Cen anos d'A Nosa Terra, voceiro galeguista "coa marca da boa prensa"

Cabeceira do primeiro número d'A Nosa Terra © Real Academia Galega

O 14 de novembro de 1916 saíu do prelo o primeiro número d'A Nosa Terra. O Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d'América e Portugal naceu como voceiro dos irmandiños da defensa da lingua, que comezaran formalmente as súas actividades poucos meses antes, e coa evolución política das irmandades tornou, nos anos 30, en xornal do Partido Galeguista. A súa primeira xeira finalizou co golpe franquista, se ben a cabeceira rexurdiu en varias ocasións. A última comezou pouco despois da fin da ditadura e chegou, con diversos avatares, ata hai media década. A pegada d'A Nosa Terra está a ser especialmente lembrada no ano do seu centenario, do centenario das Irmandades.

Esta lembranza centrou un dos actos organizados pola Real Academia Galega para lembrar as Irmandades. Foi no pasado verán cando sentaron á mesma mesa xornalistas de varias etapas d'A Nosa Terra para lembrar, en verbas da profesora Margarita Ledo, directora do xornal entre 1977 e 1980, a "marca da boa prensa" que o caracterizou. "Foi -explicou Ledo- unha publicación con vocación de contemporaneidade" que se "diferenciou" das demais "a través dos contidos, da linguaxe e na iniciativa de se converter máis tarde en periódico orgánico do galeguismo" para "influír politicamente". Foi parte da prensa "que persuade, que quere seducir".

Esa aposta pola "sedución", por apelar directamente ao público, foi evidente nas páxinas d'A Nosa Terra dende aquel primeiro número, publicado hai cen anos, e así continuou nas décadas seguintes, cando foi adoptando, tanto nas formas como nos contidos, características máis identificables cos xornais contemporáneos. Tras o golpe franquista e o forzoso cesamento da publicación a cabeceira rexurdiu nos anos 40 ao abeiro dos nacionalistas exiliados na Arxentina, con Castelao á fronte, e foi publicada irregularmente ata os anos 70. Foi en 1977 cando un grupo de xornalistas encabezado por Margarita Ledo tomou as rendas da nova xeira do proxecto, que tiña ante si serias dificultades económicas pero tamén xurídico-políticas -responsables da publicación chegaron a ter que sentar ante os tribunais por, disque, atacar a Constitución-.

Cando A Nosa Terra chegou ás tres décadas experimentou a súa derradeira transformación. A inxección económica da división de medios de comunicación da construtora San José no xornal derivou nun profundo redeseño da publicación en papel e mais no nacemento d'A Nosa Terra Diario, un ambicioso xornal dixital. No entanto, este proxecto apenas durou tres anos. En setembro de 2010 anunciaba a renuncia á versión impresa e, pouco despois, tamén o desmantelamento da dixital, co despedimento da trintena de persoas que compuñan naquela altura o cadro de persoal e que se viron abocadas a un intenso conflito laboral co grupo propietario, que apenas un ano despois decidiu tamén o peche da outra cabeceira que sostiña, Xornal de Galicia.

A derradeira xeira d'A Nosa Terra comezou en 1977 e rematou en 2010 entre fondas dificultades económicas

As dificultades económicas polas que pasou A Nosa Terra, emblema irmandiño e tamén do xornalismo ligado ao galeguismo e ao nacionalismo, semellaban augurarse, dalgún xeito, naquel primeiro número. "Fundar e soster escolas en Galicia é obra santa, patriótica. Mais axudar a vida d'este boletín, é corolario obrigado d'aquelas iniciativas loudabres (...). A nosa terra percisa un boletín, xa que hastra o d'agora hai xornales e revistas de gallegos, mais nin un soyo de Galicia, esquirto en gallego y-en Galicia, pra Galicia (...). Chegou a hora de definirnos. Nós expoñemos cartos e traballo. Damol-o exempro. Quen non faga o pequeno sacrificio económico de axudarnos a erguer esta folla enxebre, que de chegar a ser diaria resolvería moitas cousas de fondo interés patriótico, non terá dereito a chamarse bo gallego", dicía o artigo fundacional, titulado A bandeira ergueita.

A Nosa Terra foi o voceiro do Partido Galeguista © A Nosa Terra
Capa d'A Nosa Terra en 2007 © A Nosa Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.