De 'Lúa Vermella' aos encontros con cineastas: unha ducia de razóns para achegarse a Novos Cinemas

© Novos Cinemas

Este martes comeza en Pontevedra unha nova edición do festival Novos Cinemas, que se desenvolverá de forma simultánea no Teatro Principal e o Museo Provincial e online a través de Filmin. O festival abrirase coa proxección de Lúa Vermella, de Lois Patiño, e en total poderán verse 25 filmes (e 20 películas estarán dispoñibles en Filmin). A Sección Oficial acollerá unha selección de nove títulos, todos inéditos en Galicia. As entradas para asistir ás sesións presenciais xa se atopan á venda a través de ataquilla.com

O festival abrirase coa proxección de Lúa Vermella, de Lois Patiño, e en total poderán verse 25 filmes (e 20 películas estarán dispoñibles en Filmin)

O cineasta Luis López Carrasco, protagonista do foco desta edición e finalista a tres Premios Feroz coa súa película El año del descubrimiento (mellor dirección, película e guión) estará presente na cidade para presentar algúns dos seus filmes. O certame, que rematará o domingo, inclúe un espazo de asesoramento para proxectos en fase de desenvolvemento (LAB), no que se inscribiron 207 proxectos, e haberá igualmente encontros cos cineastas Nuria Giménez e Andrés Goteira e dúas mesas de debate. 

Ofrecémosche aquí unha ducia de razóns para achegarte a Novos Cinemas - Festival de Cine Internacional de Pontevedra, ben en persoa ou ben a través da rede:

1- Apertura con Lúa Vermella. A quinta edición do Novos Cinemas dará inicio este martes 15 de decembro coa última película de Lois Patiño, un filme que nos sumerxe na historia dunha vila da costa galega onde o tempo parece terse detido. Lúa Vermella vén de recibir recoñementos como o premio Luis Ospina á mellor dirección no Festival de Cali (Colombia) ou o premio á mellor película española na Zonazine do Festival de Málaga 2020. 

Luis López Carrasco, finalista a tres Premios Feroz coa súa película El año del descubrimiento (mellor dirección, película e guión) estará presente na cidade para presentar algúns dos seus filmes

2- Primeiro foco en Galicia de Luis López Carrasco. O realizador, guionista e produtor murciano vén de recibir tres nominacións aos Premios Feroz (mellor película, guión e director) por El año del descubrimiento, que poderemos ver o sábado no marco do Novos Cinemas. Con esta súa última película, que indaga e reflexiona sobre o relato da historia española recente e sobre os seus procesos de borrado, recibiu tamén recoñecementos internacionais como o premio á mellor película no Festival de Mar de Plata (Arxentina) ou o prestixioso gran premio edo Cinéma du Réel (Francia); e tamén colleitou premios en España como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sevilla. Este foco en Novos Cinemas proxectará tamén a súa curta Aliens e a película El futuro.

3- As seccións competitivas do Novos Cinemas (a Sección Oficial e a Sección Latexos) poderánse ver no Teatro Principal de Pontevedra e na súa versión online a través de Filmin. A Sección Oficial conta nesta edición con nove propostas, todas inéditas en Galicia, que aspiran a representar o cine contemporáneo máis creativo e arriscado. Entre a selección poderemos ver películas como Ar condicionado, de Fradique (Angola); Il n’y aura plus de nuit, de Eléonore Weber (Francia); Si yo fuera el invierno mismo, de Jazmín López (Arxentina); Dramarama, de Jonathan Wysocki (USA) ou Fortezza, de Ludovica Andò e Emiliano Aiello (Italia), estas tres últimas inéditas en España. Os contidos van desde achegamentos con humor ao realismo máxico a emotivas relecturas sobre a comedia adolescente ou reflexións sobre a patolóxica relación que establecemos coas imaxes que consumimos.

A Sección Oficial conta nesta edición con nove propostas, todas inéditas en Galicia

4- Dende a súa xénese, Latexos acolle as primeiras e segundas obras de carácter máis fráxil e íntimo. Cun marcado carácter testemuñal, os filmes que compoñen esta sección conxugan nesta edición o retrato intimista de comunidades que afrontan inevitables cambios vitais -Mamá, mamá, mamá (Sol Berruezo) e La última primavera (Isabel Lamberti)- , a radical refutación dunha historia oficial que agocha a súa barbarie baixo o lema da civilización -Anunciaron tormenta (Javier Fernández Vázquez)-, ou a obstinada e sensorial búsqueda dun artista tan singular e resiliente como esperanzado -¿Qué hago en este mundo tan visual?, de Manuel Embalse-, que ademais terá no Novos Cinemas a súa estrea en Europa.

O director, guionista e montador lucense Andrés Goteira presentará as primeiras imaxes de Welcome to ma maison, a súa primeira incursión no xénero do documental

5- Encontro con Andrés Goteira. O director, guionista e montador lucense presentará as primeiras imaxes de Welcome to ma maison, a súa primeira incursión no xénero do documental. Tras dirixir varias curtametraxes, Goteira gañou trece Premios Mestre Mateo coa súa primeira longa, Dhogs, que se exhibiu en prestixiosos festivais internacionais como Sitges, Mórbido, D’A ou o BIFFF. Welcome to ma maison narra a historia de Igor Fernández, un actor que se afasta da interpretación tras sufrir un colapso emocional. Tras este feito traumático, Igor comeza a escribir un libro sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía de Nicolas Winding Refn. Andrés Goteira falará neste encontro do seu método de traballo e presentará, en exclusiva, imaxes deste suxerente proxecto, que se atopa na actualidade en fase de postprodución. 

Boa parte dos filmes do festival poderán verse en Filmin ©

En “Pasaron por Novos Cinemas”, sección especial só en Filmin, o público poderá acceder a outras películas que pasaron nalgún momento polo festival

6- “Pasaron por Novos Cinemas”, sección especial só en Filmin. Neste apartado da plataforma o público poderá acceder a outras películas que pasaron nalgún momento polo festival tales como Dead slow ahead (2015) de Mauro Herce (director de fotografía O que arde); Tren de sombras (1997), de José Luis Guerín; Antonio um dois tres (2017) de Leonardo Mouramateus; Young & beautiful (2018) de Marina Lameiro; Violet (2014) de Bas Devos (a quen se lle dedicou o foco no Novos Cinemas de 2019) e Blanco en blanco (2019) de Théo Court.

Novos Cinemas acollerá tamén a proxección das pezas de novos e novas cineastas que sairon do obradoiro O ceo a medio facer. O cinema en primeira persoa

7- Novos Cinemas acollerá tamén a proxección das pezas de novos e novas cineastas que sairon do obradoiro O ceo a medio facer. O cinema en primeira persoa, impartido polo cineasta Eloy Domínguez Serén para alumnado do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Nesta ocasión poderanse ver na primeira xornada do festival oito creacións: Nome feminino plural, de Raquel Álvarez e Valeria Martínez; Ya es mañana en Australia, de Noemi Parga; No signal!, de Paula Tarrío; Novembro, de Juan Ares; Aleteado, Yuri Salgado; Plano Secuencia, de Daniel Vidal; Htomlai.com, de Tamara Goberna e Hamalau, de Bea Pérez Fernandes. 

Dorothé na Vila (2020) achéganos á figura da musicóloga suíza Dorothé Schubarth, corenta anos depois da súa viaxe por Galicia a finais dos 70

8- Proxección para alumnado de Bacharelato de Dorothé na Vila (2020), o primeiro documental de Alejandro Gándara e Olaia Tubío. Esta peza achéganos á figura da musicóloga suíza Dorothé Schubarth, corenta anos depois da súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran en Europa Central. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego. Olaia Tubío e Alejandro Gándara percorren moitos lugares polos que pasara Dorothé para atopar as voces que lle cantaran a ela e descubrir as historias de vida destes informantes. 

A cabeceira desta edición está realizada pola cineasta Elena Duque

9- Cabeceira da cineasta Elena Duque. A cabeceira desta edición está realizada pola cineasta Elena Duque. Sobre o proceso de creación, a autora di: “empreguei material da miña colección e tamén metraxe atopada no que un experto en ornitoloxía envolve a dous colibrís con coidado para poder transportalos a outro sitio. Esa imaxe conmoveume bastante porque sentín que apelaba á maneira na que o festival trata as películas: escólleas, envólveas con agarimo e lévallas ao público para que poida aprecialas en toda a súa delicadeza”. A banda sonora da peza está composta polo canto do ferreirolo, o paxaro que protagoniza a imaxe do festival, no que se aúna o son das ás da ave ao moverse co dunha guitarra final pertencente á canción “Pajarillo verde”, da artista venezolana Soledad Bravo.

10- Obradoiro Experimentando o cinema, que terá lugar o sábado 19 de decembro de 11.00 h. a 13.00h no Museo de Pontevedra. Neste taller coñecerán o traballo dalgúns creadores cuxa obra está máis preto da creación plástica contemporánea que do relato cinematográfico convencional, e compoñerán as súas propias imaxes. Esta actividade, pensada para rapaces e rapazas de 8 a 12 anos, é gratuíta previa inscripción.

Nesta edición do Lab, espazo de asesoramento para proxectos en calquera fase de desenvolvemento, participarán dúas películas galegas

11- Nesta edición do Lab, espazo de asesoramento para proxectos en calquera fase de desenvolvemento, participarán dúas películas galegas: Patarinos de Zeltia Outeiriño e Vin a noite que nunca se acaba, a que será a primeira longametraxe de Helena Santín. Tamén proxectos de filmes internacionais como A song that slays, de Mo Scarpelli, en fase de tratamento de guión; La cara del sol, de Cristóbal Álvarez, ou El mal del siglo, a segunda longamentraxe de Nicolás Suárez, estas dúas últimas en fase de desenvolvemento. O equipo asesor desta edición estará formado pola coordinadora do fondo para a cinematografía Berlinale-World Cine Fund, Isona Admetla; o produtor executivo en Lastor Media, Sergi Moreno; a responsable de distribución de Elamedia Estudios, Silvia Lobo; e Pepe Coira, guionista, director de desenvolvemento e produtor executivo para diversas compañías. 

Algúns dos autores e autoras que participarán en LAB cos seus proxectos © Novos Cinemas

A clausura do festival corresponderá a My Mexican Bretzel, da directora catalá Nuria Giménez Lorang

12- Clausura con My Mexican Bretzel, da directora catalá Nuria Giménez Lorang. Esta película diario recolle a vida dunha muller de clase acomodada, ilustrada polas filmacións caseiras do seu marido, un rico industrial que filmou a súa vida cotiá entre os anos 40 e 60 do século pasado. My Mexican Bretzel recorda aos melodramas clásicos ao estilo Douglas Sirk e levou o premio á mellor película, guión e dirección no FIC Xixón 2019, o premio Found Footage do IFFR Rotterdam 2020 ou o Premio do Público no D’A 2020 (Barcelona). O directora participará no segundo encontro co público desta edición, que se celebrará o venres 18 pola mañá no Museo de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.