Curtocircuito comeza este sábado cun 40% de directoras nos seus 200 filmes

Acto de clausura da edición 2017 do festival © Curtocircuíto

A 15ª edición de Curtocircuito comezará este sábado, un ano máis enchendo de cinema todos os recunchos de Compostela. Ata o 7 de outubro o certame ofrecerá unha chea de propostas do máis variado, mais buscando sempre novas formas e linguaxes cinematográficas. Ademais, o evento emprestará unha atención preferente ao cinema galego, cunha trintena de pezas que xirarán arredor do audiovisual galego, e a novidade das Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego, nas catro xeracións de creadores e creadoras debaterán sobre o presente e o futuro do sector. O festival compostelán terá ademais catro retrospectivas e un amplo espazo para a vangarda cinematográfica española, así coma novidosas novas seccións, como famZINE, cunha programación pensada para público familiar. En total proxectaranse case 200 filmes, dos que o 40% están dirixidos por mulleres. Comezamos?

15 anos

Curtocircuito celebra neste 2018 a súa 15ª edición, 15 anos nos que polo festival pasaron centos de realizadores e realizadoras, para quen o certame foi un espazo para aprender, para coñecer e tamén para exhibir os seus primeiros traballos. 

 

Festa de aniversario

A Sala Malatesta acollerá o 5 de outubro a festa do 15o aniversario coas actuacións de Baiuca, nun formato Live A/V co cineasta Adrián Canoura traballando en directo con arquivo cedido polo CGAI, e Dj Nigga Fox e Dj Firmeza, do recoñecido selo lisboeta Discos Príncipe.

 

Atención ao cinema galego

Ademais da sección competitiva Planeta GZ (de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano), o festival suma tres seccións novas centradas na produción cinematográfica que nos toca máis de preto: Curmaos, Terra e Supernova. Terra proporá unha programación arredor de cineastas de Galicia cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda.

 

Mesas interxeracionais

Curtocircuíto presenta nesta edición as Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego, un conxunto de relatorios e debates - organizados en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual - nos que, por primeira vez, participarán representantes das catro xeracións en activo do noso audiovisual, nacidos entre os anos 50 e os 90.

 

O espírito de Pucho Boedo

Curtocircuíto acollerá o sábado 6 a estrea de O espírito de Pucho Boedo, filme no que Lois Patiño rexistra á banda compostelá Novedades Carminha gravando a súa versión de “A Santiago voy”, o clásico de Los Tamara. En ambas as dúas sesións os protagonistas estarán presentes para presentar os filmes e debatir co público, que poderá acceder de balde previa retirada de convite.

 

Lee Ranaldo

O festival afonda na relación do cinema e a música coa proxección de Hello Hello: Lee Ranaldo Electrim Trim, filme de Fred Riedel sobre o proceso de traballo do guitarrista de Sonic Youth

 

Arredor do Son

Repítese a aposta de Arredor do Son, o conxunto de actividades que poñen en valor o son como medio de expresión artística e cinematográfica fronte á hexemonía da imaxe. Conferencias, obradoiros, seminarios, performances e instalacións a cargo de figuras como os artistas Martin Messier (que protagonizará a inauguración do festival) e Jacob Kirkegaard, os sonidistas Charly Schmukler e Amanda Villavieja ou o proxecto Playtronica.

 

Carta branca a Ezequiel Méndez

O festival presenta unha sesión titulada Carta branca a Ezequiel Méndez, fundador nos anos sesenta do Cine-Club Universitario que achegou a Compostela a vangarda cinematográfica do momento e funcionou como foco de pensamento crítico antifranquista. Nesta sesión, organizada en colaboración co Cineclube de Compostela actual, proxectaranse dúas obras con visións contrapostas da cidade naquela época coa vontade de poñer en valor a memoria cinéfila de Santiago.

 

famZINE, Curtocircuito para toda a familia

O festival presenta a súa nova sección famZINE, cunha programación pensada para público familiar. Producións brasileiras, estadounidenses, francesas, españolas, británicas ou checas. Ademais, inclúese o obradoiro infantil Veggie Jam, que ensina a tocar música nun grupo con froitas e verduras en lugar de usar instrumentos musicais normais.

 

As retrospectivas

As retrospectivas achegarán a Santiago a cineastas co risco como característica común. Así, pasarán pola cidade Ulrich Seidl, o gran retratista da moral occidental; Bertrand Mandico coa súa actriz fetiche Elina Löwensohn; tamén as ficcións e documentais de Roberto Minervini sobre a América profunda; e máis a sensibilidade e a busca constante de Jessica Sarah Rinland,

 

Case 200 proxeccións

Nos 8 días de festival poderán verse un total de 158 filmes, 64 deles formando parte da sección oficial, procedendo de todos os recunchos do planeta. Tan só os apartados Radar e Explora suman 47 filmes de 22 países diferentes. O 40% están dirixidos por mulleres.

Cartel do Curtocircuito 2018 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.