Créase unha plataforma Cidadá para apoiar o MARCO de Vigo

O Marco de Vigo CC-BY-SA Elisardojm2

O MARCO de Vigo está celebrando o seu décimo animersario. Faino nun mal momento. Os recortes das achegas das administracións públicas e dalgunhas entidades privadas fixo que nos últimos tres anos se reducise abruptamente o orzamento do museo, que por exemplo era de dous millóns de euros en 2003 e que para 2013 se prevé que fique ao redor dos 700.000, 200.000 menos que neste ano.

Neste contexto este martes preséntase en Vigo unha plataforma cidadá impulsada por un grupo de artistas, creadores e afeccionados á arte, que reclama a continuidade do centro. Entre eles está o artista Ángel Cerviño, que creou un evento en Facebook que en poucas horas reuniu centos de apoios.

Este grupo denuncia que "mesmo no actual contexto de crise económica e redución do gasto público é imposible entender o ensañamento cos que diferentes administracións están actuando para conseguir o desmantelamento dun equipamento cultural de suma importancia para a vida cultural da nosa comunidade: un Museo que logrou, nos seus dez anos de actividade, situar Vigo no mapa dos centros de arte máis relevantes do Estado". E conclúe que se trata "dun grande investimento e moitos anos de frutífero labor que agora están a piques de ser tirados pola borda".

Conclúen que se trata "dun grande investimento e moitos anos de frutífero labor que agora están a piques de ser tirados pola borda"

Hai uns meses Iñaki Martínez, director do museo, reclamaba tamén o apoio das administracións para o MARCO nunha entrevista en Praza: "Sen cultura non somos nada. Precisamos referentes, conservar o que temos, estimular a produción de obras, apoiar a novos artistas e recuperar o traballo doutros con menos recoñecemento. E máis nestes momentos tan convulsos nos que vemos como se están a destruír logros que custou décadas poñer en pé".

Iñaki Martínez: "Precisamos referentes, conservar o que temos, estimular a produción de obras, apoiar a novos artistas e recuperar o traballo doutros con menos recoñecemento"

A plataforma reclámalles a todas as administracións implicadas (local, provincial, autonómica, estatal), e aos xestores políticos e culturais, "que tomen conciencia do tremendo mal que lle están infrixindo ao noso xa debilitado tecido cultural". Demandan que "cesen os enfrontamentos políticos e opten por decisións que salvagarden o carácter social do público". Conclúen que o MARCO é "unha peza insubstituible do nosto patrimonio cultural que non debe desaparecer".

O Marco de Vigo CC-BY-SA Elisardojm2

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.