Tomate recheos de champiñóns, albóndegas de patacas e espinacas, pisto Jai-Alai, ajopollo de patacas, peixe sapo alagostado, chulas de laranxa, xeado xubileu e mesmo un rechamante xamón cocido con piña e coca-cola. Son algunhas das oitenta receitas orixinais de Elvira González-Seco, dona de Álvaro Cunqueiro, recollidas en A cociña dos Cunqueiro, obra que publica Galaxia e que conforman un excelente libro de cociña, pero que é moito máis ca iso.
Pouco antes de morrer en 1995 Elvira González-Seco legoulle ao seu fillo César Cunqueiro, que prologa o libro, dez cadernos manuscritos, con moitos recortes pero tamén numerosas anotacións a man "cunha fermosa caligrafía" -lembra-. Eses cadernos constitúen a lembranza do que se comía naquela casa, unha parte da vida e das vivencias dos Cunqueiro, e inclúen tanto pratos de diario como aqueles que se preparaban para ocasións especiais. De igual xeito, os pratos distínguense por conxugar elementos típicos da gastronomía galega con outros procedentes doutras partes do Estado e das cociñas europeas e americanas. Elvira gardou estes cadernos como un tesouro, e o mesmo fixo o seu fillo, que define eses cadernos como "sinfonías" e destaca que "aínda que a receita fose allea sempre as transformaba cun toque novo, de forma que eu as denominaba xxx á maneira de mamá".
De igual xeito, os pratos distínguense por conxugar elementos típicos da gastronomía galega con outros procedentes doutras partes do Estado e das cociñas europeas e americanas
Elvira González-Seco, muller culta, gran lectora, era tamén unha extraordinaria cociñeira pero comía pouco. "A súa creatividade", conta o seu fillo, "destacaba tamén na preparación de entremeses: inesquecibles croquetas, ovos cocidos presentados coma bonecos e recheos de manxares diversos, e sobre todo dos doces". Cada prato, unha lembranza familiar. Como lembrou César Cunqueiro este venres na presentación, "un día que miña nai preparou polo sefardí, dixo: 'este prato sabe a saudades'".
Bullabesa de espinacas, callado de Montefrío, ben me sabe, congro con ameixas, ovos en salsa verde, pastel de pescada... A edición correu a cargo de Miguel Vila, Colineta, que buscou facer unha peneira entre as máis de 2.300 receitas, que representase o máis fielmente posible o tipo de cociña que Elvira González-Seco levaba a cabo na casa dos Cunqueiro. Vila comenta que "entre as receitas aparecen as manuscritas nalgúns casos aproveitando os espazos en branco das páxinas de maneira que unha receita escrita por Elvira pode ocupar varios anaquiños de varias follas sucesivas do mesmo caderno". Vila tamén destaca que a propia Elvira adoitaba cualificar as receitas de 1 a 10, cun puntuacións, as máis, de 6 a 10, e que estaban escritas en castelán pero tamén en inglés ou francés.
"Destacaba tamén na preparación de entremeses: inesquecibles croquetas, ovos cocidos presentados coma bonecos e recheos de manxares diversos, e sobre todo dos doces"
Como destaca Manuel Gago no seu blog os pratos de Elvira son "eclécticos e diversos, elegantes, con receitas que hoxe considerariamos vintage pero que paga a pena revisitar, porque en realidade só é vintage aquelo do que nos acordamos". Tenreira ao queixo, coello ao viño tinto, pescada con tomate ao forno, bacallau con piñóns e pasas, tortas de roxóns, torta escocesa de mazá... Bo proveito!