Codeso, lugar natal de Anxo Rei Ballesteros, reivindica a “lucidez” e o saber vivir do autor de ‘Loaira’

Pola esquerda, Iolanda Aldrei e Chus Armada, -atrás-, Marta Fernández e Xavier Fernández, nun momento da homenaxe © Asociación Pena do Corvo

“Era todo derroche”. De todo. De lucidez. De enerxía. De vitalidade. De precisión na palabra. De transgresión. Así define a Anxo Rei Ballesteros a mestra e escritora Marga Alborés, que foi amiga do autor de Loaira. Amigos e veciños deste escritor homenaxeárono na súa aldea de nacemento, Codeso (Boqueixón), nun acto no que salientaron, precisamente, a lucidez do seu discurso. A súa intelixencia. A súa sabedoría, que ía alén dos libros. Que implicaba saber vivir e saber convivir cos demais.

Salientaron a lucidez do seu discurso. A súa intelixencia. A súa sabedoría, que ía alén dos libros. Que implicaba saber vivir e saber convivir cos demais

“Non coñecín a ninguén máis lúcido na miña vida. A súa conversa taladraba, removía, daba un xiro na túa mente co seu enfoque”, dicía Alborés, entre o público, momentos antes do comezo da segunda parte dun acto que se iniciara diante da casa de Rei Ballesteros en Codeso, que na actualidade acolle o restaurante O Balado. A que foi a súa derradeira compañeira, María Xesús Armada, e Daniel de la Torre, da Asociación Pena do Corvo, foron os encargados de descubrir a placa en homenaxe a Anxo e Paulo Rei Ballesteros nesta casa, un lugar ao que -lembrou Armada- os irmáns sempre voltaban. Porque alí “escribiron, pensaron, viviron moitos eidos, sen esquecer o arrecendo da súa orixe”, como pode lerse na propia placa.

A Asociación Pena do Corvo organizou o acto celebrado en Codeso, no que a música estivo moi presente -da man de Pena do Corvo, Pandereteiras de Codeso e O Ghusto do Boi- e cuxa segunda parte foi presentada pola poeta Iolanda Aldrei, quen afirmou que se cadra a obra de Rei Ballesteros non foi todo o recoñecida que merece, aínda que, na súa aldea natal, -fronte á, asegurou, común tendencia a esquecer aos creadores no lugar do que proceden-, si se fixera e se fai un esforzo por recordar “quen somos, de onde vimos”, con eventos coma a homenaxe a Rei Ballesteros.

“El traballaba para o cambio, para a revolución que tiña na cabeza”, subliñou Marta Fernández

Aldrei presentou despois aos veciños e veciñas de Codeso que fixeron unha achega á figura de Ballesteros desde a perspectiva familiar: a súa sobriña, Marta Fernández Rei, o seu cuñado, Xavier Fernández, e María Xesús Armada. “El traballaba para o cambio, para a revolución que tiña na cabeza”, subliñou Marta Fernández, que contou unha anécdota sobre unha ocasión na que, tras expoñer na clase un traballo sobre Loaira feito a partir dunha longa conversa co seu tío, a profesora admitira que ela mesma debía reler a novela porque, coma Marta, non sabía se a entendera. Xavier Fernández coincidiu con Marta ao sinalar, ademais da lucidez de Rei Ballesteros, a súa condición de “revolucionario”, da lingua e da identidade galega.

María Xesús Armada quixo recordar a Maribel, que fora durante anos a muller de Rei Ballesteros e que tamén colaborara na recuperación dos seus textos inéditos, e sinalou varios aspectos da obra deste escritor, coma o seu gusto polos vocábulos e expresións populares. O autor de Dos anxos e dos mortos ou de Non sei cando veremos, novelista e ensaísta, utilizaba, -subliñou Armada-, un galego “moi rico e fermoso sen limitarse ao que propoñían as normativas ditadas pola Academia”. Sempre tentando evitar o “hermetismo das vangardas literarias” tanto como “facer novelas fáciles para as masas”.

"Escribía para advertirnos de que o que nos queren facer “o Estado, o capital, os medios de comunicación” non é o que realmente acontece"

E escribía, ademais, para advertirnos de que o que nos queren facer ver “o Estado, o capital, os medios de comunicación” non é o que realmente acontece. Armada lembrou tamén a pegada, na obra de Rei Ballesteros, da cultura tradicional galega herdada dos avós; da reflexión sobre a violencia, -destacou aquí a figura de André Malraux-; da nostalxia pola comunidade nunha sociedade de masas de individuos atomizados; así coma a presenza da morte, conectada coa súa máis natural aceptación na sociedade tradicional; ou o erotismo nun contexto, o da literatura galega, no que el consideraba que había un “exceso de prudencia”. Non se trata, -concluíu-, dunha obra de “lectura rápida e fácil”, polo que o mellor é “rir e sorrir ironicamente con el” mentres nos facemos preguntas, “aínda que non deamos atopado as respostas”.

Non se trata, -concluíu Armada-, dunha obra de “lectura rápida e fácil”, polo que o mellor é “rir e sorrir ironicamente con el” mentres nos facemos preguntas

Coas intervencións de Marta Fernández e Chus Armada confluíu especialmente a do profesor Bernardo Penabade, que dixo “facer súas” as palabras de Marta xa que, -comentou-, el ao principio deixárase levar polas opinións de compañeiros que dicían que a obra de Ballesteros era moi difícil. Mais unha vez, sen esperalo, atopou no cemiterio de O Barqueiro, na Mariña, a lápida de Anxo Rei Ballesteros. Que, dalgunha maneira, lle falou da necesidade de ollar a este escritor doutro xeito. Penabade reivindicou, entre outras cuestións, a publicación da obra teatral inédita de Paulo Rei Ballesteros, e a suma das “tres vontades: a do lugar onde naceu, onde viviu e onde repousa” Anxo para acadar unha maior divulgación dunha obra “moi extensa e variada” que á para todo o mundo, pois duns libros pódese ir chegando aos outros.

Suso Sanjuás remarcou que no concello de Boqueixón se aprobou unha moción para solicitar á Real Academia Galega que dedique o Día das Letras Galegas de 2020

O ex-alcalde de Boqueixón e actual concelleiro Suso Sanjuás, nado tamén en Codeso, remarcou pola súa banda que no concello de Boqueixón se aprobou unha moción para solicitar á Real Academia Galega que dedique o Día das Letras Galegas de 2020 a Anxo Rei Ballesteros. Lembrou tamén a Anxo e Paulo Rei Ballesteros coma persoas “de gran corazón” e as longas conversas con Anxo, “que sabía de todo”.

As habilidades de Anxo como conversador foron recordadas tamén por Pablo Couso, que afirmou que, ademais de ter unha “mente privilexiada”, Rei Ballesteros era un bo veciño, unha persoa solidaria. Outro dos amigos de Anxo, o escultor Jorge Conde, insistiu tamén na forza do discurso de Rei Ballesteros, na súa capacidade para “desmontar as palabras” e, sobre todo, na forma na que escolleu vivir pois, -dixo-, “vivía moito e moi rápido”. Pois preferiu, quizais, vivir menos e dun xeito máis intenso. “O tempo con el non existía”, asegurou. Pois pasaban as horas, e mesmo os días, entre conversas engaiolantes e sempre lúcidas. “Ter amigos coma el”, dixo, “é o mellor que che pode pasar” neste tránsito que é a vida. 

A homenaxe de Codeso cadrou ademais no tempo -aínda que non nas mesmas datas- con outra celebrada na Pobra do Caramiñal, organizada pola asociación cultural Barbantia e o concello da Pobra, na que se presentou Dezanove badaladas (Galaxia), a primeira novela escrita en galego -ata agora inédita- por Anxo Rei Ballesteros. Chus Armada lembrou en Codeso que ela mesma atopara o manuscrito, preparándoo para a súa publicación coa axuda de Manuel Castelao, quen, precisamente, na segunda das xornadas da homenaxe da Pobra deu unha conferencia na que afondou na novela Loaira, reivindicándoa como, posiblemente, a mellor novela galega das últimas décadas do século XX.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Distintos momentos da homenaxe. Arriba, exposición da obra de Rei Ballesteros Dominio Público Fotos: Asociación Pena do Corvo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.