A República das Santas Irmandades da Galiza, estado independente que xurdira do triunfo da revolución irmandiña, agocha as miserias da Compañía Galega de Indias no discurso sobre a prosperidade nacional. Galiza aliárase cos indíxenas do Brasil, unha das súas colonias, para deter as pretensións portuguesas. Vencera a Portugal e Castela mais, moito tempo despois, os fascismos portugués e castelán ameazaban a república galega, gobernada por Castelao. Todo isto e moito máis pasa en 'Nordeste', a novela coa que Daniel Asorey gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. Unha ucronía que imaxina un pasado distinto a unha realidade "subalterna e silenciada" como a galega. Mais sen idealizacións. E rompendo, malia que se cadra non o pretenda, uns cantos mitos.
A República das Santas Irmandades de Galiza é un Estado independente, mais imperial, cunha historia colonial. Por que darlle a volta a historia así? Quero dicir, poñerlle a un país cuxa historia foi negada un pasado colonial, imperial...
Cando escribín esta novela tiña claro que pretendía darlles voz aos que non tiveron nin teñen voz, entre eles, por suposto, a miña nación, unha matria que leva vivindo séculos silenciada nunha situación de subalteridade. Para iso inventei a República das Santas Irmandades da Galiza, unha terra que cando comeza a novela semella ser o que moitas e moitos quixeramos que tivese acontecido. Unha República próspera nacida dunha revolta, que existiu, contra os señores feudais, e que aquí, na novela, triunfou. Mais eu non pretendía facer unha utopía, non quería contar un conto de fadas. O que hai nunha das tramas do texto é unha ucronía que consiste en responder á pregunta: Que acontecería se os irmandiños gañasen?
E que acontecería?
Ao me documentar para facer canto menos verosímil a historia e tamén porque en min pairaban certas lecturas decateime que as opcións para a supervivencia desa República emprendedora, comerciante, próspera... pasarían pola trata de escravos e escravas e quizais polo silenciamento das mulleres. Interesábame plasmar de que forma un pobo que acaba de se liberar da opresión é quen de oprimir case inmediatamente a outros. Aconteceu historicamente e está acontecendo agora mesmo.
Probablemente para manter a independencia fronte á Unión Ibérica de España e Portugal (1580-1640) esa República das Santas Irmandades precisaría armas e mercenarios pagados. Probablemente para conservar esas colonias, cando se dea a restauración da independencia portuguesa no 1640, esa mesma República tamén precisaría cartos. Probablemente ese espírito emprendedor no que abrolla o capitalismo de man da Compañía Galega de Indias buscaría o máximo beneficio. E quixen imaxinar que alguén habería denunciar as contradicións e os crimes, e tiña claro que sería unha muller.
Comeza o libro cunha cita de Graciliano Ramos. Boa parte dos personaxes do libro existiron: Ramos, algúns dos bandoleiros, Getúlio Vargas.... Como te documentaches sobre eles e como xurdiu o teu interese nas súas historias?
Na verdade un bo número dos personaxes do libro existiron, como poden ser a maioría dos cangaceiros e cangaceiras das que falo e, por suposto, Maria Bonita. É máis, gran parte dos feitos que conto do cangaço teñen unha base real, están documentos, dende certos enfrontamentos coas forzas policiais ata outros sucedidos que narro e que non vou desvelar. Logo queda novelar, recrear, fabular, porque Nordeste é unha novela, non un libro de historia. Aínda así, a documentación que precisei acerca do cangaço foi doada porque é moi abondosa. En realidade, o cangaço é hoxe un fenómeno moi popular no Brasil, case diría que forma parte da Arte Pop do país e non só dos estados do Nordeste. Hai filmes, series de televisión, cancións, fanse camisetas... Daquela, calquera brasileiro e brasileira recoñece as figuras destes bandoleiros e bandoleiras e faino maioritariamente como heroes e heroínas. Curiosamente, pode facer isto incluso aínda que esas figuras subvertan a orde de clase que esa persoa ao mellor defende.
"Calquera brasileiro e brasileira recoñece as figuras destes bandoleiros e bandoleiras e faino maioritariamente como heroes e heroínas"
Contabas nunha entrevista en Biosbardia que fora importante unha foto...
A orixe primeira da novela está nunha foto que aparece no interior, a comezos do libro. Debo agradecer ao bo criterio do editor da Editorial Galaxia, e de Carlos Lema en particular, que a foto ficase dentro do libro e non na capa, como eu imaxinara cando o escribín. Pola violencia que expresa, agora teño a certeza de que o seu lugar máis acaído é no interior. Pois ben, eu vin esta foto na miña primeira viaxe ao Nordeste, en 2007, nunha exposición sobre o cangaço, no centro sociocultural do Dragão do Mar, en Fortaleza. Esa imaxe causoume tanto impacto que me perseguiu e souben que había escribir sobre ela. Nesa mesma exposición había tamén parte das fotografías de Benjamín Abrahão, das que falo e que teñen unha importancia grande nunha das tramas da novela.
Entón a xestación do libro tivo que ver con viaxes ao Brasil...
Si. Volvín visitar o Brasil e o Nordeste moitas outras veces, a última hai agora dous anos, pouco antes de iniciar o proceso de escritura da obra. Nesas viaxes coñecín persoalmente o sertão e as súas xentes, mais tamén lugares que me marcaron e emocionaron fondamente e acabaron por influír indirecta ou directamente na obra como pode ser Redenção, a primeira vila do país que declarou abolida a escravitude, e onde aínda se conserva unha senzala, facenda que tiña escravos.
Ver aquilo abraioume e angustioume. Hei dicir que tiven a honra de poder visitar dúas reservas de tribos indias das que falo na novela e tamén coñecer as cidades de Rio, São Paulo ou Fortaleza. Non sei se o conseguín, pero na narración quixen expresar a miña gratitude e amor polo Nordeste, unha terra depauperada, esquecida e dunha fermosura especial, case irreal, cun pobo traballador que, como o galego, sufriu a emigración e o racismo. Por suposto, tamén me abraiei coa desmesura, beleza e contraste das grandes cidades brasileiras.
"Na narración quixen expresar a miña gratitude e amor polo Nordeste, unha terra depauperada, esquecida e dunha fermosura especial"
En canto a Graciliano Ramos, é un autor que admiro. Cun estilo sinxelo e por veces abafante, implacable. Libros como o Vidas secas ou a recompilación Cangaços sen dúbida están entre algúns dos meus preferidos. A súa vida persoal, preso por Getúlio Vargas, o seu compromiso na denuncia da marxinación e o seu activismo como militante esquerdista fixo que non me puidera resistir a que aparecese no libro. Con todo, tamén nese proceso de descuberta do Nordeste, alén de Grande Sertão de Guimarães Rosa, gustaría de lembrar O quinze, marabillosa novela da escritora Rachel de Queiroz, na que se describe unha seca terrorífica que asolou estas terras no ano 1915.
Por certo, e agora que ninguén nos escoita, quixera confesar que hai tamén outros personaxes cunha base real. Carme de Cantigas, por exemplo, é a miña avoa. Unha muller que tivo que sufrir a ditadura franquista. Dándolle o seu nome á vedora quixen lembrar a todas as mulleres que neste país resistiron a barbarie do franquismo, unha ditadura que entre moitas cousas buscou a anulación da muller e da súa corporalidade.
"Dándolle o nome da miña avoa á vedora quixen lembrar a todas as mulleres que neste país resistiron a barbarie do franquismo"
A novela transcorre en dous tempos, o da Europa colonial e o dos fascismos, que ameazan unha república galega gobernada por Castelao. En realidade, as cousas non mudan tanto dun tempo a outro: o autoritarismo, o racismo.... Quixeches remarcar a continuidade diso, fronte aos supostos bos valores predicados polo estado? (Os valores irmandiños, a axuda aos pobres...)
O que quixen marcar colocando eses dous tempos é que nada do que facemos é inocente. Todo ten consecuencias. Así, sen dúbida, as decisións que se toman nun momento han influír séculos máis tarde. O escravismo ten unhas consecuencias sociais nos territorios onde se practicou. E iso aínda acontece hoxe en día. A sociedade brasileira está marcada e mancada pola cor da pel e cortada pola cor do cabelo en capas difíciles de quebrar, cuestión que os gobernos progresistas do PT tentaron mudar coa política de cotas e que, tras o recente golpe de estado contra a presidenta Dilma, hanse agravar coas decisións que está a tomar o presidente non electo Michel Temer.
En definitiva, tentei expresar que a situación dos cangaceiros e a miseria en parte teñen as súas raíces na colonización e na rapina. Mais tamén quixen expresar que a loita das mulleres é unha cadea de relevos, nunha especie de corrente fabulosa nas que elas transmiten a loita a prol da liberdade. Algunha pista disto hai no derradeiro parágrafo da novela...
"Tentei expresar que a situación dos cangaceiros e a miseria en parte teñen as súas raíces na colonización e na rapina"
A de Maria é unha historia de procura da liberdade. Fronte a unha sociedade patriarcal. Mais os bandoleiros aos que se une reproducen esa mesma estrutura patriarcal e a violencia ou o abuso de poder do Estado... A novela pode facer pensar non só nos cangaceiros, senón noutros movementos populares (e guerrilleiros). Aínda que non pretendeses facer unha historia deste tipo de movementos, creo que si era a idea sinalar esa repetición daquilo contra o que nacen... E así? Por que?
Eu non podo falar por todos os movementos populares, non estou capacitado e son moi variados. O caso é que cando eu me documentei acerca do cangaço descubrín que practicaban a violación coma unha arma máis, mesmo que había unha certa xerarquía, un ritual e case unha orde macabra, alén de que ás veces dentro das bandas se deron mortes causadas directamente por violencia de xénero. Podía idealizar a imaxe deles, edulcorala, pero decidín que me interesaba resaltar as contradición dun movemento no que as mulleres conquistaron liberdades e roles novos, pero que seguía repetindo os esquemas patriarcais máis terribles. E aquí estamos a falar nada menos que de converter o corpo da muller en campo de batalla. Iso é patriarcado e quería denuncialo.
"Decidín que me interesaba resaltar as contradición dun movemento no que as mulleres conquistaron liberdades e roles novos"
Os galegos venceran a nobreza no movemento irmandiño. Galiza gañara a guerra contra Castela e Portugal. E logo acabara co poder da igrexa católica. Pero a república independente sustenta a súa prosperidade no comercio da Compañía Galega de Indias, é dicir, dunha empresa. Que gaña diñeiro, sobre todo, co tráfico de escravos. E unha das fases do capitalismo e está baseada na crueldade, no abuso, na mentira, no racismo... Que quixeches salientar diso, da historia do capitalismo nas súas distintas fases?
Unha das ideas que quixen plasmar no texto é cales son os alicerces do capitalismo. Como dixen anteriormente antes de escribir a novela houbo un proceso de documentación acerca do cangaço e do Brasil dos anos trinta do século XX, pero tamén o houbo acerca da outra época na que quería ambientar outra das tramas, a da vedora e a desa República das Santas Irmandades da Galiza. Aínda que en ningún momento o cito, eu imaxinei que eses feitos transcorrerían contra finais do XVII, mesmo podería dicir case o ano exacto en que imaxinei iso, pero estamos falando dunha ucronía, non de historia, así que pouco importa o imaxinado, si o escrito.
O caso é que para soñar unha república emprendedora, comerciante e á vez tolerante procurei datos por exemplo sobre a República das Provincias Unidas dos Países Baixos, e nesa ollada que quería deitar sobre esa época histórica pairaba, por suposto, unha ideoloxía e mesmo as teses de persoas como Silvia Federici e o seu Calibán e a bruxa, na que se defende que os alicerces do capitalismo se constrúen sobre o sangue das mulleres e dos escravos.
"Unha das ideas que quixen plasmar no texto é cales son os alicerces do capitalismo"
As medrosas clases medias apoian o goberno fascista de Getúlio Vargas tras axitar o Estado a pantasma da ameaza comunista. Os bandoleiros foran utilizados como forzas paramilitares para reprimir un movemento esquerdista... Para que seguisen mandando os coroneis. Parece que hai algo de historia da represión dos comunistas en réximes fascistas....
Hei dicir que o achegamento á figura de Getúlio Vargas foi certamente complicado para min. No Brasil é unha figura controvertida, poliédrica e mesmo reivindicada de algún xeito por movementos progresistas. A razón é que Getúlio creou unha potente lexislación traballista que está a ser desmontada agora mesmo, co goberno golpista e neoliberal de Michel Temer. En certa medida Getúlio Vargas tamén se enfronta a unha oligarquía que parasita o Brasil e desexa crear un estado forte. Porén, proclama o Estado Novo en 1937, espellándose no modelo autoritario portugués, que era catro anos máis antigo.
"Getúlio Vargas creou unha potente lexislación traballista que está a ser desmontada agora mesmo, co goberno golpista e neoliberal de Michel Temer"
Alén diso, organiza unha brutal represión anticomunista, detendo a boa parte dos seus líderes e entregando aos campos de exterminio nazis á activista Olga Benario. Válese para iso dunha gran mentira “O Plano Cohen”, que anunciaba a pronta chegada do comunismo ao Brasil. Esta mentira acovarda a clase media que, ante o medo a perder a propiedade, permite o nacemento dun réxime ditatorial, o encadeamento de moitas persoas, a creación da policía política e dun todopoderoso servizo de propaganda... O mesmo aconteceu en Alemaña, nalgún outro país latinoamericano, mesmo ten as súas semellanzas coa aceptación do franquismo e da barbarie que este supón por parte de amplos sectores da sociedade galega ou española. Para min a imaxe definitiva do terror e da barbarie do Estado Novo son as cabezas decapitadas coas que empeza o libro.
"Para min a imaxe definitiva do terror e da barbarie do Estado Novo son as cabezas decapitadas coas que empeza o libro"
Galiza alíase cos indíxenas do Brasil para deter a Portugal. Utilízaos. Séculos despois, o Portugal fascista ameaza a Galiza... No teu libro, o reino medieval da Galiza é dividido en dous, Galiza e Portugal. E Brasil é colonia galega. Digamos que a historia contradí a idea de Portugal como referente de afirmación da nación galega. Por algún motivo especial?
Cómpre lembrar que Portugal xorde do reino de Galiza, non ao revés. Cando se dá a segunda revolta irmandiña, Portugal xa é reino independente dende había máis de trescentos anos. Con todo, pouco máis dun século máis tarde, a coroa portuguesa únese á castelá, de aí que nesa ucronía que eu invento, nunha República das Santas Irmandades da Galiza que loita feramente por manter a súa independencia, non caiba a unión con Portugal, porque durante sesenta anos Portugal estivo rexida polos reis Felipes da casa de Austria.
Así, a partir dese feito de sometemento de Portugal, imaxino que a nosa República tenta ocupar posesións que a nación irmá posúe para levar a cabo algo que si aconteceu realmente e que foi a conquista do Nordeste brasileiro, mais na realidade polos Países Baixos, non por Galiza, claro está. A ucronía abre portas e preguntas e creo que é especialmente útil á hora de dar voz ás realidades subalternas e silenciadas como é a galega. Temos dereito a imaxinar pasados que nos roubaron.
"A ucronía abre portas e preguntas e creo que é especialmente útil á hora de dar voz ás realidades subalternas e silenciadas como é a galega"
Que escribiches antes? Desde cando escribes e por que e a primeira vez que publicas unha novela?
No ámbito de ficción, antes desta novela escribín relatos que resultaron premiados en distintos certames como o da Asociación Cultural Cidade Vella, en 1988, o de Relato Curto Terra de Melide 2001 ou o Manuel Murguía en 2002 e tiña publicado en revistas e en obras colectivas. Escribo dende cativo, por necesidade, para respirar no medio dunha realidade que moitas veces abafa, aínda que nunca falei diso en público, por pudor e porque un nunca está seguro da calidade do que fai e, por suposto, aspiraría a facelo mellor.
"Escribo dende cativo, por necesidade, para respirar no medio dunha realidade que moitas veces abafa"
Creo que por iso lle chamou a atención mesmo a xente coñecida. Alén diso, eu para escribir unha novela preciso un tempo continuado que ao traballar resulta difícil de atopar. Penso que escribir ha ser semellante a ser unha tecelá que debe ir devagar, ao xeito. Na cabeza hai unha idea e tes que atopar e unir os fíos para construíres eses mundos novos. Nese sentido, o premio Repsol supón unha axuda, un ánimo grande e aporta unha certa confianza nun mesmo.