Contacontos en todos os recantos

Cartaz do Festival Atlántica de Narración Oral Dominio Público Praza Pública

Compostela acollerá do 11 ao 22 de marzo o Festival Internacional Atlántica de Narración Oral, que levará por distintos espazos da cidade contacontos de Arxentina, Brasil, Portugal, Irlanda, Camerún, Bretaña e Galicia. O festival naceu o ano pasado co obxectivo de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista e nesta segunda edición afonda nesa vocación, procurando combinar tanto as propias narracións, que estarán presentes en espazos moi distintos da cidade, en locais e na rúa, coa reflexión teórica, o debate, e tamén a música. 

Entre as novidades, o Festival conta cunha velada de contos eróticos da man de Victoria Sliedlecki, e tamén Boni Ofogo traerá contos da África Erótica

Precisamente será a música Mercedes Peón quen abra, cunha conferencia no Consello da Cultura Galega, o 11 de marzo ás 19 horas, o Festival Atlántica 2014, e o debate teórico chegará da man de investigadores de Galicia, baixo a coordinación de Manuel Gago. Entre as novidades, o Festival conta cunha velada de contos eróticos da man de Victoria Sliedlecki, e tamén Boni Ofogo traerá contos da África Erótica. Tamén teñen interese os contos do irlandés Barry Manley, seanachai (contacontos tradicional en gaélico) que vén contar os contos da súa vila Droichead Na Bandon. E desde outra rexión atlántica, a Bretaña francesa, vén Nicolás Mezzalira, do Centro Artúrico de Broceliande, contador, conferenciante e grande valedor das lendas artúricas. Ambas as dúas sesións, a do irlandés e a do bretón, serán en castelán, aínda que o domingo poderase escoitar a Barry en inglés.

Este ano, o Festival quere estar presente en máis barrios de Compostela, con presenza en Fontiñas, Conxo e Santa Marta, grazas ao apoio da Rede de Centros Socioculturais. Os contos na rúa, este ano ocuparán os soportais da Zona Vella, a través de Farruco un día e de Quico Cadaval outro. As sedes do Festival serán o Pub Atlántico, e tamén o Modus Vivendi, A Borriquita de Belem, a Casa das Crechas e a Nave de Vidán, pero tamén a Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Aula de Cultura da Praza de Abastos, o Auditorio do CSC da Ramallosa, en Teo, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Granell, e a Rede de Centros Socioculturais.

Os contadores e contadoras participantes son María da Pontragha, Clara Haddad, Cándido Pazó, Barry Manley, Boni Ofogo, Sofía Maul, Claudia Fonseca, Raquel Queizás, Quico Cadaval, Nicolás Mezzalira, Xosé Luís Bernal Farruco, cos seus contos sobre personaxes míticos da Compostela dos 60, Celso Fernández Sanmartín, Xurxo Souto e Victoria Sliedecki, ademais da sesión especial co nome de Obrigado! entre Quico Cadaval e o músico Fran Pérez, Narf, no Teatro Principal o 21 de marzo.

Ante o éxito acadado o pasado ano polas sesións de contos para bebés, este ano ábrese un espazo exclusivo para eles, o Lucernario da Fundación Granell, con duas funcións ao longo do Festival

Ante o éxito acadado o pasado ano polas sesións de contos para bebés, este ano ábrese un espazo exclusivo para eles, o Lucernario da Fundación Granell, con duas funcións ao longo do Festival. Amais, os narradores convidados desprazaranse aos colexios e institutos da cidade polas mañás. Afondarase nos obradoiros de formación para docentes e aprendices de narradores, éste ano da man da Directora da Escola Intinerante de Narración de Portugal-Brasil, Clara Haddad.

O Encontro de profesionais do Sector, este ano estará liderado por Marina Navarro, directora da Rede de Bibliotecas de Madrid e directora de Madrid de cuentos, e que actualmente coordina coa Biblioteca Municipal de Washington, un proxecto de contos. Xa están confirmados, Gaspar Matos do Festival de Sines (Portugal) Claudia Fonseca de Terra Incognita (Festival de Lisboa) Maisa Marban e Héctor Urien de Avila Cuenta, Doris Agurto do Festival Palabra de Lima (Perú), ou Nicolas Mezzalira do Centro Artúrico de Broceliande.

Cartaz do Festival Atlántica de Narración Oral Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.