Nesta época de verbenas, festas e tamén orquestas non hai que esquecer a música en galego dos grupos que enchen todo o ano, e non só no verán, locais, salas ou festivais. Superoito, Dios Ke Te Crew, Ruxe Ruxe, Leo i Arremecághona, Bolboreta, Ataque Escampe, Roberto Sobrado, Familia Caamagno ou Xosé Constenla son unha representación tanto de cantautores e cantautoras como de moitos grupos novos do país que seguen o rock, o rap, o punk ou os seus derivados. Sempre se di que a cultura dun pobo nos pode transmitir o seu estado. A música, como un dos seus principais expoñentes, danos unha visión da situación que estamos a vivir. “A arte é un mecanismo de expresión e tamén de rebeldía”.
Que nos conta a música galega e en galego?
Leo, un artista moi polifacético en grupos como Leo i Arremecághona, Das Kapital ou Labregos do tempo dos Sputnik, recoñece que lle canta á liberdade, “a ningunha revolución concreta senón á liberdade dos individuos, intento configurar un mundo posible que precisamente é posible se es capaz de representalo no escenario” Con cancións como “Eu nunca serei yo” ou “kastrapo pajuer” non esquece a importancia da lingua nas súas cancións: “a partir do concepto da liberdade xa vén todo o demais e a lingua por suposto. Por moito que intenten a victimización do verdugo, dende as Torres Xemelgas ata Irak. Aquí tivemos a nosa pequena ración con Galicia Bilingüe. Intentaron apropiarse das palabras e non se pode permitir. A batalla está na lingüística, Hai uns días a empresa responsable da última catástrofe que vivimos no país diferenciaba entre alta velocidade e velocidade alta”.
Roberto Sobrado afirma que as súas cancións “todas sen excepción", son "cancións protesta". "Da igual se falan de circunstancias concretas, de sentimentos ou se son un xogo creativo”, afirma. “O feito de cantar e escribir letras propias é revolucionario de por si, fronte á desidia e o aborregamento xeral é preciso o proceso creativo”. Como cantante gústalle tomar partido ata “mancharse" porque "temo o silencio do bos”, “a arte é un mecanismo de expresión e tamén de rebeldía”. Cita a Bruce Springsteen que dicía que “o canto é coma o canario na mina: cando non canta, deberíamos comezar a preocuparnos en serio”, él pensa do revés... e do dereito.
Mou fala por Dios Ke Te Crew, un grupo que celebra este ano o seu décimo aniversario no mundo da música en galego, dez anos rapeando con cancións que non deixan de lado a crítica á sociedade e ao mundo que os rodea. "Eu entendo a música como unha forma de expresión. No noso caso diría que con máis razón: o rap sempre estivo ligado á rúa, normal que dende as súas letras se reflicta a realidade, reflexionando sobre ela, distorsionándoa e como non, reivindicando". En Dios Ke Te Crew expresan o que senten "reflectimos o que nos sucede como individuos na nosa música".
“A arte é un mecanismo de expresión e tamén de rebeldía”
Lydia Botana, Bolboreta, vai voando dun recuncho a outro aínda que recoñece que "como Galicia non hai nada". Para elixir os seus temas ou compoñelos, baséase nas súas ideoloxías, nos seus sentimentos do día a día: "falo da sociedade que me rodea a min dende as falsidades, xente que fala por detrás ata o optimismo e a visión de que outras opcións son posíbeis. As inxustizas, como o tema da minaría ao que lle dedico un tema, son outro dos temas principais entre as miñas cancións". Ademais das "cancións para adultos", como ela di, nunha mestra non poden faltar as cancións para os máis cativos: "contarlles a visión optimista do mundo maravilloso e ensinarlles entre outras cousas a coidar a terra, é moi gratificante". "Fago unha autobiografía da miña personalidade coa música e coa vida, movéndome de aquí para alá pero sempre voltando... como Galicia non hai nada".
O cantautor Xosé Constenla trata de plasmar as cousas que lle ocorren e lle afectan en sentido positivo ou negativo. “Coido que escribo sobre a vida que nos tocou vivir xogando moitas veces con cousas miúdas, domésticas, que son síntomas de aspectos máis globais da realidade. Por exemplo, retratar a chegada a casa dun home -fillo, pai e esposo- que foi deixando os seus soños en ducias de entrevistas laborais para as que non dá o tipo e que arrastra unha profunda sensación de fracaso; mentres do outro lado da porta agárdao a súa vergoña pero tamén o seu alento amigo e cómplice. Non é iso unha imaxe propia e desgraciadamente usual da crise sistémica que padecemos?”.
Superoito, un grupo con apenas uns meses de vida e xa cunha xira en marcha afirma que os seus temas son moi diversos, pero que a protesta nunca falta. “Quizais dun pequeno detalle nace un tema. Un caso curioso foi o que nos pasou coa canción Martinho, vimos un tweet que decía ‘Es que la gente que pesca no va a la escuela porque no les interesa aprender’. Non podiamos crer que exista xente así, e decidimos facer unha canción en protesta e contestación”. A canción fala irónicamente da vida de Martinho, un rapaz da costa que non ten outra saída que botarse ao mar. Reivindica o oficio de mariñeiro/a como un dos máis propios da nosa terra. Interpretan a realidade por medio das súas cancións, xa sexa social, falando de xeito cómico da situación da xuventude, con historias de amor entre unha moza de cidade e un rapaz de aldea, da situación da muller no mercado laboral ou a da homosexualidade, ao que eles contestan: “é de música e liberdade, a canción de todos e todas, para ser libres de durmir con quen queiramos, tíos, tías ou todo á vez”. Non se esquecen de Corcoesto, da autodeterminación, da situación da lingua ou da selección galega: “Dille que nós imos loitar, non fan máis que mentir e que xa estamos fartos de aguantar tantas mentiras”, di a canción sobre Corcoesto.
“Dille que nós imos loitar, non fan máis que mentir e que xa estamos fartos de aguantar tantas mentiras”, di a canción sobre Corcoesto
Ruxe Ruxe déixanse levar polo momento, “non somos un grupo que se raie demasiado cos textos e sempre imos un pouco na fura de diante contando cousas que nos pasan pola cabeza, atendendo moito á nosa realidade vital do momento”. O paso do tempo si que xoga un papel fundamental nos seus temas: “sempre nos din que falamos moito do tempo e que facemos moitas referencias a almanaques, reloxos e demais trebellos”. Ven a música como unha alimentación da alma que lle dá enerxías e vías de escape para arredar “das cousas malas da vida”. “É un bo xeito de botar demos fóra e sentirnos doentes e libres cando algo nos preocupa ou nos parece mal”.
Ataque Escampe busca retratar o mundo no que viven dun xeito non xerárquico: “poñemos ao mesmo nivel os distintos temas sen ser dogmáticos na mensaxe ou nas opinións. O que nos gusta é que o ointe saque as súas propias conclusións”. “Aínda que moitos grupos transmitan unha mensaxe política, sexa esta consciente ou non, ás veces facelo de maneira moi explícita pode resultar contraproducente porque precisamente négaslle ao ointe a posibilidade de ser activo na recepción. Soe ser máis importante que te posiciones politicamente á hora de colaborar con causas que o que pase das cancións cara a dentro”. No seu caso, practicando xéneros tan distintos, sen “reducir algo tan rico e complexo como a música popular a un xénero só”, danlle especial importancia á comunicación expresiva, e non informativa, “son moitos elementos a comunicar e non cremos en absoluto que o texto sexa o máis importante”. "É divertido facer cancións e no caso de Galicia serve para pórse de lado da heterodoxia e reivindicar a lingua", engaden,
"É divertido facer cancións e no caso de Galicia serve para pórse de lado da heterodoxia e reivindicar a lingua"
Familia Caamagno define a súa música como "retranca retarded". Destaca que cando eles comezaron "non coñeciamos un só grupo que cantara en galego e fixese garage ou rock sixtie. Había un oco na música en galego que tentamos cubrir". A pesar de que eles cantan en galego gustáballes que o galego se usase "como medio e non só como fin", xa que moitas bandas o usan para "posicionarse políticamente ou como maneira de reivindicación, cousa que é digno de loubanza pero creo que non positivo para a normalzación da lingua".
Os novos grupos, ou os grupos de novos, na música galega non se esquecen dos seus antecesores, dos que moitos aínda continúan dando guerra. Algúns contan, outros defenden ou reivindican, pero sobre todo fano en galego.
Situación actual
"Imaxinación, escena, independencia e paixón", iso é o que nunca pode faltar na música galega, segundo Ataque Escampe. A pesar de todo, as opinións ao respecto son moi dispares. Leo i Arremecághona ve moi ben a situación actual da música galega: "hai moitas opcións e unha certa consolidación tanto a nivel de verán como no inverno". "O problema non está no interior da música, está fora. Debido á crise ou estafa que padecemos fannos creer que a cultura é prescindible". Familia Caamagno ve mal a situación da música en galego: "a situación da música en xeral xa non é boa, imaxínate a cantada nunha lingua minoritaria e minorizada". "A pesar disto cada vez hai máis grupos que cantan en galego, pero sempre nunha precaridade brutal". Familia Caamagno destaca o peche de moitas salas e o abuso de moitos locais que contratan grupos a cambio de cervexa para a banda, pero polo lado positivo "internet e as novas tecnoloxías axudan a distribuír a túa proposta", a pesar de que faltan medios de comunicación especializados: "na tv por exemplo non hai un só espacio para a música".
"Imaxinación, escena, independencia e paixón" iso é o que nunca pode faltar na música galega
Ruxe Ruxe destaca o punto de vista da creatividade e actividade: "dende esa perspectiva a situación da música galega é excelente e fascinante a pesar de que falten plataformas para chegar á xente". "O que non pode faltar, e non vai faltar nunca, é o ánimo dos músicos e músicas para continuar sempre adiante libres e teimudos. Mentras teñamos iso a música do país poderá con todo canto se poña por diante". Xosé Constenla afirma, ao igual que Ruxe Ruxe, que a creatividade e actividade é excelente: "nunca antes como agora houbo tantas propostas musicais de tan alta calidade no país. Semella que a xente escolleu a música para se expresar ou para evadirse ou simplemente para pasalo ben". A pesar de todo destaca a falta de apoio institucional: "isto dáse nunha situación de falta de apoio institucional, tamén nunca vista até agora. Por tanto, a situación é de contraste absoluto: existe unha efervescencia fenomenal de propostas e porén hai pouco pastel que repartir". Ademais, destaca ao igual que a Familia Caamagno, a situación de moitos locais: "pensan que están a facer un favor cedendo un espazo e no fondo perderon o respecto polo oficio de músico. O que esperan é que lle enchas o local, facéndote intervir na promoción e por tanto converténdote en empresario sen beneficio. Resultado na maioría dos casos: hai que pagar para tocar e, se non, quedar na casa".
Roberto Sobrado fala en nome da súa banda e comenta que os que son "proletarios do Rock and Roll, levámonos autoxestionando dendo o principio dos tempos. O sector non está profesionalizado nin aposta polos creadores, e menos se resultas ser fillo dunha perruqueira e un carpinteiro do Carballiño. Resumindo: un Fracaso Tropical". Lydia Botana, Bolboreta, tamén destaca a falta de apoios: "eu son profesora de música e vexo que hai unha falta moi grande de apoio á educación musical e cultural. Corroborei, cun estudo que fixen, a falta de presenza de músicas modernas nos estudos e eso reflíctese na calidade da música. A música en galego ten boa mensaxe, mais nunca se empurrou dende a administración pública nin do sector coa creación por exemplo de escolas de rock que si teñen en Madrid ou Barcelona". Superoito destaca que hoxe en día resulta moito máis fácil pagarlle miles de euros a unha orquestra que cen a un grupo de música en galego. Non hai case apoios aos grupos noveis e a maioría deles desfanse moito antes de chegar a ter nome por falta de medios". Resume a situación cunha soa frase: "está nun mal momento, pero no máis vivo de todos".