Deixa de celebrarse a Feira das Culturas de Compostela

Unha das edicións da feira © Feira das Culturas

O pasado mes de outubro celebrábase a primeira edición da Feira das Culturas de Compostela, un encontro cultural de Santiago e a súa comarca que se celebraba no centro comercial Área Central o primeiro sábado de cada mes. Era unha iniciativa do colectivo Editores de Compostela, integrado por Alvarellos Editora, Contos Estraños Editora, Edicións Positivas, Hugin e Munin, Sotelo Blanco Edicións e Urco Editora e do propio Centro Comercial Área Central. Un proxecto que nacía e que funcionou sen axuda institucional e que, segundo vén de comunicar Paco Macías, responsable de Edicións Positivas, deixará de celebrarse ante a escasa implicación do sector.

Macías sinala que a razón do adeus é “o desinterese de case todos os editores galegos, dos escritores, dos músicos, dos do teatro, do ensino, dos administradores, dos xornalistas"

Nun artigo publicado en Letra en Obras, Macías sinala que a razón do adeus é “o desinterese de case todos os editores galegos, dos escritores, dos músicos, dos do teatro, do ensino, dos administradores, dos xornalistas, dos programadores, dos artistas plásticos, dos que se moven no mundo infantil, dos que queren vender música, teatro, dvd’s… de todos os que imaxinedes. E, morta de morte morrida esta Feira, ninguén pregunta por ela. A súa morte non provocou nin preguntas”. O editor destaca que a Feira buscaba "ser un encontro mensual de todos os sectores relacionados co que convencionalmente entendemos por cultura" e facíao "sen custes, sen subvencións, á maneira das Feiras tradicionais". Conclúe que "era un proxecto ben bonito, unha utopía necesaria nestes tempos e neste país. Aspiraba a ser un carburante que nos levase a todos a algures”.

Henrique Alvarellos: "Quedar quieto e esperar a administración pois, francamente, é unha estratexia mala. Se as institucións queren participar, que se acheguen elas”

A idea fora anticipada polo propio Macías nun artigo publicado en abril en Letra en Obras: "Servirá esta mensual Feira das Culturas para que se vexan xentes e sectores que case nunca coinciden. Xuntándose, os da cultura, sempre matinan proxectos. E xuntos son máis fortes. O público ha de coñecer a inmensidade creativa que por aquí, en Compostela, hai. E xuntaranse todos os sectores sen o paraugas institucional. Non fai falta. E non é necesario nin conveniente”. Unhas ideas que repetiu nunha reportaxe que Alberto Ramos fixo para Praza en xuño. “Este proxecto que lanzamos é moi sinxelo e agardamos que a xente o complique coas súas achegas e a súa participación”, dicía, ao tempo que destacaba que "a feira de Barcelos, coas súas galiñas e os seus porcos, faise sempre, pase o que pase. E non teñen axuda económica nin subvencións institucionais”.

Henrique Alvarellos engadía a esre respecto que "temos que rachar coa dependencia, organizarnos doutro xeito e buscar  solucións e, sobre todo, buscar o público. Quedar quieto e esperar a administración pois, francamente, é unha estratexia mala. Se as institucións queren participar, que se acheguen elas”

Unha das edicións da feira © Feira das Culturas
Actividades infantís na feira © Feira das Culturas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.