De tazas con Vidal Bolaño

A Santa Bolaña © Candidatura do Povo

Unha procesión pagá e cidadá percorrerá as rúas de Compostela este sábado para homenaxear Roberto Vidal Bolaño. Esta Santa Bolaña irá de bar en bar lendo e representando fragmentos da obra do dramaturgo, coa participación de Víctor Mosqueira, Clara Gayo, Chiqui Pereira, Xesús Ron ou Carlos Santiago. A procesión, que organiza a Candidatura do Povo, rematará no Avante cunha foliada e cun concerto de Leo Arremecaghoná e García DKTC.

A Candidatura do Povo, xunto con outros colectivos sociais, defenden a proposta de darlle o nome de Roberto Vidal Bolaño ao Salón Teatro

Creouse xa un evento no Facebook para difundir a iniciativa. Os seus promotores afirman que "facendo fe de puro paganismo recorrerá as rúas de Compostela entre cánticos e ladaíñas profanas facendo parada e via crucis en distintos bares da zona vella, onde o público asistente vai recrear, entre viño e viño, varios fragmentos da obra de Roberto". A Candidatura do Povo, xunto con outros colectivos sociais, defenden a proposta de darlle o nome de Roberto Vidal Bolaño ao Salón Teatro.

A procesión vai partir da Asociación Veciñal "As Brañas de Andrés", nos Pelamios, ás seis da tarde, para logo visitar o Café Bar Trece, o Restaurante Rúa, o Xa Chegou, o Bar As Dúas e O Pozo, para rematar no Pub Avante. Antes, pola mañá, haberá unha charla sobre a figura do dramaturgo, Conversas con Roberto, na Libraria Couceiro coa presenza de Paco Macías, responsable en Edicións Positivas das Obras Completas do autor.

A Santa Bolaña © Candidatura do Povo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.