“Vivimos un desmantelamento dende o 2010. Estamos coa auga ao pescozo e temos a impresión de que alguén nos pon o pé na cabeza". O discurso de Toño Casais, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), foi breve e directo. Os problemas do sector e os incumprimentos do Goberno galego son coñecidos, e a noite dos María Casares era un momento de festa entre a demolición. De denuncia, pero tamén de reivindicación da importancia das artes escénicas e da cultura e da fermosura e da maxia dunha profesión.
O director de Agadic, Jacobo Sutil, foi o único representante da administración autonómica que estivo presente na gala. Sufriu as chanzas sobre a súa inexperiencia no sector, bandeiras, biblias e outras sutilezas, pero cómpre salientar que Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez, secretario xeral e conselleiro de Cultura, nin sequera asistiron á celebración. Casais tamén lembrou que a cultura “é un dereito” recollido no artigo 44 da Constitución e que “os poderes públicos han de poñela ao alcance de todos e todas”. E pediulles ao gobernantes que deixen "de vernos coma un problema. Non o somos. En realidade, somos parte da solución”.
Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez, secretario xeral e conselleiro de Cultura, nin sequera asistiron á celebración
Nas intervencións dos premiados destacou o orgullo de pertencer a unha profesión fermosa e dura, como lembrou Marta Pazos. "Isto é un oficio", engadiu Marián Bañobre que repetiu que "somos os encargados de dicir a verdade, por iso dámoslles tanto medo". Pilar Pereira, que recolleu o Premio de Honra Marisa Soto, ofreceu os seus "folgos" e pediu que "non nos deixemos avasallar por este ataque de mediocridade". E a máis rotunda foi Ánxeles Cuña: "Non nos van silenciar. Necesitamos do teatro, da poesía, da música, necesitamos da cultura. Contra a desesperanza, resistencia".