Jean-Luc Godard, que é un deses autores a través de cuxos ollos se pode entender toda a dimensión do cinema deixou hai cincuenta anos unha frase que é pertinente rescatar: “O cinema non existe en si. É un movemento [...]. A película non está no aparello de proxección, nin sobre a pantalla, é unha especie de movemento no que se entra”. O movemento ao que alude Godard é o pensamento, entre as ideas que pode ou debe suscitar unha película hai outra idea que debe sacar o espectador coa fin de relacionar todas e crear ese discurso en movemento. Logo de máis dun centenar de proxeccións en Santiago de Compostela cada espectador pode crear un discurso a través do visto en Curtocircuíto, un movemento cinematográfico que será diferente para cada espectador pero que comparte un logro común: mudar as imaxes da pantalla ás ideas.
Mentres maduramos que discurso sacamos de Curtocircuíto -que se poden sacar moitos- podemos facer unha análise do acontencido nestes sete días de festival. O mellor balance que se pode facer desta semana é que todo saíu como debería. O nivel das curtas proxectadas cumpriu as expectativas, as actividades paralelas foron útiles ou entretidas e o invitado de honor Mike Hoolboom fíxose co público a ambos os dous lados da pantalla. O pouso que deixa na cidade é que estamos ante un festival compacto que cumpre o que promete -e prometía moito-.
O mellor balance que se pode facer desta semana é que todo saíu como debería
Nas seccións competitivas destaca a ousadía da sección Explora con obras que se mergullan na textura da imaxe como Still dissolution ou Picture particles, outras que formulan novas narrativas como Uns geht é gut e películas para entender o mundo como Hillbrow; con todo é lóxico que o xurado elixise a alemá Substanz por axuntar a maioría destas calidades ao retratar as consecuencias do tsunami de Xapón a través dunha visión distante no formal e lúcida no seu fondo. Na sección Radar, máis convencional pero non por iso menos interesante, o documental venceu á animación e a ficción grazas á película francesa Traversées que radiografa a sociedade a través das diversas persoas que se lanzan á pista de patinaxe, un enorme acuario onde atopamos rapaces, nenos ou persoas maiores sen máis conexión que os patíns.
O ditame do xurado pecha unha edición de Curtocircuíto que termina coa vista posta na seguinte
Mención especial merece o cinema galego, que segue demostrando un gran estado de forma máis aló da falta de medios ou recursos. Así o demostran os nove títulos que compoñen Planeta GZ, que comparten, máis que unha nacionalidade, unha forma de entender o cine. E falando de entender o cine, non podemos mencionar outra película que Ser e voltar de Xacio Baño, a ganadora desta sección, que aproveita a paisaxe rural para realizar un exercicio de metacine, baixo a premisa de facer un retrato visual dos seus avós o director acaba por conseguir unha reflexión sobre a súa profesión e sobre a utilidade do cine. E todo iso con humor. Os premios completáronse cos outorgados a Álvaro Gago levou o premio CREA ao mellor director galego por Curricán e Xacio Baño que repetiu éxito ao levar tamén o premio AGAG ao mellor guión galego.
O ditame do xurado pecha unha edición de Curtocircuíto que termina coa vista posta na seguinte. Un final que en realidade é un principio prometedor. Mentres, como diciamos antes, as ideas continúan madurando na nosa cabeza, temos un ano por diante para discutilas e tirar conclusións. Despois necesitaremos outra vez Curtocircuíto e recargar a mente co combustible dunhas curtas que non podemos deixar de devorar.