De Malraux á cultura cidadá: Unha viaxe no tempo que nos leva de novo ao inicio

Un concerto, este verán en Ourense © ESCuA

A caída das ideas do profesor Florida sobre as clases creativas, o pouco desenvolvemento das “industrias” culturais, as trampas que agocha a teoría do emprendemento en xeral e do creativo en particular e a gravísima e continuada precarización laboral á que se nos levou na última década ca escusa da chamada crise, fixéronnos remudar VALORES e formas de facer en cultura, volvendo a poñer o foco de novo na proximidade, no colaborativo, no social e no relacional.

A precarización laboral, o pouco desenvolvemento das industrias culturais, as trampas da teoría do emprendemento fixéronnos remudar valores e formas de facer en cultura, volvendo poñer o foco de novo na proximidade, no colaborativo, no social e no relacional

E volvemos a falar da cultura como un DEREITO máis que coma un recurso. E paramos as obras das grandes infraestruturas (de momento), e criticamos os macro-festivais e premiamos aos pequenos. E os grandes congresos de Madrid aos que iamos no pasado, volveron a chamarse “de cultura e cidadanía”.

Mais comecemos polo principio. En 1959 André Malraux é a primeira persoa que dirixe un ministerio de cultura como hoxe o entendemos, nunha Francia que por intereses estratéxicos e non humanísticos (pero esa é outra historia) decidiu crear un ministerio e unhas políticas públicas que facilitasen á cidadanía o acceso universal á cultura. Desta maneira naceron as casas da cultura como rede de equipamentos descentralizados e pensados para achegarse ao pobo. E, desta maneira, o Estado converteuse no actor principal do que emanaba a cultura.

 

1968

A Malraux e a De Gaulle colleunos o Maio do 68 en París, e non lles gustou nada, mais non puideron evitar que se convertera nun punto álxido de cidadanía, de implicación social e política, de activismo e participación.  A década que inaugurou aquel Maio veu marcada dos Pirineos para abaixo polas nosas propias circunstancias. Morreu un ditador. E respirouse liberdade (igual máis que agora). E en cultura primaba o sociocultural, a base, as asociacións,  o amador, a cidadanía.

André Malraux | Dominio público

“Ámbito sociocultural” encabeza este texto. Que é o sociocultural? Pois dende aquelas décadas dos 60/70 e até hoxe é, segundo di a UNESCO, “o conxunto de prácticas sociais que teñen como finalidade estimular a iniciativa a participar das comunidades no proceso do seu propio desenvolvemento e na dinámica política na que están integradas”.

O sociocultural é participar, implicarse, ser parte activa do proceso en vez de ser espectadoras das políticas culturais que o poder deseña para nós. O sociocultural é exercer a cidadanía. É xerar a cultura dende abaixo cara arriba e non ao revés. É facer unha cultura distribuída entre moitas persoas que, como a practican e a senten, xa non necesitan convocar a audiencias que as contemplen, porque a propia cultura está inserida na vida das persoas, e os aforos sempre se enchen.

O sociocultural é a cultura de base comunitaria, baseada nas teorías da educación social e popular que incidían en que o coñecemento (e o cultural) non debía ser só transmitido, senón xerado, popular e colectivamente.

O sociocultural é converter a democratización cultural de Malroux nun estadio máis avanzado e conectado coa xente: a democracia cultural

O sociocultural é ampliar, superar e desbordar o dereito de acceso á cultura recoñecido na Constitución española. Máis alá dese dereito de acceso, do dereito a ser espectadoras, está o dereito a ser protagonistas, o dereito a participar, a facer cultura. A sociocultura é o exercicio activo dese dereito. Un exercicio transformador, en canto incide na evolución social e política dos territorios. A capacidade de auto-organización cidadá e de espírito crítico que favorece o exercicio sociocultural non a acadaron os macro-equipamentos máis espectaculares aos que temos acceso pero dos que estamos tremendamente afastadas.

O sociocultural é converter a democratización cultural de Malroux nun estadio máis avanzado e conectado coa xente: a democracia cultural. Porque a sociocultura é, sobre todo, unha ferramenta para avanzar na democracia.

 

1987

En 1987 un engominado Michael Douglas namoraba ao mundo coa erótica do dólar. E comezamos a falar de industria (cultural), de marca-territorio, de Guggenheims e Calatravas, de Xacobeos e macro-festivais

Sigamos con esta liña do tempo estimulante e pouco académica. En 1987 un engominado Michael Douglas namoraba ao mundo coa erótica do dólar que representaba Wall Street e os brokers da bolsa. Aquela estética  conquistaba o planeta e tamén o esquema de valores de Occidente, e claro, a cultura non quería ser menos. E comezamos a falar de xestión (cultural), de industria (cultural), de emprego e de turismo (cultural), de marca-territorio, de Guggenheims e Calatravas, de Xacobeos e macro-festivais, de creatividade e innovación, de economía e cultura. Richard Florida sentaría as bases dunha nova clase social, a creativa, que dúas décadas máis tarde é exemplo de precarización e de “desclase”, que diría Jaron Rowan. “Fuimos neoliberales y nos encantó”, dicía o seu amigo Rubén Martínez. O paradigma da economía e a cultura (da economía e todo) segue vixente na nosa sociedade, como  continúa o sistema capitalista, parece que por momentos esgotado pero cunha enorme capacidade de reinvención e supervivencia.

Cidade da Cultura | Xunta

1998

Neste ano naceu Google, icona dunha das revolucións máis importantes do último século, como é a revolución dixital, Internet e tódolos cambios socioeconómicos que isto desencadeou.

Internet veu a cambiar a nosa maneira de relacionarnos, de comunicarnos, de consumir. Cambiou estratexias de sectores enteiros e cambiou tamén as formas da participación cidadá. Pode ser que con obxectivos perversos, como se pode entender na teoría da modernidade líquida de Zygmunt Bauman, pero o feito é que a vontade de participar hoxe trasládase a través das redes sociais e da altísima conectividade á que temos acceso. Unha participación virtual, extremadamente cambiante e que implica pouco compromiso, pero que a través de facilitar a conexión (real ou non) entre persoas, empuxou a que cambiaran moitas cousas. Esta “participación líquida” cambiou e fixo máis complexas as estruturas nas que nos relacionamos. Cambiou o punto de vista emisor-receptor en moitos eidos, favorecendo a participación das multitudes. Por exemplo, no eido do coñecemento, no paradigma anterior, había un emisor claro: os gardiáns do coñecemento, a academia, a enciclopedia, as persoas que definían o significados das palabras. A día de hoxe, a enciclopedia máis consultada en Occidente xa non é unha obra pechada firmada por uns poucos, senón que é unha construción colectiva dunha multitude de persoas que, a través da conectividade de Internet, co-escriben a Wikipedia.

 

2008

A crise. Unha vez desencantados do manifesto Holstee e a febre do emprendemento, démonos conta de que a precarización laboral era a realidade final da que non nos falaban nin Richard Florida nin Michael Douglas

A crise. Unha vez desencantados do manifesto Holstee e a febre do emprendemento, démonos conta de que a precarización laboral era a realidade final da que non nos falaban nin Richard Florida nin Michael Douglas. E remudamos os valores, e volvemos centrar o foco nas persoas, e desenvolvemos novas teorías. 

“O decrecemento en termos xerais avoga por repensar o desarrollismo e o crecemento económico e produtivo como único paradigma da sociedade. As propostas decrecentistas falan da redistribución e relocalización dos recursos a partir de experiencias de autoxestión cidadá, que dean opción a outro tipo de relación entre medios, sistemas e modos de supervivencia. O decrecemento reformula polo tanto a produción cultural en termos de ecosistemas socioculturais onde diversos axentes entran e deben soster un ritmo de relacións nun entorno e cunha biodiversidade específica. O reto é non caer no colonialismo e no monocultivo das grandes corporacións globalizadas tamén na produción cultural. Evitar este sistema de produción de grandes proxectos centralistas nos que non se permite a produción local e a biodiversidade. O decrecemento cultural propón a redistribución dos recursos, con outras lóxicas de xestión, con outros orzamentos, con outros axentes e outros tempos e ritmos. Póñense agora en dúbida os macro-eventos, as grandes programacións de alto custo, as grandes infraestruturas…a cultura tranxénica”. Ante isto, modelos de cooperación local, xeración de grupos de traballo, transversalidade e colaboración entre diferentes axentes de cada territorio onde se traballa, espazos de cidadanía directa”

Transductores. Plataforma interdisciplinar.

 

2011

Nos últimos anos toda unha serie de condicionamentos que non imos analizar aquí desembocaron nunha crise de representación política que se fixo visible o 15 de Maio de 2011 en prazas e lugares de todo o Estado, e noutras partes do mundo. Moitas persoas, fartas dos sistemas políticos que as gobernaban ata ese momento, berraron que eses sistemas xa non as representaban. E a partir de aí non só se desencadearon cambios institucionais e electorais, senón que sobre todo se remotivaron moitos movementos de autoxestión e participación cidadá. A teoría dos comúns cobrou forza e está a definir moitas formas de facer que se están institucionalizando en certa medida dende a sociedade e dende algunhas administracións.

“Se houbera que crear un museo dedicado a honrar a cultura da aprendizaxe, ¿cal sería o seu contido? Primeiro habería que despedagoxizalo; é dicir, sacar dos seus deseño ao expertos na fábrica do currículo, aulas, libros de texto, test de control e cadros de honra. O seu lugar deberan ocupalo a xente do barrio, os músicos de rúa, as artistas urbanas e os contadores de historias. Tamén estarían as mestras, as que tivemos na aula e as que nos atopamos na rúa. Invitaríamos aos profes para que deixaran espazo aos mestres. A radio, o centro social, o clube de sendeirismo, a sala de espera do médico, as festas do pobo, o mercado, e sobre todo a praza pública. En calquera sitio, de calquera persoa e en calquera momento sería o lema do noso museo”.

Antonio Lafuente (2015) investigador do CSIC na área de estudos da ciencia, especializado en procomún.

Transductores | UCLM

Ante esta REALIDADE ACTUAL á que chegamos logo desta viaxe exprés polas últimas décadas, as persoas que traballamos en cultura debemos repensar unha vez máis o noso papel. O libro branco da xestión cultural a nivel estatal fala dun/ha profesional da cultura FRONTEIRIZO, unha sorte de axente individual e comunitario, intersectorial (público, privado, terceiro e cuarto sector, mixto..) transversalizado por tódolos campos potenciais e activos da creatividade, mediador/a para a imprevisibilidade das tendencias culturais. 

Esta realidade actual á que chegamos por diferentes motivos está polo menos na miña opinión máis preto que nunca das teorías socioculturais clásicas

As institucións públicas deberan ser tamén híbridas, garantes do acceso á cultura recollido no artigo 44 da Constitución, mais tamén facilitadoras da produción, da participación en cultura, con vocación de servizo e poñendo os recursos públicos a disposición do ben común.

Esta realidade actual á que chegamos por diferentes motivos está polo menos na miña opinión máis preto que nunca das  teorías socioculturais clásicas. Hoxe en día priorízase O FACER DA CIDADANÍA, sexa esta expresada en colectivos, asociacións, entidades ou empresas. Xerando un ECOSISTEMA CULTURAL moi vivo, con moita diversidade de “especies”, públicas, privadas e comunitarias que interactúan entre si para ofrecernos unha riqueza e dinamismo enormes. É reto da administración redistribuír os recursos públicos de forma xusta para que este ecosistema sensible se manteña e medre na medida que a cidadanía demanda. E é reto das persoas profesionais da cultura entender esta realidade e axustar a súa maneira de facer ao momento histórico no que nos atopamos.

Pasar do eventismo aos procesos, do consumo cultural á implicación e dos públicos ás comunidades coas que hai que facer mediación

As profesionais da Administración pública, porque temos ou debéramos ter obxectivos claros en canto ao retorno social do noso traballo, mais tamén as profesionais privadas da cultura acadarán máis éxito e sostibilidade para os seus proxectos -na miña opinión- canto máis se acheguen a esta realidade actual da que falan foros, congresos e centros de decisión como o Ministerio de Cultura, que nos encontros de cultura e cidadanía fala de novo de políticas culturais da participación e a colaboración, de pasar do eventismo aos procesos, do consumo cultural á implicación e dos públicos ás comunidades coas que hai que facer mediación. Esa palabra que renomea agora o que sempre fixo a animación sociocultural.

Alberto García, no curso de Xestión Cultural da USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.