"Debemos visibilizar o noso traballo, explicar todo que leva facer un libro"

Libraría no Culturgal © Culturgal

Laura Rodríguez Herrera, de Hércules de Ediciones, foi elixida este luns presidenta da Asociación Galega de Editores, nunha asemblea extraordinaria da AGE, celebrada no Consello da Cultura Galega. Rodríguez Herrera, que nos últimos anos viña xa exercendo a Secretaría da Asociación, substitúe Manuel Bragado (Xerais), que dende hai unhas semanas é o responsable do Culturgal. Estará acompañada na executiva da AGE por Xosé Aldea Meizoso, de Ouvirmos, como vicepresidente; Gemma Sesar Ignacio, de Editorial El Patito, como secretaria; e María Jesús. G. Sanjurjo, de Rodeira-Edebé, como tesoureira. Exercerán como vogais Xulio Amigo Estrada, de Editorial Galaxia; Antón Lado Lago, de 2.0 Editora;  Benigno Paz Ramos, de Kns Ediciones; Manuel Bragado Rodríguez, de Edicións Xerais, e Francisco Sánchez, de La Voz de Galicia.

Destaca que nos últimos anos “mellorouse moito a promoción do mundo galego”, e situou o éxito do Culturgal como "un modelo que hai que seguir"

A nova presidenta dos editores galegos entende a súas novas responsabilidades como un "reto" e como a forma "de amosar o meu compromiso e solidariedade coas editoras e coa propia asociación”. Destaca que nos últimos anos “mellorouse moito a promoción do mundo galego”, e situou o éxito do Culturgal como "un modelo que hai que seguir”. Ademais, sinalou como obxectivo a consolidación "doutras iniciativas máis pequenas para achegar o libro e o mundo da cultura á xente”. "Hai que afianzar a asistencia a feiras internacionais: Frankfurt, Boloña, Madrid, Barcelona, pero debemo definir de que xeito queremos ir ás feiras as editoriais, hai moito campo no que traballar”.

Tamén se fixa como obxectivo “traballar en coordinación cos outros actores do que se chama agora cadea de valor do libro, cos libreiros, cos distribuidores e coas empresas de artes gráficas"

Tamén se fixa como obxectivo “traballar en coordinación cos outros actores do que se chama agora cadea de valor do libro, cos libreiros, cos distribuidores e coas empresas de artes gráficas". "Neste momento de dificultades debemos visibilizar todo o noso traballo, ser didácticos, explicar todo o traballo que leva facer un libro", destaca. E, sobre todo, "temos que traballar en que o noso produto sexa atractivo para o público e teña calidade. Hai público para o libro en galego".

En canto ás relacións coas distintas administracións, Laura Rodríguez subliña que "todas as administracións, non só a Xunta, teñen unha responsabilidade co mundo da cultura e co mundo do libro en particular, sobre todo no fomento da edición en galego". Aposta por "manter unha canle de diálogo coa administación" e rexeita as estratexias de "enfrontamento aberto", que neste momento "non funcionan". "As administracións deben apoiar o libro, pero as editoriais non deben depender dela", destaca.

Salienta a necesidade, iso si, de que a administración se implique nas solución dos problemas abertos para o libro educativo, coma os novos currículos, ou a plataforma dixital. "Levamos anos traballando na plataforma do libro galego, unha plataforma que sexa atractiva e que poida competir coas grandes plataformas" -di- "pero estamos nun momento tan delicado que é difícil levar adiante iniciativas ambiciosas, de dixitalización de catálogos, libros interactivos ou deseñar webs máis atractivas. É moi caro facelo, e neste aspecto necesítanse axudas da administración".

"Estamos nun momento tan delicado que é difícil levar adiante iniciativas ambiciosas, de dixitalización de catálogos, libros interactivos ou deseñar webs máis atractivas. É moi caro facelo, e neste aspecto necesítanse axudas da administración"

"Lévanse anos falando de que o libro dixital vai ser o boom, pero o boom aínda non acaba de chegar. O mercado está en constante cambios, debaténdose aínda que dispositivos ou formatos se van impoñer. E nós non estamos en disposición de facer experimentos, por iso seguimos á espectativa. Cada editorial ten estratexias diferentes ante o libro dixital, hai algunha que ten moita oferta, e outras que non se introduciron neste mundo", explica. Nese aspecto, aposta por un impuso á plataforma do libro galego: "ao non estar aínda rematada, hai editoras que non se animan a subir contidos, é un peixe que morde a cola", di, "pero é fundamental que haxa unha oferta sólida para que as bibliotecas poidan ter acceso ao catálogo do libro galego, tamén en dixital".

Laura Rodríguez Herrera, nova presidenta da AGE © Asociación Galega de Editores

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.