Denuncian o peche da biblioteca municipal de Agolada como medida de "austeridade"

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

O Concello de Agolada anunciou hai uns días que pecha a súa biblioteca municipal, que dá servizo os case tres mil veciños e veciñas empadroados, e que conta cun fondo de catro mil volumes e uns 140 socios e socias. O Goberno municipal di que o fai pola necesidade que ten de recortar gastos para facer fronte ás débedas que ten, por exemplo, cos proveedores, case 1,3 millóns de euros. A partir do 1 de xullo, se o Concello non muda a súa decisión, a biblioteca non volverá abrir.

ANABAD-Galicia, que agrupa os profesionais dos servizos de arquivos, bibliotecas e centros de documentación de Galicia, manifestou xa a súa oposición ao peche e reclámalle ao Concello "un esforzo para manter aberta a biblioteca, porque, nestes tempos, tampouco debemos manexar soamente criterios de custo económico senón tamén os de valor social e aproveitamento colectivo". 

Os bibliotecarios e arquiveiros salientan que "aínda en época de crise, hai certos servizos culturais que deben ser de atención preferente, e non se deben descoidar, posto que teñen unha importancia capital para as comunidades ás que serven"

A Xunta Directiva de ANABAD lembra que a crise económica que estamos a sufrir determina que as administración públicas, para facerlle fronte, tomen decisión que están a afectar seriamente a todos os ámbitos, "e especialmente ao eido da cultura, con incidencia directa nos arquivos, bibliotecas e museos". A asociación quere chamar á reflexión ao Concello de Agolada, "para que teña presente que desmontar a biblioteca ten un custo social moi importante, xa que este tipo de centro público presta servizos aos cidadáns, facilitando o acceso á información e á formación, e contribúen á igualdade de oportunidades".

Os bibliotecarios e arquiveiros salientan que "aínda en época de crise, hai certos servizos culturais que deben ser de atención preferente, e non se deben descoidar, posto que teñen unha importancia capital para as comunidades ás que serven, como elemento dinamizador e nivelador das diferenzas".

O grupo Bibliotecarios Gallegos Indignados vén de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas a través de Change.org para impedir o peche da biblioteca. Defenden que o uso das bibliotecas aumenta precisamente en tempos de crise e que resultan "básicas para a formación, a información e mesmo o ocio das persoas", polo que en moitos lugares as bibliotecas son o servizo máis valorado polos cidadáns.

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.