Cineclube de Compostela: "Sempre tentamos suscitar preguntas, máis que dar respostas"

Algúns dos membros do Cineclube Dominio Público Praza Pública

Cada mércores, ás 21:30, a sede social da Gentalha do Pichel acolle unha sesión de cinema organizada polo Cineclube de Compostela. Os asistentes teñen a oportunidade de ver certos filmes que non aparecen de modo frecuente nos circuítos comerciais (e alternativos) da escena cultural compostelá. As proxeccións son gratuítas, mais case ningún dos asistentes accede sen aportar un euro en concepto de bono-axuda, a proposta da organización. Tras o remate do filme Lección de Historia, dirixido polo matrimonio de cineastas franceses Straub-Huillet, charlamos con cinco dos membros do Cineclube sobre o presente da asociación e o futuro da cultura non comercial en Galiza.

“Amais de achegar cinema, tamén se tenta traballar un pouco sobre el”, dinos Lara Rozados, pertencente á organización

“Amais de achegar cinema, tamén se tenta traballar un pouco sobre el”, dinos Lara Rozados, pertencente á organización. Non queren que os identifiquemos como directivos, xa que a asociación é “absolutamente horizontal”. A procura de debate, de reflexión, a través de mostrar filmes cunha mensaxe singular, e que utilizan modelos comunicativos novidosos e experimentais. “Sempre intentamos suscitar preguntas, máis que dar respostas”, apunta Lara.

“O que importa é que os que veñan que se sentan implicados coa película e coa idea que temos á hora de poñer as películas”

No tocante aos espectadores, téñeno claro: prima a calidade sobre a cantidade. Outra das colaboradoras, Cristina García, afirma que “o que importa é que os que veñan que se sentan implicados coa película e coa idea que temos á hora de poñer as películas”. De feito, son conscientes de que tiveron opcións de atraer máis xente ás proxeccións. Porén, o seu obxectivo dista de encher as salas. “Cando proxectamos O anxo exterminador enchemos a Sala Yago. O anxo exterminador é un moi bo filme, pero decatámonos de que iso non era o que buscabamos”, explica Iván Cuevas, un dos membros máis antigos.

Houbo uns anos de “falta de renovación, tanto de público como da xente que seleccionaba as películas”. Non obstante, aseguran que o superaron ben, e agora están tendo unha afluencia consistente e, de maneira máis importante, unha audiencia aberta á reflexión. A isto axudou un grupo de estudantes de Xornalismo na USC, que fixeron un proxecto de voluntariado coa asociación. Curiosamente, algúns dos membros fundadores do Cineclube estudaban Xornalismo no momento da creación, arredor do ano 2001.

"Determinada parte do tecido asociativo e do tecido cultural de Santiago requiría de un local propio e libre onde non dependese doutras institucións e de aí a idea de vir aquí foi por formar parte de algo máis grande"

O local da asociación cultural Gentalha do Pichel, é ademais un centro de referencia das actividades culturais alternativas da capital galega. O Cineclube mudouse a este emprazamento porque "determinada parte do tecido asociativo e do tecido cultural de Santiago requiría de un local propio e libre onde non dependese doutras institucións e de aí a idea de vir aquí foi por formar parte de algo máis grande", segundo explica Iván. Isto tamén permitiu que hoxe en día exista unha “clara presenza do Cineclube na vida cultural desta cidade, guste ou non guste”, como asegura Moncho Fernández.

A afección polo cinema levou algunhas das persoas que colaboran no Cineclube a emprender proxectos audiovisuais independentes. Entre eles, dous minidocumentais colectivos con forte contido social: Salvemos o río e Hai que botalos. O Cineclube de Compostela tamén é un lugar onde os novos artistas teñen a opción de presentar os seus traballos cinematográficos. Desde a organización afirman que comparten a idea de que “todos somos artistas, só temos que explotar esa condición da maneira que conveñamos para aportar algo á arte”. Julio Vilariño puntualiza: “temos unha concepción do cinema como todo: a creación, a recepción do público, pero tamén as relacións con outras manifestacións culturais ou as reaccións que o filme produce na sociedade”.

Julio Vilariño puntualiza: “temos unha concepción do cinema como todo: a creación, a recepción do público, pero tamén as relacións con outras manifestacións culturais ou as reaccións que o filme produce na sociedade”

O último proxecto que queren levar a cabo cruza fronteiras e sae do estritamente cinematográfico. Está relacionado cos Grundtvig Project, que tratan de impulsar a aprendizaxe permanente. “Atopamos unha rapaza checa que nos dirixiu a unha asociación que está restaurando un antigo cine, e buscaba alguén que fixese o propio en Galiza”, contan. Contactaron con ela e, así mesmo, cunha asociación polaca que ten o mesmo obxectivo. O obxectivo é “un plan de dous anos de colaboración República Checa-Galiza-Polonia”. Agora agardan pola aprobación da Unión Europea para poñelo en funcionamento.

Polo momento, o soto do número 21 da rúa Santa Clara de Compostela seguirá a exhibir unha clase de cinema afastado dos lugares comúns do celuloide comercial, sempre cunha intención de xerar inquedanzas nos espectadores e aportar novas percepcións ao panorama cultural compostelán.

Algúns dos membros do Cineclube Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.