Celuloide para a clase obreira (ou o que quede dela)

CC-BY-NC-SA .:fotomaf:.

Ferrolterra é unha comarca conformada ao redor das súas industrias dende hai moitas xeracións. A súa paisaxe física de guindastres, recheos e naves, e a súa paisaxe humana de homes e mulleres que levan décadas madrugando antes do amencer para mover as máquinas. A súa linguaxe e emocións tamén están marcadas dende hai máis de medio século pola produción industrial e o sentimento de pertenza a unha clase social. Porén, a crise que leva décadas asolando a comarca, e que nos últimos anos se viu acentuada, pon todo isto en cuestión. En Ferrol a desindustrialización non é só un problema de desemprego, é un tema de identidade persoal e grupal. Que é Ferrol sen industria?

En Ferrol a desindustrialización non é só un problema de desemprego, é un tema de identidade persoal e grupal. Que é Ferrol sen industria?

Como afirma Xosé Leira na presentación da IV Mostra Cinema e Sociedade, centrada nesta ocasión na clase obreira, "a estratexia socioeconómica actual está levando a trocos profundos no mundo laboral e nas respostas e alternativas por parte dos traballadores. As políticas actuais levan a un incremento dos procesos de alineación dos traballadores, o que implica unha perda importante na toma de conciencia da súa situación laboral e dos causantes da mesma".

A Mostra comezará o luns 5 e desenvolverase até o venres 9 no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol. Incluirá proxeccións diarias de filmes clásicos coma Tempos modernos ou coñecidos títulos recentes moi centrados na crise e a reconversión coma Os Luns ao Sol, Recursos Humanos de Laurent Cantet, Tocando o vento de Mark Herman ou Nun mundo libre de Ken Loach. Tamén incluirá unha retrospectiva sobre o director francés Robert Guédiguian. Todos os filmes estarán acompañados de presentacións de expertos e debates. 

O venres 9 proxectarase O efecto Iguazú, coa presenza do seu director Pere Ventura, que recibirá un premio ao seu labor

Haberá igualmente debates específicos no que participarán Manuel Martínez Barreiro, Tino Santiago, Teresa Díaz López ou Dolores Vilavedra e un recital poético coordinado por Mario Regueira e no que participarán Samuel L. Paris, Lorena Souto ou Sechu Sende. O venres 9 proxectarase O efecto Iguazú, coa presenza do seu director Pere Ventura, que recibirá un premio ao seu labor. Tamén serán galardoado pola súa acción social o colectivo Cabanas Rural.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.