baamonde, Encarna Otero, Mercedes Rozas e Suso de Toro.

Antón Pulido. Antolóxica

Este catálogo consta de 34 obras datadas entre os anos 1969 e 2013, que constitúen un percorrido exhaustivo dende os seus primeiros pasos case até a actualidade pola figura dun dos pintores máis importantes na historia moderna do país. A evolución do de Amoeiro pode seguirse dende as creacións máis figurativas e volumétricas dos seus inicios, como o seu Autorretrato (1970) até os Kermesse coloristas desta década. Un labor de investigación plástica en diálogo coa tradición do país que recibiu o aplauso internacional, con mostras en capitais como Tokio ou Nova York.

No libro podemos contemplar como Pulido se caracteriza por uns comezos figurativos e expresionistas, que evolucionan paulatinamente cara a unha abstracción capaz de combinar sentimentos e emocións diversas nun mesmo cadro. Antón Pulido. Antolóxica son 72 páxinas de ilustracións e fotografías de quen tamén fora director xeral de Cultura da Xunta, acompañadas dun ensaio de Carlos L. Bernárdez.

Os segredos do mural máis famoso da Coruña

Máis de 42.000 persoas visitaron este ano a exposición organizada ao redor da restauración e traslado por parte de ABANCA do mural de Urbano Lugrís Vista da Coruña 1669, sen dúbida unha das obras máis representativas da arte moderna coruñesa. O catálogo da mostra, un volume de gran formato e 304 páxinas, recolle todos os documentos e obras de Lugrís incluídos nesa popular mostra, con textos en galego e inglés.

O comisario da exposición, Rubén Ventureira, escribe tres ensaios sobre o delicado traballo de traslado e restauración do mural dende a rúa Real até a rúa Olmos;  sobre o descubrimento de como o artista se inspirou na Vista panorámica da Coruña de Pier María Baldi, unha obra de 1669; e sobre a faceta de Urbano Lugrís como decorador de espazos públicos, tarefa que era unha entre as moitas habelencias dun artista bohemio, con contradicións ideolóxicas e polifacético, pois ademais de pintor foi poeta, dramaturgo e tamén arquitecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.