Dani de la Torre visita Noia coa nominación ao Goya na man

Coliseo Noela, onde se proxectarán as curtas © Concello de Noia

Noia empeza a súa XVI edición da Mostra de Curtas. E a organización non errou ao escoller o inicio. Abren con O Descoñecido, que vén de ser nominada a 8 cabezóns nos Premios Goya. Ademais, contarán coa presenza do director, o galego Dani de la Torre, que está nominado á mellor dirección novel.

A mostra bate récord ao recibir 853 traballos. Asemade, os 9.000 euros que reparte en premios, permiten situar a Mostra como un dos referentes do audiovisual do Estado Español.  Mostra disto foi a heteroxeneidade de lugares dos que chegaron os traballos. España é o estado que máis curtas enviou, pero cómpre destacar outras procedencias, como Estados Unidos, con 22 traballos; Irán, con 21; Francia, con 17; Reino Unido, con 16 ou Alemaña, con 13. Tamén se presentaron artistas de Australia, Exipto, Xapón, Afganistán, Brasil, México, Sri Lanka ou Malasia.

A cadratura do círculo

De la Torre afirma que lle fai "especial ilusión ir hoxe a Noia" porque "alí foi onde empecei". "Gañei o premio no 2003 coa curta Minas", explica o director, "iso foi a forza e a ansia que me permitiu seguir". "Grazas a ese premio dinme de conta de que teño un lugar contando historias", prosegue de la Torre, "para min estar en Noia o día no que me nominan para o Goya é como a cuadratura, o círculo que se pecha".

"Para min estar en Noia o día no que me nominan para o Goya é como a cuadratura, o círculo que se pecha"

Para o artista "iniciativas como a Mostra de Noia son moi importantes porque son as que dan as primeiras oportunidades, sen ela, por exemplo, se cadra eu hoxe non estaría aquí". "A Mostra é a máis importante de Galicia e moi recoñecida a nivel español, este tipo de eventos deberían fomentarse máis", explica.

Romper tabús

O Descoñecido non é unha película de dirección novel ao uso. De la Torre arriscou, inxectou adrenalina, como fan os grandes do cinema e fixo unha proposta como se esta fose ser a derradeira película que gravaba. "Este foi o formato no que me defendín sempre", conta, "gústanme os thriller, as películas de acción. O que fixen foi poñer o que facía nas curtas nunha película".

"Se os americanos foron quen de facer Brooklyn visual, por que non imos ser nós quen de facer visual Galicia, con todas as potencialidades que ten?"

Outro dos méritos da película é o tratamento visual da cidade da Coruña, ao máis puro estilo americano. "A cidade colaborou moito", explica de la Torre, "e nisto hai que rachar con complexos, se os americanos foron quen de facer Brooklyn visual, por que non imos ser nós quen de facer visual Galicia, con todas as potencialidades que ten?". Nesta parte tamén ten moito que ver Jorge Coira, que tamén foi nominado ao Goya á mellor montaxe pola película e que levou a cabo unha montaxe sublime tanto para crear esa imaxe da cidade herculina como o clima de anguria das escenas do vehículo.

"Galicia é unha superpotencia audiovisual", di o director "agora foi O Descoñecido, pero antes A Esmorga, e antes Costa da Morte. Viaxamos por festivais, por países, por centros socioculturais... non temos nada que envexarlle ao cinema vasco ou catalán, só temos que crelo", sostén.

Sobre a cuestión da lingua cre que "debemos romper tabús e complexos, porque o que importa son as historias, e a lingua é parte da idiosincrasia desas historias, do director, dos actores". "O idioma non é unha traba", reflexiona, "forma parte da liberdade creativa, o galego, o catalán, o euskera, o que a película pida, porque a xente ten cada vez menos problemas con iso".

 

Acerto en animación

O certo é que a Mostra non só atinou con O Descoñecido, senón que tamén o fixo con Alike, entre as finalistas de animación en Noia, e que tamén foi nominada ao Goya na mellor curta de animación. Como dato curioso cómpre dicir que a produción desta curta levouse a cabo baixo o sistema operativo Linux e co uso de Blender como ferramenta principal para o modelado, animación, render, composición e edición.

A Mostra non só atinou con O Descoñecido, senón que tamén o fixo con Alike, entre as finalistas de animación en Noia, e que tamén foi nominada ao Goya na mellor curta de animación

O martes visionarase Os Días Afogados que narra o éxodo de Aceredo polo encoro Lindoso, da produtora galega Amanita Films. Con material do arquivo doméstico rexistrado desde os anos sesenta polo veciño Paco Villalonga e co encontro que tivo lugar entre os veciños, 20 anos despois, nunha baixada do encoro, que deixou ao descuberto o seu anaco de terra, toma forma a obra dirixida por César Soto e Luís Avilés.

Foi un dos grandes éxitos de Cineuropa, en Santiago de Compostela, o que lle augura tamén unha boa acollida en Noia.

Como novidade, a Mostra implementa un concurso de selfies que terá como premio entradas de balde.

Estatuiña do Coliseo Noela, onde se proxectará a mostra © JCL
Cartaz da Mostra © Concello de Noia
O director Dani de la Torre © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.